135 estudantes de bacharelato de toda España danse cita este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC na X Olimpíada Española de Economía, que o luns se inaugurou oficialmente no Salón Nobre de Fonseca. Trátase dunha das grandes citas do programa conmemorativo do 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia que celebra a Facultade da USC, e é a primeira ocasión en que este evento se celebra en Galicia.
No acto de benvida deste luns participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a presidenta da Asociación Española de Economía, Mª Luz Marco; e a decana da Facultade de Económicas e Empresariais da USC, Emilia Vázquez. Todos eles coincidiron en destacar a importancia da presencia dos estudos de economía no currículo de ensino medio.
Na mesma cerimonia fíxose tamén entrega de premios ao profesor e alumno gañadores dos concursos que a Asociación Española de Economía puxo en marcha. Tiñan por obxectivo atopar logo e slogan para este décimo aniversario. O alumno gañador foi Marco Barcia, mentres que o profesor foi Gonzalo Velasco, de Madrid.
Enmarcado no programa de actividades para estes días, os participantes puideron gozar dun roteiro guiado pola cidade de Compostela que contivo unha sorpresa: un flashmob con baile e música galega que sorprendeu os participantes á súa chegada á Quintana, e que deu lugar a momentos moi divertidos.
A Olimpíada
Os participantes escollidos a través das diferentes fases zonais dispútanse este martes o concurso. Só 10 de eles acadarán premio. Para conseguilo, deben enfrontarse a unha proba que consta de tres partes nas que se avalían os seus coñecementos teóricos e prácticos en materia de economía xeral e de empresa. Tamén se analizan coñecementos de comprensión e madurez a través dun texto de temática económica publicado en prensa. A entrega de premios terá lugar este mércores ás 12.00 horas na propia facultade.
A Asociación Olimpíada Española de Economía, que este ano cumpre o seu décimo aniversario, é quen organiza este evento creado co obxectivo de crear vínculos estables entre o ensino universitario e o ensino medio e premiar o esforzo e a excelencia académica dos estudantes de bacharelato.
Celebrada por vez primeira en Valencia en 2009 coa participación de 14 facultades, a Asociación Olimpíada Española chega a este aniversario tan especial coa satisfacción de ter incorporado á totalidade de Facultades de Estudios Económicos das universidades públicas existentes en España, 45 en total, entre elas as galegas.