Xoves 18 Abril 2024

As mulleres protagonizaron anuncios de banca antes de poder abrir libretas de aforro por si soas

Un estudo da USC analiza os roles femininos nas ilustracións e fotografías utilizadas na publicidade bancaria entre 1949 e 1970 en España

A nova realidade laboral que supuxo a incorporación masiva da muller ao mercado do traballo en moitos países desde o inicio da Segunda Guerra Mundial tardou en chegar á economía española polas barreiras impostas polas autoridades franquistas ao ingreso das mulleres en gran número de sectores. A estas barreiras había que sumarlles prohibicións coma as de ter libretas de aforro ou contas bancarias independentes das dos seus maridos ou pais, que estivo en vigor ata 1975, segundo lembra Susana Martínez Rodríguez, investigadora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago (USC).

Martínez acaba de publicar na revista Business History un traballo sobre o márketing que empregaba a banca española na posguerra para chamar a atención das mulleres, co título Gender and Bankarization in Spain, 1949-1970. O artigo recolle os anuncios bancarios desa época, compostos por ilustracións e fotografías que tiñan que pasar unha censura previa no Banco de España antes de publicarse, e amosa que, mentres noutros países as mulleres xa se converten en clientas da banca unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial, no caso español isto non se produce de forma significativa ata a década de 1960.

Publicidade

“Co desenvolvemento económico flexibilízanse as prohibicións para a incorporación das mulleres ao mercado laboral”, explica a investigadora, e é entón cando a banca empeza a consideralas “clientas activas” e para dirixirse a elas emprega “un márketing máis directo no que se trata de ti ás mulleres en lugar de tratalas de vostede”. De feito, poden distinguirse tres tipos de publicidade na época: “a primeira sería a publicidade canónica que facían tradicionalmente os bancos para transmitir seriedade e tradición”; unha segunda sería “a publicidade na que as mulleres van como acompañantes, por exemplo como nais que incentivan o aforro das nenas e dos nenos”; e terceira, que comeza a finais da década de 1960, na que mesmo se crean produtos específicos para mulleres “como cheques rosas ou oficinas bancarias só para mulleres como foi o caso do Banco de la Mujer, que agasallaba as mulleres cunha rosa” cando se facían clientas.

Un dos anuncios de créditos analizados. FOTO: Arquivo do Banco de España

A investigación deu lugar ademais do artigo a unha exposición cos anuncios bancarios máis salientables que xa se puido ver en Murcia e en Salamanca e que está previsto que proximamente chegue a Madrid e a Santiago de Compostela.


Referencia: Gender and Bankarization in Spain, 1949-1970 (Publicado en Business History)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Coidar a saúde e o medio ambiente: dúas razóns para incluír pescado azul na nosa dieta

A nivel mundial, el consumo anual per cápita de peixe nos últimos 50 años case se duplicou, cun crecemento exponencial en países como China