Venres 29 Marzo 2024

Deseucaliptización, fariña, sororidade… cal é para ti a palabra do ano?

Apoderamento, “deseucaliptización”, fariña, fascismo, feminismo e sororidade. Estas son as seis palabras que optan a se converter na Palabra do Ano tras a fase de recollida de suxestións que rematou a pasada medianoite cunha notable participación, segundo informou este martes a Real Academia Galega.

Desde xa, ábrese o período de votación, que se pechará o 25 de decembro ás 23:59 horas. A iniciativa xorde un ano máis do Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da RAG e a Fundación Barrié. As entidades animan a toda a cidadanía a participar na escolla colectiva da voz que mellor define, retrata ou resume o ano que está a piques de rematar ou un trazo destacado deste. A Palabra do Ano 2018 darase a coñecer o vindeiro 27 de decembro. No 2017, a gañadora foi ‘Afouteza’.

Publicidade

A fase previa recibiu máis de 7.000 achegas que se traduciron en 962 termos diferentes

Na primeira fase da campaña recibíronse máis de 7.000 achegas que se traduciron en 962 termos diferentes, unhas cifras que reflicten a consolidación desta iniciativa que o Portal das Palabras puxo en marcha en 2014. Calquera dos finalistas cumpren requisitos claros para se converter no elixido polo público: ser dos máis repetidos na recollida de propostas, referirse a realidades ou fenómenos que están a marcar dalgún xeito a actualidade desde 2018, irromper con forza na linguaxe cotiá ou mesmo cobrar visibilidade como marca de identidade.

Feminismo e sororidade

Feminismo figura entre as candidatas xusto nun ano en que as mulleres encheron o 8 de marzo masivamente ás rúas de toda Galicia, España e moitos outros recunchos do mundo para reclamaren igualdade real en todos os ámbitos da vida. O Dicionario explica que é “doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller”, un pensamento que tamén marca a sororidade, que pode definirse como o pacto entre mulleres para diminuír a fenda entre a súa posición social e a dos homes.

Apoderamento

Outra voz que emerxe con forza neste contexto é apoderamento. Incorporada ao Dicionario da Real Academia Galega o pasado outubro, designa nunha das súas acepcións o “proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais”. O exemplo escollido, e non por casualidade, é o do “apoderamento feminino”.

Deseucaliptización e fascismo

Non é a primeira vez que vocábulos relacionados coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chegan a finalistas da Palabra do Ano, aínda que nesta ocasión o abano é máis amplo. De igual xeito, volveron situarse entre as propostas máis repetidas aquelas que reflicten tensións e preocupacións que chegan desde a area política, como é o caso doutra das seis finalistas, fascismo; e arredor da xestión ambiental, desta volta con ‘deseucaliptización‘ como destacada.

Fariña

O ano que remata tamén lle deu unha nova vida ao termo fariña alén da nosa terra. O motivo nada ten que ver co cereal moído e moito co éxito da serie televisiva baseada no fenómeno do narcotráfico que marcou a Galicia dos anos 80 e co secuestro xudicial que sufriu o libro do xornalista Nacho Carretero, a súa fonte de inspiración. A obra titúlase Fariña en referencia á outra acepción reflectida no Dicionario: “substancia orgánica que se extrae das follas da coca e que, polas súas propiedades, é usada como narcótico ou en anestesias”.

De corrupción a afouteza

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. “A palabra do día” é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Dando un paso máis nesta dirección, desde 2014 convida a toda as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

Podes votar a Palabra do Ano 2018 nesta ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Quen era Eunice Newton? Un proxecto galego recupera a figura da pioneira da ciencia climática

Un equipo da UVigo replica os experimentos da científica que xa alertara en 1856 do impacto da concentración de CO2 na atmosfera

Durán Loriga: un matemático feminista

Amigo de eminencias como Poincaré, o científico coruñés pronunciou en 1904 un revolucionario discurso para defender á muller en ciencia

Políticas e xornalistas, as mulleres máis insultadas en Twitter

As profesionais da información e as que están en política son as máis deostadas, segundo un estudo realizado no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo

Os pasos pioneiros da Universidade de Vigo cara á igualdade real na investigación

A institución desenvolveu nos últimos anos varias medidas para reducir a fenda de xénero que aínda existe na carreira científica