Venres 29 Marzo 2024

Catro razóns para visitar os Museos Científicos Coruñeses en febreiro

Neste mes poderase visitar a exposición "Ceos austrais", ver o audiovisual "Desvelando o universo invisible", as proxeccións do Planetario ou asistir á actividade "Aventura coas focas"

A programación dos Museos Científicos Coruñeses —A Casa das Ciencias, o Domus e Aquarium Finisterrae— no mes de febreiro incluirá principalmente catro actividades: a exposición “Ceos austrais”, o audiovisual Desvelando o universo invisible, as proxeccións do Planetario e a actividade “Aventura coas focas”. E por suposto, tamén se poderán visitar calquera dos museos e as súas salas de exposición.

Ceos austrais

A mostra, que se pode visitar na Casa das Ciencias, presenta nove imaxes do firmamento do hemisferio sur —de Australia, Namibia, Chile e Bolivia—, que non é posible observar desde as nosas latitudes. O autor das fotografías é o socio fundador da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e xerente do Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga), Óscar Blanco Varela, que viaxou por todos os continentes na procura de ceos estrelados e eventos astronómicos, como eclipses totais de Sol ou auroras.

Publicidade

“A exposición quere pór en valor a noite estrelada, porque é algo que estamos perdendo na maior parte do mundo a costa da contaminación lumínica”, sinala Varela. A mostra recolle imaxes da Vía Láctea atravesando o firmamento nunha posición inédita á hora de captarse, a nebulosa de Carina, as galaxias veciñas, as nubes de Magallanes, a constelación da Cruz do Sur ou o centro galáctico desde o deserto de Atacama, entre outras.

Segundo Varela, a dificultade de facer esas fotografías, máis que na técnica, está en “estar alá, ao final é unha cuestión de coller avións”. De feito, usa o mesmo equipo fotográfico que emprega para os ceos galegos, a diferenza é que “”no hemisferio sur os ceos son xa de por si máis escuros, vense mellor as estrelas, e iso posibilita uns resultados máis nítidos”. Non obstante, engade que en España hai lugares nos que se pode observar o ceo máis escuro, como nas Canarias, e polo tanto, pódense facer cousas parecidas.

Desvelando o universo invisible

O Planetario da Casa das Ciencias incorpora á súa carteleira un novo programa distribuído polo Observatorio Austral Europeo (ESO). A produción Desvelando o universo invisible, que se poderá ver as fins de semana ás 18 horas, mostra como é posible coñecer os segredos do cosmos a pesar das enormes distancias que nos separan doutros astros. O audiovisual, indicado para maiores de 12 anos, inclúe imaxes de fenómenos invisibles ao ollo humano, pero que si se poden detectar grazas aos diferentes instrumentos cos que se mira o ceo.

A principios do século XVII a invención do telescopio por Galileo revolucionou o coñecemento do firmamento. Nos seguintes séculoss, tiveron lugar grandes descubrimentos como a chegada dos foguetes (século XX) que permitiron sortear o filtro da atmosfera terrestre e observar radiacións como os raios X e gamma procedentes dos fenómenos máis quentes e violentos que teñen lugar no universo. Nos últimos anos, a detección de ondas gravitacionais abriu unha nova xanela de observación coa que por primeira vez é posible estudar fenómenos como a fusión de dous buracos negros.

Proxeccións do Planetario

A programación do Planetario para o mes de febreiro inclúe sábados, domingos e festivos e consiste na proxección dos seguientes filmes, pensados para crianzas:

  • La niña que sabía caminar al revés, ás 11,30 horas. En castelán. Para crianzas de 4 a 7 anos.
  • Viaxando coa luz, ás 13,00 horas. En galego. Para crianzas maiores de 8 anos.
  • O ceo de Cloe, ás 16,30 horas. En galego. Para crianzas de 4 a 6 anos.

Aventura coas focas

O Aquarium Finisterrae celebra en febreiro novas sesións da actividade “Aventura coas focas”. Trátase dun taller de divulgación científica para coñecer de primeira man a rutina diaria das focas que viven nas piscinas exteriores. Durante os 90 minutos que ocupa a actividade, de 11,00 a 12,30h, as persoas participantes visitarán a cociña do Aquarium, participarán na preparación dos alimentos e accederán ás plataformas exteriores onde se alimenta e revisa o estado destes mamíferos mariños. A actividade está dirixida a maiores de 7 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias festexa 30 anos de coñecemento compartido

O seu presidente, Julio Casal, reivindica o compromiso coa divulgación científica para achegar información de calidade á sociedade

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias celebra o seu 30 aniversario

A entidade, que colabora cos Museos Científicos Coruñeses e o Muncyt, tamén organiza dúas conferencias sobre a relación entre música e ciencia