Unha boa nova para a biodiversidade en Galicia. Poucas semanas despois de que un axente forestal tomara imaxes dun oso pardo (Ursus arctos) na serra dos Ancares, gravan de novo un exemplar na montaña lucense. As imaxes foron tomadas nunha das estradas que percorre a zona na noite do martes ao mércores desta semana.
GCiencia confirmou cos autores do vídeo a veracidade das imaxes e a súa ubicación. Porén, por motivos de seguridade, debido a conflitos acontecidos arredor do oso con anterioridade na serra, decidiuse non informar da localización exacta na que se viu ao animal.
Na montaña lucense hai actualmente en marcha un plan europeo Life para mellorar a convivencia do oso pardo coa poboación local e as actividades agrogandeiras. O proxecto Life Oso Courel, que se desenvolverá ata 2020, está financiado con 1,6 millóns de euros.