Xoves 18 Abril 2024

A natureza ábrese paso na Serra do Courel, arrasada polo lume hai un ano

Máis de 12.000 hectáreas arrasadas polo lume, vivendas calcinadas, máis dun milleiro de veciños evacuados, perdas forestais millonarias e danos ambientais incalculables… Faise un ano do incendio da Serra do Courel (Lugo) que ostenta a triste marca de ser o máis grande rexistrado en Galicia en toda a súa historia. Malia que o verde se abre paso entre a terra queimada, as pegadas das chamas na paisaxe seguen sendo visibles e o acontecido está moi presente na memoria dos habitantes de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón.

O lume levou por diante matogueiras e monte baixo, piñeirais e castiñeiros, carballos e árbores de ribeira… e tamén gran cantidade de fauna (invertebrados, pequenos mamíferos e aves en crianza), ademais de atentar contra a vida das persoas e as súas propiedades. Unha catástrofe cunha orixe inhabitual, unha tormenta seca cuxos raios acenderon ata cinco focos nas aldeas de Vilamor, Seceda (ambas en Folgoso) e Saa (A Pobra), que se uniron nunha única e devastadora fronte. 

Publicidade

Con todo, doce meses despois o panorama non é de todo negro. Toxos, fentos, plantas herbáceas saltean de verde a terra queimada e algunhas frondosas comezan a rebrotar. “Temos unha vexetación xenerosa, con especies que recuperan moi pronto, un reverdecer que pode ser enganoso á hora de valorar os danos ambientais”, advirte o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra-UVigo. Juan Picos cre que “hai que darlle ao medio a oportunidade de recuperarse (rexeneración natural)”, ao tempo que sinala que “haberá que reforestar, decidindo se é mellor reconstruír as masas arbóreas queimadas ou cambialas por outras especies”

“Temos unha vexetación xenerosa, con especies que recuperan moi pronto, un reverdecer que pode ser enganoso á hora de valorar os danos ambientais”

JUAN PICOS, director da Escola de Enxeñería Forestal da UVigo

Esta mesma precaución é compartida por Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) quen mantén que “os gromos verdes son unha aparente boa nova”, mais non hai que quedar aí. Queda por diante moito traballo por facer de restauración da natureza calcinada, de pensar como se quere repoboar, de decidir se queremos potenciar actividades agropecuarias que axuden a asentar poboación e coidar o monte, etc. En definitiva, “debería haber unha estratexia de recuperación do monte formulada pola Xunta co consenso das comunidades de montes, propietarias da terra”, conclúe.

O saneamento e recuperación dos montes afectados polos incendios do verán de 2022 converteuse nun eixe de acción prioritario para a Consellería do Medio Rural, que acometeu, entre outras actuacións de emerxencia, traballos de mulching (acolchado) de palla e acondicionamento de pistas forestais, ademais de proceder á retirada de madeira comercial queimada e a poxa de madeira dos montes comunais de xestión pública. Por outra banda, sacou liñas de axudas para a replantación de montes de castiñeiros e de apoio aos sectores apícola e gandeiro.

Os traballos de solta de palla fixéronse, no seu día, seguindo as indicacións de técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Antes diso realizaran a inspección, avaliación e localización das áreas de actuación preferente.

Pola súa banda, grupos de voluntarios acometeron, por exemplo na aldea de Vilamor, algunhas actuacións co fin de minimizar o dano ambiental como a construción de diques de sedimentación, cubrir de palla (mulching) algunhas zonas ou instalar comedeiras para animais. Tamén desenvolvéronse, sinala o xestor forestal Marcos Ferreira, varios proxectos privados de repoboación de frondosas nos leitos, zonas especialmente delicadas. Mentres tanto a maquinaria da Xunta segue adiante coa talla de árbores queimadas. Parte da madeira cortada é triturada e usada para facer de barreira natural e impedir que as escorrentías arrastren as cinzas.

Monte calcinado na Serra do Courel. Foto da SGHN

A medio e longo prazo, a Consellería do Medio Rural ten previsto recuperar montes de castiñeiros —en primeiro lugar o de Vilar— e promover a implantación de actividade agrogandeira tradicional en extensiva co dobre obxectivo de evitar incendios forestais e protexer os núcleos de poboación. Exemplos como a recente creación dunha granxa en extensivo dedicada á cría de porco celta en ecolóxico pode guiar o camiño.

Debería haber unha estratexia de recuperación do monte formulada pola Xunta co consenso das  comunidades de montes, propietarias da terra”

SERAFÍN GONZÁLEZ, presidente da SGHN

A causa da extensión, gravidade e comportamento inhabitual do lume nos incendios do Courel a Consellería do Medio Rural decidiu reunir a investigadores, técnicos da administración, expertos forestais, persoal de extinción de incendios.… para avaliar e comprender o acontecido e sacar conclusións.  Acudiron á cita especialistas do Centro de Investigación de Lourizán e da Escola de Forestais da UVigo, expertos da Comunidade Valenciana —coñecedores do comportamento  das tormentas secas, unha dinámica atmosférica moi común no Mediterráneo— ademais de técnicos da administración e profesionais da loita antiincendios que estiveran en primeira liña de lume.

A loxística é un desafío

O acaecido no verán de 2022 leva a Juan Picos a subliñar “a necesidade de insistir na prevención”, actuando nos perímetros dos núcleos de poboación, creando e documentando roteiros seguros para os equipos de extinción e unha posible evacuación de veciños. “Os plans municipais de prevención non poden ser un mero trámite e teñen que fluír para ter cumprida información en toda a cadena organizativa de loita contra o lume e poder adoptar decisións”, engade.

Dúas semanas de intenso combate contra o lume no Courel, cun amplo operativo antiincendios, deixou en evidencia que “a loxística é un desafío” que hai que encarar sen demora. Nos traballos de extinción participaron 314 axentes, 509 brigadas, 259 motobombas, 13 pas, 20 avións, 27 helicópteros, 22 técnicos e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Saber onde e cando van comer, beber, durmir, cal será o seu espazo de descanso, que roteiros de traballo son seguras… non pode improvisarse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa forestal de Galicia para loitar contra os incendios

A investigadora Laura Alonso propón a creación dun inventario específico para non depender do español, que está desactualizado e non ten en conta o minifundio galego
00:01:01

A dramática escena dunha nai delfín que nada xunto a súa cría morta na ría de Vigo

O pequeno arroaz apareceu posteriormente varado na enseada de Cangas e foi retirado para a realización dunha necropsia

As baleas déixanse ver nas costas galegas: avistado un rorcual alibranco en Cangas

Os expertos explican que os xigantes do océano navegan nas augas de Galicia todo o ano, aínda que agora se concentren máis para alimentarse

Sete científicos galegos saen na defensa do uso sostible de produtos fitosanitarios promovido pola UE

Cuestionan as críticas que suxiren que as novas normativas terán efectos adversos sobre a agricultura, a pesca e a sociedade