A aparición das técnicas de secuenciación masiva de ácidos nucleicos mudou totalmente nas últimas décadas a investigación xenómica. E o abaratamento dos custos destes traballos abre un novo e importante reto para centros de investigación e empresas biotecnolóxicas. En Galicia, a empresa coruñesa AllGenetics, pioneira no seu sector, leva desde 2011 participando en proxectos con centros de toda Europa. E ante o aumento da demanda de formación nestas técnicas, así como en bioinformática, AllGenetics acaba de dar un novo gran paso.
Desde marzo e ata decembro deste 2019, a empresa organiza en Oleiros (Camping Los Manzanos) unha serie de cursos nos que se agarda a asistencia de máis de 200 investigadores. “Ata onde sabemos, só existen en Europa outras dúas empresas de bioinformática que leven a cabo este tipo de formación especializada, e AllGenetics é a primeira en ofrecer esta formación en español”, explica Joaquín Vierna, director xeral da compañía.
Vierna engade que, debido ao cambio constante de tecnoloxías e ferramentas de análise de datos que está a experimentar o sector, é necesaria a actualización constante e formación nesta materia. A formación que ofrecerá AllGenetics afondará nas tecnoloxías que actualmente lideran o mercado (Illumina, Oxford Nanopore e PacBio), así como nas ferramentas necesarias para analizar este tipo de datos xenómicos.
“Estamos apostando polas tecnoloxías de secuenciación de terceira xeración, como as plataformas de Oxford Nanopore, porque cremos que é importante situarnos na vangarda dos avances científicos neste campo. Neste senso estamos traballando na optimización de protocolos de laboratorio e bioinformática que estamos a incorporar aos nosos servizos. Debido a isto, os nosos cursos serán unha oportunidade para poder transmitir o noso know-how á comunidade científica”, explica Antón Vizcaíno, director de laboratorio.
Serán seis cursos, con varias edicións en español e inglés ao longo do ano, con máis de 200 horas de formación en total.
AllGenetics é unha empresa asociada á Universidade da Coruña ubicada no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA). Nos últimos anos acadou importantes avances no seu sector, desenvolvendo sistemas pioneiros en Ecotoxicoloxía que a situaron como referencia internacional. En 2016 recibiu o premio Galicia Spin-off.