Venres 29 Marzo 2024

200 moedas romanas achadas en Ons: “Esperamos ver a cara do emperador e a data de emisión”

O grupo de arqueoloxía da UVigo atopou as pezas nun recipiente de cerámica oculto baixo terra durante unhas prospeccións no castro da illa

Oculto baixo terra e nun recipiente de cerámica. Así estaba agochado o último tesouro atopado en Ons: máis de 200 moedas romanas de bronce de en torno ao século IV. O achado foi realizado polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (UVigo) mentres realizaba as súas labores de investigación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico da illa.

Polo momento, e a falta de que as moedas pasen polo proceso de limpeza e restauración, aínda se descoñece a data exacta, ou as datas, na que foron acuñadas. “Son terras moi acedas e agresivas cos metais polo que vai ser imposible facer unha lectura de todas as moedas. Con todo, eu agardo que unha boa cantidade delas si que teña lectura e poidamos ver tanto o emperador como a data de emisión para saber exactamente ata onde chega este depósito. Podería chegar inclusive ata inicios do século V, aínda que probablemente quede todo no IV”, explica o director das escavacións, Adolfo Fernández.

Publicidade

Un tesouro en forma de moedas

No marco destas escavacións para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Ons, os investigadores xa atoparan o ano pasado algo máis de 30 moedas no mesmo castro, mais neste caso destaca tanto a cantidade como a estrutura onde apareceu o tesouro.

Vista aérea do castro de Ons onde foron atopadas as moedas.

“Estaban gardadas nun recipiente cerámico e agochadas no chan dunha estrutura moi estreita. Cremos que é unha especie de celeiro ou de almacén, porque dende logo non é unha habitación para uso doméstico nin para durmir. Probablemente este recipiente coas moedas foi agochado no seu momento e, polas causas de abandono do lugar, quedou alí e ninguén o recuperou nin o levou, coa sorte de que puido pasar para nós”, relata Fernández.

O director das escavacións explica que cando aparece un conxunto interesante de entre 20 e 25 moedas xa é considerado “un tesouriño”, especialmente tendo en conta que “en Galicia non hai tantos e é moi interesante atopar este tipo de depósitos”.

Algunhas das moedas atopadas.

O interesante é, polo tanto, a cantidade de moedas atopadas, non tanto polo seu valor económico, aínda que tamén é un aspecto a ter en conta: “Chamámoslles pequenos bronces porque son moedas pequenas, de bronce e pesan moi pouco, polo que non teñen moito valor. Con todo, se falamos dun conxunto de 200 moedas é unha cantidade considerable, inclusive para o que sería nesa época”.

Unha contorna singular

Este achado da contorna de Ons como un depósito singular de numismática, máis estraño noutras partes de Galicia, encaixa co que GEAAT atopara xa nas investigacións sobre as fábricas de salazón que se sitúan na praia de Canexol.

“Houbera algunhas prospeccións e pode que escavacións antigas, mais a nosa foi a primeira escavación científica da zona. Polo cantil e polos restos que aparecían na praia sabíase que había unha fábrica de sal, mais coas limpezas e sondaxes que realizamos nós puidemos ver que había dúas e probablemente tres, incluíndo tamén pantaláns de baixada. Nesa exploración tamén achamos que, alén da salga de peixe, tamén se elaboraba púrpura“, explica o director.

Foi tras estes achados cando decidiron dirixirse ao castro da illa. Se ben o obxectivo inicial do proxecto era a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, tal e como sinala Fernández, “a fábrica de Canexol sería difícil de converter nun museo posto que está no cantil e é unha zona moi pequena”. Así, o xacemento que se considerou máis propicio para entender a ocupación da illa e con máis posibilidades de converterse nunha atracción para o público foi o castro. Foi precisamente esta decisión de trasladar as escavacións a que acabou levando ao achado das máis de duascentas moedas.

“Tiñamos as fábricas na praia, mais necesitabamos saber onde vivía a xente que traballaba nelas. A idea agora é intentar ver onde nace esa ocupación da illa, se comeza na época romana ou se é moito máis antiga. Iso está no castro e nos próximos anos poderémolo saber”, remata Fernández.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución