Sábado 20 Abril 2024

Olga Novo, autora da tese que aborda a relación cultural de Bretaña con Galicia

A poetisa e ensaísta Olga Novo aborda na súa tese de doutoramento ‘O soño dunha Armórica Galaica. Imaxes da Bretaña na literatura galega contemporánea’ a relación cultural de Bretaña con Galicia na pegada na súa literatura. A investigación foi presentada na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC.

Olga Novo presenta nesta investigación, dirixida pola profesora da USC na Facultade de Humanidades e escritora Carmen Blanco e pola docente da Universidade de Rennes Françoise Dubosquet, un amplísimo panorama, de máis de oitocentas páxinas, da prolongada relación cultural de Bretaña con Galicia, dende a historiografía romántica do século XIX ata o poesía celtista de Claudio Rodríguez Fer, profesor visitante en varias universidades bretoas e Doutor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña.

Publicidade

Na súa investigación de doutoramento, Novo aborda en detalle a presenza de Bretaña en Galicia na época da revista galeguista Nós, dedicando capítulos específicos a Cabanillas, Risco, Otero Pedrayo e aos intelectuais galegos daquela época que investigaron persoalmente na vella Armórica, como Castelao e Bouza Brey. Seguidamente tratou as conexións literarias durante a posguerra, primeiro en autores tan celtófilos como Fole, Carballo Calero ou Cunqueiro e, logo, nos que posteriormente estableceron relacións máis políticas co nacionalismo bretón, como Manuel María e Ferrín.

No treito final do estudio, Olga Novo ocupouse do celtismo dende a perspectiva feminista de Carmen Blanco e da “Bretaña libertaria” de Claudio Rodríguez Fer, cunha cita do cal comeza a tese que a propia Novo presentou en catro linguas: galego, español, bretón e francés, e coa que acadou o doutoramento internacional.

Tribunal internacional de tese e cualificación

O doutor e galicista Antón Figueroa presidiu o xurado internacional encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada pola poetisa. O tribunal, do que formaron parte a doutora pola Universidade de Alta Bretaña e especialista en celtismo literario María Lopo, e o doutor en Filoloxía celta pola Universidade de Rennes, poeta e filólogo bretón Gwendal Denez. Os membros do xurado acordaron por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese realizada por Olga Novo.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tese da USC, a mellor do mundo no eido dos fluídos supercríticos

O estudo de Víctor Santos Rosales trata o desenvolvemento de estratexias de procesado de biomateriais no ámbito da medicina rexenerativa ósea

Os ‘drons’, os novos sentinelas a prol do desenvolvemento rural

Unha tese constata o potencial dos sistemas aéreos non tripulados para detectar posibles patoloxías en cultivos en rexións en fase de crecemento

Os baños con auga mineromedicinal, beneficiosos para as persoas con fibromialxia

Unha tese da UVigo amosa a mellora en pacientes con esta enfermidade despois de 14 baños na piscina termal das Burgas

Un estudo revela diferenzas xenéticas entre os salmóns europeos

Unha tese da UVigo estuda a diversidade entre as poboacións do sur e do norte de Europa