Xoves 28 Marzo 2024

Novas análises confirman a eficacia das vacinas de Pfizer-BioNTech e Oxford

A revista "The Lancet" publica os resultados de Oxford e AstraZeneca, mentres que a axencia estadounidense FDA podería autorizar este xoves a de Pfizer

Os anuncios de hai semanas, nos que varias das empresas e institucións máis avanzadas na procura dunha vacina contra a Covid-19 daban conta dos seus avances a través de comunicados de prensa e resumos dos seus estudos, van collendo corpo. O comezo da campaña de vacinación no Reino Unido, que continúa así o camiño iniciado na China e Rusia cos seus ensaios a gran escala, supuxo un novo fito esta semana na contención da pandemia. E parece que as primeiras análises independentes e revisadas que se fan públicas tamén constatan a eficacia das vacinas de Oxford-AstraZeneca e Pfizer-BioNTech, dúas das que con moita probabilidade recibirá a cidadanía galega unha vez que os plans de inmunización se vaian estendendo ao resto de Europa.

Por unha parte, a revista The Lancet publicou nun artigo os resultados da análise intermedia de Oxford e AstraZeneca, que xa foran avanzados nun comunicado a finais de novembro. O texto describe os ensaios realizados en preto de 12.000 persoas voluntarias no Reino Unido, Brasil e Suráfrica. Confírmase unha alta eficacia en xeral, arredor do 70%, que é mesmo maior (90%), no caso das persoas que recibiron unha dose máis pequena na primeira das inxeccións. Esta é unha das cuestións aínda por resolver neste ensaio, xa que debido a un erro coas doses nunha das inxeccións administrouse unha menor cantidade do antídoto a parte dos participantes. Pero foron estes precisamente os que parecen desenvolver unha maior protección. Continúa a investigación para saber cales son as causas destes achados.

Publicidade

Outro dos aspectos que segue pendentes é o da capacidade das vacinas para frear non só a infección e o agravamento da Covid-19, senón tamén a transmisión do virus SARS-CoV-2 a través de persoas con síntomas leves, ou mesmo sen eles. Oxford e AstraZeneca están vixiando, mediante probas semanais, a posible presenza de infeccións asintomáticas, e os datos amosan evidencias positivas neste sentido, segundo recolle Nature.

Incidencia dos casos sintomáticos de Covid-19 nos ensaios da vacina de Oxford. En vermello, persoas que recibiron a vacina e, en azul, persoas que recibiron unha vacina atenuada contra o meningoco, usados como grupo de control. Os dous gráficos amosan a evolución no caso das diversas doses administradas. Fonte: The Lancet.
Incidencia dos casos sintomáticos de Covid-19 nos ensaios da vacina de Oxford. En vermello, persoas que recibiron a vacina e, en azul, persoas que recibiron unha vacina atenuada contra o meningoco, usados como grupo de control. Os dous gráficos amosan a evolución no caso das diversas doses administradas. Fonte: The Lancet.

En todo caso, os resultados, que foron revisados por un equipo de científicos alleos ao proxecto, expoñen que non houbo ningunha hospitalización nos 21 días posteriores á primeira dose. No grupo de control, que non recibía a vacina contra a Covid-19, 10 voluntarios tiveron que ser hospitalizados, e un deles morreu.

En canto aos efectos adversos, que mesmo levaron a suspender uns días o ensaio en setembro, o artigo describe estes eventos en 168 participantes, aínda que todos eles se repuxeron aos poucos días.

Como curiosidade, o artigo tamén recolle o falecemento doutros catro participantes no ensaio, mais por causas non vinculadas á Covid-19: un deles morreu por homicidio, outro nun accidente de coche, outro por un ‘golpe violento’ e outro, por unha pneumonía de orixe fúnxica.

Autorización para Pfizer en Canadá e nos EUA

No referente a vacina de Pfizer e BioNTech, que xa comezou a administrarse no Reino Unido, hai tamén novidades a partir de análises independentes. Canadá anunciou este mércores que autorizaba o uso desta vacina. E a Food and Drug Administration (FDA) dos Estados Unidos difundiu esta semana os documentos que se debatirán nunha reunión que terá lugar este xoves, e onde se podería aprobar a autorización de emerxencia para os EUA.

As análises, realizadas por científicos da FDA, constatan os datos avanzados polas empresas e expoñen a “alta eficacia” da vacina, que se administra en dúas doses, para previr os síntomas da Covid-19. O documento expón que a eficacia é de arredor do 95%, e menor no caso de recibir só a primeira dose. E tamén recolle algúns efectos adversos temporais, como dor no lugar da inxección, fatiga, dor de cabeza, calafríos ou febre.

Con todo, e como é de agardar en todos os procesos semellantes, a análise mantén algunhas incógnitas: non se detalla se a vacina de Pfizer-BioNTech pode frear notablemente a transmisión a través das persoas vacinadas e quedan cuestións pendentes, segundo expoñen os investigadores da axencia estadounidense, para saber se a vacina podería conter todos os casos graves de infección.

A FDA abordará tamén o día 17 de decembro a posible autorización da vacina de Moderna, outro dos antídotos máis avanzados contra o SARS-CoV-2.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos