Xoves 28 Marzo 2024

Ourense é a provincia máis contaminada de España polo uso de antibióticos en galiñas

O INIA acaba de desenvolver un mapa que indica a vulneración do solo á contaminación por fármacos para establecer métodos de vixilancia

A entrada no medio ambiente de antibióticos e resistencias antimicrobianas está fundamentalmente asociada ao uso de fármacos en humanos e animais. Aínda que inxiramos unha determinada cantidade non os metabolizamos completamente e elimínanse en excrementos. No caso das persoas, estes van parar ás depuradoras, e no dos animais, un 90% destínanse para fertilizantes. O Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) acaba de publicar un mapa de vulnerabilidade de solos á contaminación por antibióticos que reflicte que Ourense é a provincia máis afectada debido á concentración de granxas avícolas.

Cando estas substancias se atopan no solo poden chegar aos cultivos; dirixirse, cando chove, ata o curso de auga máis próximo; e filtrarse ás augas profundas. Ana de la Torre, investigadora do Grupo de Investigación en Epidemioloxía e Sanidade Animal e impulsora do mapa, explica que cando os excrementos dos animais son aplicados como fertilizantes portan residuos de antibióticos que son capaces de promover no medio a aparición de xenes de resistencia ou a bacteria resistente. Que pode acontecer cando estes elementos chegan aos cultivos? Dependendo do proceso que tiveran os alimentos antes de ser consumidos, poden ser máis ou menos prexudiciais para as persoas.

Publicidade

As verduras, as froitas, os legumes, son a base da alimentación humana. As feces dos animais aparecen en escenarios agrícolas e de pasto. Nos primeiros, dúas terceiras partes da superficie están adicadas aos cultivos, a maior parte, son cereais e leguminosas. “Con calquera elemento que estea hixienizado ou que estea sometido a altas temperaturas, o risco de que xenes e bacterias cheguen a afectar os humanos é baixo. En cambio, nos produtos da horta e nos pastos, o perigo é moito maior“, alega Ana de la Torre.

“Se unha persoa ten unha resistencia bacteriana que eliminou no medio e que pode chegar ás plantas, pode cambiar o resistoma destes seres vivos”

ANA DE LA TORRE, investigadora do INIA

Da mesma maneira, a contaminación chega ás augas superficiais e profundas. O maior perigo atópase na auga que se consome, aquela non ten ningún tratamento térmico onde se poden eliminar esas substancias. Ana de la Torre fai referencia ao concepo dunha sola saúde, One Health, e sostén que todos os organismos forman parte do mesmo medio. “Se unha persoa ten una resistencia bacteriana que eliminou no medio e que pode chegar ás plantas, pode cambiar o resistoma —conxunto de xenes resistentes— destes seres vivos, de forma que afecte a súa capacidade de loita contra os patóxenos, como pode acontecer tamén nos animais. Todo este percorrido constatouse mediante estudos que evidencian a presencia de bacterias resistentes, fáltanos por saber cales son eses camiños e como se producen”, sinala a investigadora.

Vulnerabilidade de Galicia á contaminación por antibióticos no gando vacún.

Como funciona o mapa?

“Cando desenvolvemos o mapa, vimos, independentemente de todos os factores que poden contribuír, que os antibióticos e resistencias que se eliminan no chan teñen máis peso”. Esta ferramenta online e accesible a todo mundo especifica cara a onde se deben dirixir os esforzos económicos para empezar a tomar mostras e reducir a contaminación por antibióticos. Pode elixirse entre o gando aviar, vacún e porcino, e os efectos de cinco tipos de antibióticos. Esta ferramenta predí onde poden estar as zonas máis prexudiciais da península. No caso de Galicia, pódense apreciar zonas en risco nos tres escenarios, pero especialmente no mapa das granxas de galiñas. “Os parámetros que van ter máis peso na identificación de zonas de risco están asociados ao censo de animais e ao uso de antibióticos”, explica a investigadora.

Vulnerabilidade de Galicia á contaminación por antibióticos do gando porcino.

Aínda que xa existen sistemas de vixilancia de resistencia bacteriana en humanos e en animais de granxa, así como a Directiva Marco de Augas inclúe no seu programa catro antibióticos, para o solo non existe ningunha lexislación que apunte á vulnerabilidade do solo. “O mapa é unha ferramenta benvida que axuda a orientar os futuros esforzos de vixilancia que van ser obrigatorios”, expón. Para ela, España é un exemplo de como se está a loitar para que o uso dos antibióticos se axeite ás necesidades dos animais. O obxectivo principal é reducir o seu uso, xa que hai un anos, España identificouse como un dos continentes que máis medicaba os animais.

Neste senso, a través dun plan nacional que coordina a Axencia Española do Medicamento fixéronse accións de concienciación, e entre eles, o plan Reduce, explica a investigadora, que se puxo en marcha xunto cos sectores gandeiros. “Podemos estar orgullosos, somos un exemplo de como fomos capaces de reducir o uso de antibióticos en animais ata nun 56%”, declara.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Diputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

A UVigo participa nun proxecto europeo para combater as infeccións máis perigosas do mundo

Dous equipos do CINBIO traballarán na formulación e administración dos medicamentos ao tracto gastrointestinal a través da nanotecnoloxía

Estudan diminuír o uso de antibióticos en animais a partir dun extracto de uva branca

O consorcio internacional coordinado pola profesora da USC Marta Lores desenvolveu en Porto a súa terceira asemblea xeral