Sábado 20 Abril 2024

“As toxinas nos cereais están a aumentar co cambio climático”

O cambio climático afecta tamén á alimentación animal, provocando un aumento da presenza de substancias tóxicas producidas por fungos (micotoxinas) nos cereais e pensos empregados para dar de comer ás especies criadas en catividade. “É un grave problema de seguridade alimentaria”, sostén Luís M. Botana, catedrático da área de Farmacoloxía da USC e coordinador do grupo Farmatox, con sede na facultade de Veterinaria no Campus Terra. Este equipo de investigación está traballando no estudo de métodos acaídos para suprimir as toxinas da materia prima orixinal dos pensos a través do emprego de nanopartículas.

O traballo enmárcase dentro do proxecto Interconecta, no que tamén participa a multinacional francesa de solucións nutricionais Evialis, a spin-off da USC Cifga, con sede en Lugo, e o grupo de Física da USC liderado polo catedrático de Electromagnetismo José Rivas Rey.

Publicidade

As aflatoxinas, provocadas por fungos do xénero Aspergillus, poden aparecer en cultivos como o millo.
As aflatoxinas, provocadas por fungos do xénero Aspergillus, poden aparecer en cultivos como o millo.

Botana sinala que os animais alimentados con pensos que conteñen microtoxinas, sobre todo no caso do gando vacuno, porcino e cunícola, son proclives a desenvolver problemas de reprodución graves, como abortos frecuentes. Isto supón un contratempo económico importante para os gandeiros, “xa que ten difícil solución se non se conseguen erradicar as toxinas”, di Botana.

“As grandes multinacionais que venden cereais para nenos están sometidas a un férreo sistema de control, pois trátase dun problema global que vai a peor coa crecente incidencia do cambio climático”, explica o catedrático da USC, ao tempo que incide no feito de que as micotoxinas crecen soas naquelas áreas húmidas e con calor.

Sobre os métodos que se están a seguir na investigación, Botana comentou que o grupo da profesora da USC María Jesús Sáenz é o que se ocupa de identificar os fungos. “Nós vemos que toxinas producen, Física achéganos nanopartículas e Evialis fainos chegar as fariñas problemáticas”. Con este traballo en equipo, obteñen unha visión en conxunto de cómo funciona o sistema. Botana engade que incluso o leite, o pan, os pistachos e todos os cereais son susceptibles de conter micotoxinas, moitas das que provocan cancro, afirma.

“As toxinas mariñas mátante mentres comes, pero estas, sen embargo, teñen un camiño de máis largo recorrido”. Botana tamén aclara que moitas destas toxinas non están lexisladas e a súa presenza non é coñecida. De feito, nos alimentos ecolóxicos que non son tratados con pesticidas, “pero que non son moito mellor que os demais alimentos, os fungos crecen sós e ninguén controla a súa presenza. A supresión de pesticidas favorece o crecemento das micotoxinas”, explica Botana, que defende a súa eliminación antes de se cheguen a detectar.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

Un equipo da USC investiga métodos de control das biotoxinas

O grupo de investigación Farmatox participa xunto con outras entidades europeas no programa de formación de doutores