Venres 29 Marzo 2024

Os ovos de gaivota revelan posibles “efectos tóxicos” na súa dieta na área de Vigo

Un estudo do Oceanográfico atopa concentracións significativas de mercurio e organoclorados en mostraxes realizadas na cidade

Un estudo de científicas dos Centros Oceanográficos de Vigo e A Coruña analizou a concentración de contaminantes orgánicos persistentes, como compostos clorados ou bromados, metais traza e metaloides (arsénico, cadmio, cobre, chumbo, mercurio, níquel ou zinc) nos ovos de dúas colonias de gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) na área de Vigo. As mostraxes, realizadas na propia cidade e nas Illas Cíes, revelaron diferenzas significativas no caso do mercurio, entre outros indicadores, o que leva a pensar que estes valores “poderían estar a causar algúns efectos tóxicos na área da colonia de maior influencia antropoxénica”.

O traballo, asinado por Lucía Viñas, Vitoria Besada e Begoña Pérez-Fernández do Centro Oceanográfico de Vigo xunto a Antonio Bode, do Centro Oceanográfico da Coruña, será publicado en novembro na revista Environmental Research, e constata a validez da análise dos ovos de aves mariñas como “un excelente sistema de seguimento, sendo útil para estudar tanto a distribución espacial como a evolución temporal dos contaminantes no medio mariño”, segundo expoñen desde o IEO, xa que “a concentración de contaminantes nos ovos de aves mariñas reflicte a carga corporal en adultos”. Entre outros aspectos, sábese que as aves incorporan metais as súas plumas e, en particular, as aves femias poden acumular estes contaminantes a través da dieta e transferila aos ovos.

Publicidade

Neste sentido, a carga de organoclorados e mercurio nos ovos de aves mariñas mesmo foi recoñecida como un cualificador ambiental polas Comisións de Oslo e París, sendo a base para a formulación dalgúns dos Obxectivos de Calidad Ecolóxica (EcoQO) que proporcionan obxectivos operativos e indicadores para respaldar as avaliacións da saúde do ecosistema e axudar a dirixir as accións de xestión.

As dúas colonias están establecidas na Ría de Vigo, cunha distancia entre elas de tan só 10 km, unha na localidade de Vigo (cidade portuaria) e a outra nas Illas Cíes, dentro da demarcación do Parque Nacional, como área mariña protexida. A investigación apunta a unha dieta máis ampla da colonia de Cíes en comparación coa de Vigo. O estudo apoia, por tanto,  o uso de ovos de gaivota patiamarela como bioindicador de contaminación capaz de diferenciar o nivel de contaminación mesmo en áreas xeográficamente próximas.


Referencia: Yellow-legged gull eggs (Larus michahellis) as persistent organic pollutants and trace metal bioindicator for two nearby areas with different human impact (Publicado en Environmental Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo na Costa Ártabra expón que a poboación de gaivotas caeu un 70% en 10 anos

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia advirte nun novo traballo do "importante declive poboacional" da 'Larus michahellis'

O Oceanográfico de Vigo aborda un novo proxecto sobre microplásticos e cambio global

O científico Juan Ignacio Bertucci estudará os efectos dos microplásticos, os contaminantes químicos e os principais factores de cambio global nos océanos

Demostran a relevancia dos microbios en toda a cadea trófica mariña

Un estudo no que participa o investigador Antonio Bode, do IEO da Coruña, abre a porta a unha revisión das posicións tróficas dos organismos mariños

Científicos galegos publican o catálogo de cefalópodos do noroeste de África

Un equipo composto polo CIM da UVigo e o Oceanográfico da cidade rexistrou novas especies no que é un dos principais sistemas de afloramento mariño no mundo