Sábado 20 Abril 2024

Demostran as migracións das baleas no Pleistoceno grazas a un xibardo de Burela

A análise dos restos dunha balea xibardo (Megaptera novaeangliae) varada en Burela en 2011 permitiulle a un equipo de investigadores italianos demostrar as migracións entre o Mediterráneo e o Atlántico ao comezo do Pleistoceno, hai 1,8 millóns de anos. No traballo, publicado na revista Neues Jahrbuch für Geologie und Paläontologie, participou o galego Pablo Covelo, biólogo da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma).

Cirrípedos adheridos á balea de Burela que foron empregados no estudo. Fonte: Cemma.
Cirrípedos adheridos á balea de Burela que foron empregados no estudo. Fonte: Cemma.

Para determinar estas migracións, o equipo centrouse no estudo dos cirrípedos epibiontes, un tipo de crustáceos que viven pegados á superficie de grandes mamíferos mariños, como o xibardo. Segundo explican desde a Cemma, na rexión de Apulia, no sur de Italia, “hai un amplo rexistro fósil de cirrípedos da familia Coronulidae, o que levou a que esta zona fora considerada como unha antiga área de concentración de baleas na época de reprodución”.

Publicidade

Os investigadores estudaron a cuncha fósil dun cirrípedo xa extinto (Coronula bifida), atopado na rexión e cunha datación de 1,8 millóns de anos. As análises do perfil do isótopo de osíxeno δ18O ao longo da liña de crecemento da cuncha destas especies permiten determinar os movementos entre masas de auga de distintas temperaturas. Isto débese a que nas augas frías a concentración deste isótopo é máis alta que nas augas quentes.

Os cirrípedos da balea de Burela serviron para confirmar o bo estado dos fósiles

Porén, para facer estas medicións era preciso ter en conta que a composición química da cuncha fósil podería estar alterada polo paso do tempo. Unhas alteracións, como a diaxénese, debidos ás transformacións químicas ou físicas dos materiais depositados ou sedimentados no substrato trala morte do animal. Por tanto, precisábase confirmar o bo estado da cuncha fósil mediante un control previo doutros cirrípedos. E aquí entrou en xogo a xibardo de Burela, de onde se colleron os crustáceos da especie Coronula diadema (a especie actual máis semellante  á Coronula bifida), extraídos durante a necropsia realizada pola Cemma en 2011, e conservados no Banco de Mostras biolóxicas da Rede de Varamentos de Galicia.

Unha vez comparadas ambas mostras, non se atoparon indicios de transformacións, como a citada diaxénese, que puideran comprometer a fiabilidade da análise, polo que se podía seguir adiante coa investigación. Ao facer o perfil do isótopo de osíxeno, observáronse varias fases correspondentes con movementos migratorios. En primeiro lugar, unha etapa de crecemento en augas quentes (Mediterráneo), despois unha fase intermedia en augas máis frías (Atlántico) e, finalmente, unha fase final onde a cuncha se ía achegando de novo a augas cada vez máis quentes (Mediterráneo). Estímase que as diferenzas de temperaturas puideron ser de ata 10ºC. 

O estudo sinala tamén que despois da terceira fase, a cuncha fósil deixou de medrar, o que suporía un ciclo vital dun só ano, semellante ao descrito para a especie contemporánea, o que vén reforzar a fiabilidade dos datos.

Nas súas conclusións, por tanto, o equipo – dirixido por Alberto Collareta, do Departamento de Ciencias da Terra da universidade de Pisa – apunta que o cirrípedo fósil viviu hai aproximadamente 1,8 millóns de anos nunha balea que utilizaba o Mediterráneo central como zona de cría na época máis fría do ano no hemisferio norte. No verán, movíase ás zonas abundantes en alimento no Atlántico Norte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos