Venres 19 Abril 2024

Cal é o nome máis común no teu concello? Compróbao nesta aplicación

O Instituto Galego de Estatística crea unha ferramenta en liña que tamén permite consultar a distribución municipal dos apelidos

Lucía, Martín ou talvez Carme e Fernando? Cales son os nomes propios, tanto para mulleres como para homes, máis comúns en Ribadavia, Guitiriz ou, en resumo, en calquera dos concellos galegos? Descubrilo é máis sinxelo ca nunca grazas a unha aplicación deseñada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). O organismo vén de crear unha ferramenta de uso moi sinxelo onde tan só hai que seleccionar —ben no buscador ou ben no mapa— o concello que nos interesa. Se, por exemplo, escollemos Noia, á man dereita aparecerá un cadro dividido en varias columnas. Na primeira dispóñense os nomes femininos, o número de mulleres que os teñen e a porcentaxe que representa respecto ao total da poboación. De igual modo que acontece na columna da dereita, que se corresponde cos nomes masculinos. Seguindo este exemplo, os nomes máis comúns en Noia son María del Carmen e Manuel.

Un exemplo da busca correspondente ao concello de Noia.

Se o desexamos, o IGE ofrece un apartado para coñecer a distribución municipal dos antropónimos. Pódese facer unha busca por sexo e por coincidencia. Con tan só teclear o nome e darlle a buscar, aparecerá un mapa de Galicia con concellos coloreados. En verde máis escuro, os que teñen maior frecuencia e en cor máis claro, o que menos. Ata chegar ao branco, que indica que menos do 0,8% da súa poboación ten este antropónimo. Se, por exemplo, poñemos Mateo no buscador vemos que Valga, Amoeiro e Sanxenxo son os municipios galegos nos que máis do 3% da súa poboación leva este nome propio. De feito, nunha ollada rápida do mapa pódese comprobar que nas provincias de Pontevedra e A Coruña hai moitos máis rapaces chamados Mateo que nas de Lugo e Ourense. Segundo explican dende o IGE, esta aplicación baséase na información recollida no Padrón municipal de habitantes do 2020 que o Instituto Nacional de Estadística (INE) facilita ao organismo galego.

Publicidade

Busca por apelidos

Distribución por concellos do apelido Mouzo.

De igual modo que acontece cos antropónimos, os apelidos tamén teñen a súa propia aplicación. Cun funcionamento exactamente igual ao dos nomes propios, calquera pode coñecer a distribución municipal ou cales son os apelidos máis comúns segundo o concello. En Camariñas, por exemplo, 192 persoas levan Mouzo como primeiro apelido e outras 224 de segundo. Así se pode consultar, facilmente, nunha táboa que se dispón á man dereita do mapa. De igual modo que se buscamos este mesmo apelido na sección de Distribución municipal, veremos que é moi pouco frecuente e que, precisamente, Camariñas é o concello con máis persoas apelidadas Mouzo. Os municipios limítrofes como Muxía, Vimianzo e Laxe tamén teñen unha maior frecuente deste apelido en comparación co resto de concellos galegos.


Podes acceder á aplicación do IGE pinchando nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto sabes do teu concello? Compróbao neste test

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar unha ferramenta online para poñer a proba os teus coñecementos

Ferrol e Ourense, as cidades máis envellecidas de Galicia

A idade media do galego é de 48 anos, e por cada 100 persoas menores de 20 hai aproximadamente 168 de máis de 65

Sofía e Mateo repiten como nomes máis comúns dos nacidos en Galicia

O Instituto Galego de Estatística actualiza a súa listaxe de antropónimos máis frecuentes entre os neonatos de 2021

Cales eran os nomes máis frecuentes na túa década? Descúbreos con esta ferramenta

Os Mateos e Sofías predominan en Galicia, pero Manuel e María dominaron case todo o século pasado