Xoves 28 Marzo 2024

‘O que aconteceu coa ciencia en España foi unha auténtica masacre’

Traballar coma editora dunha das publicacións máis prestixiosas do mundo é unha ocupación que moitos deben envexar, pero para a bióloga coruñesa Nonia Pariente non é máis cun novo paso nunha carreira que a levou hai máis de quince anos a abandonar Galicia para cumprir o seu soño de estudar e traballar no terreo da Bioloxía Molecular. A oportunidade de traballar na área de divulgación científica permitiulle ter unha visión máis ampla sobre os temas e non bota en falta o laboratorio. Ten claro que os científicos españois en xeral, e galegos en particular, contan cunha boa formación pero teñen moi difícil atopar oportunidades de traballo interesantes na súa terra. E cre que os recortes na política científica foron nestes últimos anos ‘unha auténtica masacre‘ para a ciencia en España.

-Cal foi a súa traxectoria profesional ata chegar ao posto de editora na revista Nature Microbiology?

Publicidade

-Empecei estudando na Universidade da Coruña e despois marchei a Madrid para estudar Bioloxía Molecular. Fixen a miña tese doutoral sobre Viroloxía no centro Severo Ochoa de Madrid e logo marchei a California onde cursei un post-doutorado na universidade de UCLA. Alí comencei a traballar cun editor académico e despois xurdiu a oportunidade de entrar na editorial EMBO Reports de Alemaña. Estiven traballando oito anos para eles en Heidelberg e cando o ano pasado, cando lanzaron o proxecto de Nature Microbiology, presenteime e fun elixida. Agora estou facendo una substitución en Nature coma editora da área de Microbioloxía pero logo volverei ao meu posto orixinal.

‘Lemos todos os artigos que recibimos e enviamos a revisión un 25 por cento’

-Como funciona a mecánica de traballo nunha publicación destas características?

-Recibimos artigos científicos sobre cousas moi diversas. O primeiro que facemos e ler e ver se é factible publicalos. Os que teñen posibilidades de seren publicados os envíamos a outros científicos para que os avalíen e fagan un informe no que digan que cousas faltan ou se deben corrixir para a súa publicación. Entón decidimos se o artigo se publica ou non. Tamén publicamos artigos nos que se contextualizan os avances científicos e publicamos revisións científicas. Outra das cousas que facemos é asistir a congresos científicos e estar en contacto cos grupos de traballo para saber o que se está facendo nunha área determinada.

-Reciben só artigos de grandes centros de investigación?

-Adoitan envialos os xefes dos laboratorios, pero recibimos proxectos tanto de pequenas universidades coma de grandes grupos de investigación internacionais. Antes era máis habitual recibir traballos dun so autor pero agora iso e moi raro. De España se reciben cousas e tamén algunha de Galicia. A xente non debe ter medo a enviar as súas propostas porque este tipo de revistas son levadas por científicos e podo asegurar que o que nos move e a ciencia e lemos todos os traballos que nos chegan. Non hai que ter complexos de inferioridade porque chegan propostas de todo tipo e se o traballo é bo pode chegar a publicarse. Para que os fagades unha idea entre un 25 e un 30% dos traballos que recibimos é enviado a revisión e un 10% chega a publicarse.

-Qué tipo de traballos son os que teñen mais posibilidades de publicación?

-O que mais interesa é que se trate de avances significativos e que teñan unha aplicación xeneralizada. No caso de Nature Microbiology publicamos todo tipo de temas que teñan que ver con Microbioloxía. Nature e moi selectivo pero interesan moito, por exemplo, os temas ambientais e aqueles traballos que conten cunha ampla mostra en distintos países. O ano que ven vai saír unha nova revista, Nature Ecology & Evolution, que permitirá publicar traballos que non requiran unha mostra tan ampla. Pode ser unha boa oportunidade para traballos que se fagan en Galicia, por exemplo.

‘Nature publica traballos de todo tipo, non hai que ter complexo de inferioridade’

-Como ve a situación da ciencia e dos investigadores en España dende fóra?

-Eu fixen a miña tese doutoral no ano 2003 e entón nos atopábamos nun momento de bonanza pero o que acontece é que a ciencia nunca foi unha prioridade en España. Aos políticos non lles interesa porque non dá resultados a curto prazo, hai que investir moito e a longo prazo. De todos os xeitos o que aconteceu nos últimos anos foi unha masacre. A xente que está investigando fóra de España non pensa en volver e, sinceramente, eu se volvese a empezar en España teño dúbidas sobre se volvería meterme nisto. O que é moi bo en España é a educación científica. Nós na universidade non tiñamos a última tecnoloxía pero aprendiamos ben a mecánica dos experimentos, por exemplo. Por iso os científicos españois son moi valorados no estranxeiro.

-Vostede ten formación científica pero ao mesmo tempo traballa no campo de comunicación. Gústalle este tipo de traballo?

-Estou encantada co meu traballo porque permite estar en contacto coa ciencia permanentemente e tamén ter unha visión moi ampla sobre os temas, algo que non conseguiría se estivese traballando nun laboratorio, por exemplo. O día que me retire volverei vivir en Galicia, onde vou de visita todos os anos. Recomendo aos científicos mais novos que se prantexen isto coma unha opción profesional porque pode ser unha boa saída.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia