Venres 29 Marzo 2024

Así se prepara O Courel para a volta do oso pardo

Varias entidades traballan na serra lucense para facilitar a convivencia entre o animal, aínda en perigo na Cordilleira Cantábrica, e as actividades humanas

Ao percorrer as ladeiras orientadas cara ao sur na serra do Courel, é posible que o camiñante se atope cunhas estruturas ás veces monumentais: grandes muros de pedra, cunha porta pequena e estreita, cunhas laxes colocadas en horizontal na parte superior. Son as abellarizas, tamén chamadas cortíns ou alvarizas; muros con forma circular ou de ferradura, con centos de anos de historia, que protexían os apiarios dos ataques da fauna salvaxe, nomeadamente do oso pardo (Ursus arctos). O tempo fusionou as abellarizas co bosque: moi poucas seguen cumprindo co seu cometido, porque do mesmo xeito que Homo sapiens estivo a piques de acabar co oso nesta serra lucense, o ser humano condenouse case á desaparición nestes montes co éxodo rural.

A recuperación das abellarizas como elemento etnográfico para comprender un tempo e un espazo é un dos obxectivos da Fundación Oso Pardo, que xunto a entidades como a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Xunta de Galicia, e co apoio da Fundación Biodiversidad e Naturgy, desenvolve o proxecto Life Oso Courel. Ata decembro de 2020, esta iniciativa traballa para favorecer o regreso do úrsido a estes montes, tendo en conta tamén as montañas de Ancares, onde hoxe é máis habitual. Xa hai algúns individuos que de cando en vez aparecen pola zona desde as poboacións máis fortalecidas no Alto Sil e Somiedo, pero o obxectivo é que dentro duns anos, O Courel volva a ser un fogar para a especie, e que o ser humano, como xa se demostrou noutros puntos da Cordilleira Cantábrica, poida convivir con el en relativa harmonía.

Publicidade

Na primeira semana de xuño, dous dos responsables do proxecto Life Oso Courel, Fernando Ballesteros e Luis Fernández, participaron en varias actividades na serra lucense para achegar aos veciños o seu traballo. E aproveitaron para percorrer, unha vez máis, varios dos puntos nos que o oso vai deixando a súa pegada. GCiencia acompañounos na visita.

A xornada comezou coa presentación na Estación Científica do Courel dun manual de boas prácticas para o turismo de natureza, impulsado pola Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) do Courel, que agrupa ao sector hosteleiro da serra. “Foi unha proposta que xorde do propio sector turístico, porque cremos que hai que contarlle á xente que chega aquí o necesario que é coidar este espazo”, explicou o biólogo Marcos Reinoso, que desde a súa iniciativa Pía Paxaro organiza actividades de ocio na natureza da serra.

O oso e os apiarios: problemas e solucións

A primeira parada do percorrido é nun apiario semiabandonado que foi atacado por un oso. Fernando Ballesteros e Luis Fernández explican que o contacto con apicultores e o resto de veciños é frecuente, para estar ao tanto de calquera sinal que poida indicar a presenza do úrsido. “O problema neste caso é que o apiario non tiña a protección precisa. O oso detectou o olor do mel e como non tiña impedimentos, entrou. A persoa que o instalou non vive aquí habitualmente, e foi un veciño o que nos avisou dos danos”, explica Luís Fernández.

Os ataques aos apiarios é un dos grandes puntos de fricción entre a actividade humana e a presenza do oso. E a presenza secular das abellarizas evidencia que este non é un problema recente. “O que temos que intentar é que o animal aprenda que as colmeas non poden ser unha fonte de alimento habitual”, engade Fernando Ballesteros. Por isto, un dos labores dos técnicos de Life Oso Courel é o reparto de pastores eléctricos e a axuda aos apicultores para a súa colocación. “Hai que seguir unhas determinadas pautas para adaptarse ao comportamento do oso, pero se fan isto ben, poden evitarse case o 100% dos ataques ás colmeas. Se o oso percibe que é difícil entrar, é moi probable as seguintes veces xa non o intente”.

Ademais disto, a Fundación Oso Pardo facilita os trámites para inscribir os apiarios no Rexistro Galego de Explotacións Apícolas: “Estamos a falar nalgúns casos de xente maior, que vive en zonas afastadas e ten dificultades para desprazarse; nós encargámonos de asesoralos e facilitar a regularización das súas colmeas. Doutra forma, se sufriran ataques do oso, non poderían ter compensacións da Administración”, aclara Ballesteros.

“Temos que intentar que o oso aprenda que as colmeas non poden ser unha fonte de alimento habitual”, di Fernando Ballesteros

Alén da protección das colmeas, as entidades implicadas fomentan a presenza doutras fontes de alimento para o animal. Explica Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, que outra das patas da convivencia é plantación de árbores froiteiras para que o oso poida completar a súa dieta sen ter que acudir ás colmeas. “O oso está catalogado como carnívoro, pero a maior parte do tempo pode alimentarse de arandos, landras, castañas ou cereixas”, subliña Rivas.

A actividade no Life Oso Courel compleméntase tamén co seguimento de posibles trazas que indiquen a presenza do animal. Calquera resto de pelo nunha árbore, unha pegada no solo ou un excremento pode dar pistas para coñecer mellor o estado das poboacións da zona e realizar análises xenéticas. O máis habitual é que os úrsidos do Courel sexan machos, os coñecidos como dispersantes, que desde novos deixan as oseiras e a influencia materna para explorar novos lugares.

Expansión, conflitos e cohabitación co oso

Outro dos obstáculos cos que teñen que lidar os proxectos de recuperación do oso son as crenzas sobre a agresividade do animal. Neste punto afondou Fernando Ballesteros nunha charla que ofreceu no concello de Folgoso o mesmo día da visita, o pasado 7 de xuño. “É posible que hai 150 anos o oso fose un competidor, pero hoxe a situación mudou en gran medida”, expuxo o coordinador de Life Oso Courel. Un estudo publicado esta mesma semana en Scientific Reports expón que entre 2000 e 2015 só se produciron en España cinco ataques de osos a humanos. E na maior parte dos casos son reaccións defensivas de nais cara ás súas crías. E outros estudos en zonas de Europa onde os osos están xeolocalizados con chips expoñen que os animais intentan evitar na medida do posible o achegamento aos puntos con presenza humana.

As crenzas entroncan ás veces con outras semellantes arredor doutras especies, como o lobo. “Non é a primeira vez que nos acusan de soltar osos na montaña”, lamenta Ballesteros. “O que temos que facer é insistir na educación ambiental, ser conscientes de que quen corre risco real é o oso, non nós”, expón.

Nos últimos tres lustros, a situación mellorou, pero só despois de chegar a un punto dramático a mediados dos anos 90 do século XX debido á presión humana. “O risco de extinción foi real”, lembra o biólogo da Fundación Oso Pardo. As actuacións de conservación salvaron a especie na cordilleira Cantábrica, pero as secuelas seguen hoxe. “Houbo unha fractura entre a subpoboación occidental, a máis numerosa, e a subpoboación oriental. Deixou de haber intercambio xenético e isto empobreceu a especie”. Recuperar o corredor entre estas dúas zonas é un dos obxectivos da Fundación. Hoxe hai arredor de 250 osos na zona occidental de Asturias, Galicia e León, e uns 40 na zona dos Picos de Europa e a Montaña Palentina.

A oportunidade do xeoparque

Recentemente, O Courel recibiu dúas boas novas, coa declaración como destino Observer de Turismo Científico e a súa distinción como xeoparque da Unesco, grazas a enclaves como dobramento de Campodola-Leixazós, os achados paleontolóxicos das covas da serra e as explotacións mineiras que se remontan ata a época romana. O atractivo do xeoparque, unido ao traballo a prol da conservación do oso e outras paraxes naturais da zona, poderían contribuír a desenvolver actividades que freen o despoboamento na zona.

A propia charla de Fernando Ballesteros estaba enmarcada na Semana dos Xeoparques Europeos, á que se sumou por primeira vez este ano O Courel despois de recibir a distinción da Unesco en abril. Ballesteros lembrou que noutros xeoparques do mundo onde está presente o oso, este é o símbolo do lugar, como acontece no parque natural de Adamello Brenta, no norte de Italia. Deste xeito, as dúas iniciativas colaboran para conseguir un mesmo fin: a conservación da natureza e un maior recoñecemento por parte da sociedade dunhas paraxes naturais únicas en Galicia.

1 comentario

  1. Bos dias:
    Moi interesante, grazas por divulgar.
    Só 1 cousa: Tanto no artigo, coma no vídeo, usades mal o xénero de mel: a mel* , cando en galego é masculino, o mel.
    Agradecemos a sua correccion pois sodes e debedes ser un modelo de corrección e exemplo a seguir. Grazas!! Alexandre

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O avistamento dun oso pardo nos Ancares constata a recuperación da especie en Galicia

Un veciño de Vilarelle, en Cervantes, consegue gravar un vídeo dun exemplar paseando pola serra

Cinco novos parques eólicos ameazan a Ribeira Sacra: especies e patrimono, en perigo

Aves vulnerables como a tartaraña cincenta ou o milano real quedarían desprotexidas na Reserva da Biosfera Serras do Oribio e Courel

As feridas dun verán de incendios, a vista de satélite

Miles de hectáreas arrasadas en Galicia nos dous últimos meses, co Courel, Valdeorras e o Invernadeiro como grandes afectados

Así se ven as cicatrices que deixan os incendios do Courel, Valdeorras e o Invernadeiro

Máis de dez días despois, a situación comeza a mellorar. Segundo...