Xoves 28 Marzo 2024

Tres mestrados da UDC e USC acadan a mención de excelencia da Xunta

A Consellería de Educación, Universidade e FP recoñece os títulos de Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e os de Enxeñaría Informática e Ambiental

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia aos mestrados en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e Enxeñería Informática (ambos da Universidade da Coruña); e ao máster universitario en Enxeñería Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, tal e como establece a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Estas tres titulacións son os primeiros estudos do Sistema Universitario de Galicia en acadar este selo de calidade, que é pioneiro no conxunto do estado. Este recoñecemento ten unha vixencia de cinco cursos académicos ao fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.

Publicidade

A mención, promovida pola Consellería do ramo, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén “supón unha garantía de futuro para os estudantes”, expón a Xunta de Galicia.

Avaliación

O recoñecemento outórgase, segundo explica a Administración autonómica, logo de analizar e revisar toda a documentación acreditativa enviada polas universidades. Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co mestrado, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro, e a existencia de titorización e mentorización individuais, con ata 25 puntos. Tamén se valoraron con ata 25 puntos os resultados do máster, para o cal se tiveron en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings…).

O profesorado do máster computou con ata 15 puntos, con aspectos como os méritos relevantes do profesorado permanente, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos que se imparten no mestrado, e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos.

A estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención) puntuou con ata 20 puntos. Con ata 15 puntos valoráronse o Plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras); e con ata 10 puntos o apartado de Emprendemento, no que se teñen en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo identifica na ría de Vigo patóxenos cun impacto “crucial” para a acuicultura e a biodiversidade mariña

Os investigadores atoparon bacterias, organismos eucariotas, especies invasoras e os cambios estacionais de abundancia

A USC lidera o ránking estatal das mellores universidades en Enxeñaría Ambiental

A clasificación elaborada por Research.com sitúa a institución compostelá no chanzo 112 do mundo e a Gumersindo Feijoo como primeiro na contorna estatal

Os virus poden comunicarse entre si para contaxiar as bacterias

Un equipo do CSIC realiza o achado, que podería utilizarse para activar estes microorganismos contra bacterias patóxenas ou resistentes a antibióticos

As ‘portas ocultas’ nas proteínas humanas axudarán ao descubrimento de fármacos

O número de posibles dianas terapéuticas que hai na superficie é moito maior do que se pensaba, segundo un estudo realizado en Barcelona