Era o xaneiro de 1992 cando, por vez primeira, había unha evidencia clara da existencia de exoplanetas; máis concretamente, dous planetas fóra do sistema solar que xiraban arredor dunha estrela a 2.300 anos luz de distancia. Agora, pouco máis de trinta anos despois, o arquivo da NASA vén de marcar un fito con 5.005 exoplanetas documentados, cada un con características únicas.
Esta cifra récord foi acadada este 21 de marzo, engadindo ao arquivo unha tanda de 65 exoplanetas. Este arquivo rexistra os descubrimentos que aparecen en artigos científicos revisados por pares e que foron confirmados utilizando varios métodos de detección ou con técnicas analíticas.
Estes máis de 5.000 planetas rexistrados ata o de agora inclúen mundos pequenos e rochosos como a Terra, xigantes gasosos moito máis grandes que Xúpiter e outros en órbitas moi achegadas ás súas estrellas aumentando con creces as temperaturas. Existen tamén ‘súper planetas Terra’, mundos rochosos máis grandes que este, e ‘mini planetas Neptuno’, versións máis pequenas. Nesta mestura hai inclusive algúns planetas que orbitan arredor de dúas estrelas á vez e outros que xiran arredor de restos de estrelas mortas.
Novos descubrimentos
O Satélite de Sondeo de Exoplanetas en Tránsito (TESS) foi lanzado no ano 2018 e continúa facendo novos descubrimentos. Aínda así, os investigadores apuntan que en pouco tempo os poderosos telescopios de nova xeración e os seus instrumentos altamente sensibles capturarán a luz da atmosfera destes corpos, lendo que gases están presentes para identificar potencialmente os sinais indicadores de condicións habitábeis.
Un exemplo disto é o telescopio espacial James Webb, recentemente lanzado, ou o Nancy Grace, cuxo lanzamento está programado para o 2027, pero todo comezou co Kepler no 2009.
In 5,000 exoplanets, we’ve found worlds similar to those in our solar system, and others, like super-Earths and mini-Neptunes, not found nearby. Many gas giants found elsewhere are in scorching orbits, with ”years” passing in days. Terrestrial planets like Earth remain elusive. pic.twitter.com/6bIa42QxMk
— NASA Exoplanets (@NASAExoplanets) March 21, 2022
O primeiro planeta detectado arredor dunha estrela similar ao Sol, en 1995, resultou ser unha versión de Xúpiter, pero cunha órbita máis achegada á súa estrela. Unha vez que os astrónomos aprenderon a recoñecer este tiplo de corpos nos datos dos telescopios terrestres, os descubrimentos comezaron a multiplicarse.
Aínda así, nada parecía habitable, polo que, para atopar mundos máis parecidos á Terra, había que dar un salto tecnolóxico. William Borucki foi o investigador principal da misión Kepler, baseada na idea de conectar detectores de luz extremadamente sensibles a un telescopio e logo lanzalo ao espazo, unha idea que abriu unha nova xanela ao universo e que permitiu a detección de máis de 3.000 exoplanetas.