Venres 29 Marzo 2024

“Mate-glifos”: o “primeiro libro” coa historia dos símbolos matemáticos é galego

Miguel Mirás e Nicanor Alonso lanzan coa colección Xerais Básicos Ciencia "o único texto a nivel mundial" que aborda a orixe e evolución destes símbolos

O primeiro libro en recoller a orixe e a evolución das matemáticas a través dos seus símbolos é galego. Nicanor Alonso e Miguel Mirás, dous docentes do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo acaban de publicar o volume Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en matemáticas, o único texto a nivel mundial que amosa a historia da ciencia numérica acompañada de anécdotas, problemas clásicos e crebacabezas. “Ata onde nós sabemos, non existe outro texto destas características en ningunha outra lingua. Por unha vez chegamos os primeiros, e o galego é a primeira lingua do mundo na que se aborda este tema como divulgación científica”, explica o coautor e docente, Nicanor Alonso.

O volume pode converterse nun referente para a bibliografía de calquera texto posterior, “o que prestixiará a nosa lingua no eido da divulgación científica”, sinala o docente. Neste senso, as 144 páxinas escritas nunha linguaxe comprensible para todos os públicos conteñen a historia que está detrás da invención dos símbolos matemáticos, moitos deles imprescindibles e que “constitúen unha verdadeira lingua”, explica o docente, quen prosegue, “pero isto non foi sempre así, pois nos seus inicios a matemática explicábase unicamente con palabras”.

Publicidade

Capa de "Mate-glifos". Fonte: xerais.gal.
Capa de “Mate-glifos”. Fonte: xerais.gal.

Un libro único sobre estes símbolos

A través de historias e anécdotas das matemáticas, que abarcan dende a orixe da humanidade ata o século pasado, os autores buscan enriquecer o coñecemento xeral da poboación sobre esta ciencia.  O libro, que en cada capítulo recolle un campo das matemáticas, comeza coa aparición dos números e remata coa historia das representacións asociadas a certos números especiais. Ademais, contén un dicionario etimolóxico no seu interior que explica a orixe dos termos matemáticos para que dende a adolescencia se poida entender o significado das matemáticas. Por outra banda, as e os lectores poden resolver crebacabezas, enigmas e pasatempos que aparecen en forma de pequenos apartados ou recesos do texto principal e aos que Alonso define como “non complicados, senón máis ben curiosos ou sorprendentes”.

Contribución á paixón pola ciencia

A divulgación científica é un dos elementos importantes en calquera campo, pero o estudantado ten a visión da ciencia numérica como “un coñecemento inaccesible, case esotérico, polo que a divulgación contribúe a quitarlle ese veo de ciencia destinada a poucas persoas”, explica Alonso, quen con esta publicación espera amosar ao seu alumnado a paixón e o gusto polas matemáticas. Ao mesmo tempo, o coautor agradece os consellos de Miguel Vázquez, director da colección Básicos Ciencia de Xerais, editorial que “levou adiante unha colección necesaria para a nosa lingua”, engade o experto en matemáticas.

Tanto Mirás como Alonso dedícanse a contribuír ao repertorio científico do galego dende hai tempo, exemplo disto é a tradución do libro Arenarius de Arquímedes, considerado o primeiro texto de divulgación científica da historia. Ademais das obras xa publicadas en lingua galega por ambas persoas, “no berce vai medrando un novo proxecto, do que sería precipitado falarmos agora”, conclúe o Alonso.

O libro xa está dispoñible para mercar na web de Xerais, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Altofalantes da lingua e da ciencia

Estimados colegas e amigos de Gciencia: Antes de nada, gustaríame darvos os...