Xoves 18 Abril 2024

Crean en Ourense un novo método para analizar as virtudes do mel

As investigadoras Olga Escuredo e Carmen Seijo.
As investigadoras Olga Escuredo e Carmen Seijo.

Desde o ano 2008 o Grupo de Investigación en Aerobioloxía e Apicultura da Universidade de Vigo colabora co Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia no estudo das características nutricionais e saudables do mel co obxectivo de favorecer, entre outras cuestións, a súa etiquetaxe. Así o informa o DUVI, da UVigo. No marco deste proxecto e coa colaboración de investigadores da Universidade de Salamanca, veñen de probar a utilidade da tecnoloxía de espectrometría de infravermello próximo (NIR) para identificar os antioxidantes deste produto dun xeito máis rápido, barato e eficiente. Os resultados do traballo foron publicados no último número da revista Food Chemistry.

O artigo, titulado Near infrared spectroscopy for prediction of antioxidant compounds in the honey, está asinado por Mª Carmen Seijo e Olga Escuredo, da Universidade de Vigo, e por Javier Salvador e Mª Inmaculada González-Martín, da Universidade de Salamanca. “Despois de analizar a capacidade antioxidante do mel pensamos que un posible método para identificar os seus compostos antioxidantes podía ser a tecnoloxía NIR, que se emprega habitualmente para determinar a composición química de todo tipo de alimentos e outros produtos. As vantaxes desta técnica con respecto á tradicional análise química é que non se dana a mostra que se estuda, é moito máis rápida, é unha tecnoloxía accesible para calquera laboratorio e os datos son fiables, tal e como comprobamos neste traballo”, destaca Mª Carmen Seijo.

Publicidade

 Canto máis escuro, máis antioxidantes ten o mel

Para analizar a viabilidade deste método no caso do mel galego, a investigadora Olga Escuredo realizou unha estadía na Universidade de Salamanca e traballou con Mª Inmaculada González-Martín, especialista na aplicación da espectrometría de infravermello próximo. “A medida con esta técnica é rápida pero para facela é preciso aplicar uns modelos matemáticos complexos. Unha vez realizados estes modelos a súa aplicación é sinxela”, explica a investigadora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Concretamente, neste estudo analizaron con NIR 60 mostras de diferentes meles galegos e cotexaron os datos obtidos cos que xa se tiñan da súa análise no laboratorio coa metodoloxía química tradicional, para comprobar que eran similares. Na análise, apuntan os seus responsables, prestaron especial atención a compostos antioxidantes como os fenoles e os flavonoides, presentes no mel e noutros alimentos, obténdose bos resultados.

Polas súas implicacións para a saúde, o tema dos antioxidantes, sinalan as investigadoras ourensás, está na actualidade moi de moda porque se relaciona coa eliminación de radicais libres, vinculados á súa vez co envellecemento e co deterioro da saúde. Neste senso, e se se comparan cos demais meles, destaca Mª Carmen Seijo, os galegos destacan porque “teñen unha moi boa capacidade antioxidante, capacidade relacionada en parte coa súa cor”. Segundo explica, canto máis escuro é un mel maior é a súa capacidade antioxidante pois maior cantidade de compostos fenoles e flavonoides ten, falando en termos xerais.

 Resultados desiguais en polen

Durante o estudo da aplicación da tecnoloxía NIR no caso dos meles galegos, os investigadores tamén probaron a súa aplicación para a identificación dos grans de polen que teñen estes produtos. Neste caso, a aplicación desta metodoloxía deu resultados desiguais, sendo positivos en determinados casos e non tan positivos cando os meles son moi semellantes. “O método palinolóxico é moi complexo, pois require un traballo arduo de adestramento ata que o investigador é capaz de identificar co microscopio a orixe botánica dos grans de cada mel. Por este motivo decidimos probar se o uso desta técnica sería útil tamén neste eido, pero os resultados obtidos non foron bos en todos os casos”, apunta a investigadora ourensá.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Como xestionar a enerxía eléctrica en vehículos lunares non tripulados? Así o estuda a UVigo

O proxecto busca garantir as demandas eléctricas dos 'rovers' no polo sur lunar, un lugar de interese científico pola posibilidade de que exista auga conxelada