Xoves 18 Abril 2024

A morte anunciada do mar de Aral

Por Iago Cupeiro. Enxeñeiro Industrial Mecánico na Katholieke Universiteit Leuven.

Ca recente retirada dos EUA dos acordos de París, cómpre facer exercicio de memoria e lembrar o que a humanidade é capaz de (des) facer cando determinadas accións non están coordinadas. Un dos maiores desastres medioambientais da nosa historia moderna é a desecación do mar de Aral. Se ben este desastre non é debido aos efectos do quecemento global, é unha proba irrefútabel dos danos feitos ao noso propio planeta de xeito irreparábel.

Publicidade

O mar de Aral é, ou foi, un lago endorreico situado na fronteira entre as actuais Casaquistán e Usbequistán. Cando estes países formaban parte da extinta Unión Soviética, desviáronse parte dos dous ríos que alimentaban ao devandito lago: o Sir Daria e o Amu Daria. O obxectivo principal destas canles de regadío era a produción de algodón. Porén, na década dos anos 60, o nivel da auga no lago comezou a baixar. Lonxe de porlle solución ao problema, o ritmo ao que o lago minguaba e o volume de auga utilizada para a irrigación foi en aumento. Así, o que fora o cuarto lago interior máis grande do mundo pasou a chegar incluso ao 10% do seu tamaño orixinal.

Desecación do lago entre 1960 e 2009. Fonte: Iago Cupeiro.
Desecación do lago entre 1960 e 2009. Fonte: Iago Cupeiro.

Tras a disolución da Unión Soviética, os países polos que transcorren o Sir Daria e o Amu Daria (Casaquistán, Usbequistán, Turcomenistán, Kirguizistán e Taxiquistán) organízanse para tratar de afrontar tal problema, aínda que os acordos acadados son mínimos. Na actualidade o lago atópase dividido nunha zona norte, unha zona sur-oeste e unha pequena lagoa entre estas dúas zonas. Existían fluxos de auga da zona sur-oeste a unha zona sur-este que remataron por desecarse completamente, converténdose no deserto do Aralkum.

Os problemas medioambientais derivados da desecación son abundantes. Os niveis de salinidade aumentaron destruíndo así os ecosistemas da zona. A industria pesqueira, que no seu día representaba un sexto das capturas da Unión Soviética e empregaba a máis de 40.000 persoas, quedou completamente destruída. O uso de pesticidas e fertilizantes fai que o terreo das emerxentes chairas estea altamente contaminado, mención aparte ao laboratorio de armas biolóxicas soviético na antiga illa de Vozrozhdeniya. As constantes tormentas de area esparcen estes contaminantes con efectos negativos sobre a saúde, incluíndo tuberculose e cancro de pulmón, e incluso facendo co microclima da rexión presente invernos máis fríos e veráns máis calurosos.

A desecación arrastrou consigo contaminantes que causan tuberculose e cancro de pulmón

As predicións para as zonas norte e sur son ben diferentes. Mentres que a zona sur semella abandonada a súa sorte, a zona norte experimentou certa recuperación, especialmente a partires da construcción do Dique Kokaral. Este dique permitiu baixar os niveis de salinidade ata o punto de que o peixe reintroduciouse no lago e iniciouse de novo a actividade pesqueira. Algúns investigadores consideran o mar de Aral unha causa perdida, pero outros, como P. Micklin, creen que incluso se pode voltar ao nivel dos anos 60, aínda que se precisaría como mínimo un século nas mellores condicións.

O mar de Aral non foi o único caso de lagos que viron reducido o seu tamaño debido á acción antropoxénica. O lago Chad e o lago Urmía son outros claros exemplos do potencial de destrucción do ser humano. Estes acontecementos ilustran o sinxelo que pode ser arruinar o medio natural, e que reparalo resulta unha ardua tarefa. Independentemente dos gobernos, hai determinados aspectos nos que temos que comezar a pensar máis coma especie. Que a fame en África, o desxeo ártico e o quecemento global son problemas que requiren o esforzo de todos, e en especial dos que máis recursos e poder teñen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Campus de Lugo ofrece solucións aos problemas de auga en Uzbekistán

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC formará a investigadores deste país de Asia Central en estratexias de xestión da auga

Aqu@bot, a ‘app’ con todas as respostas sobre o cambio climático

A Fundación Aquae estrea un sistema de intelixencia artificial que busca aclarar as dúbidas da cidadanía sobre este problema