Xoves 28 Marzo 2024

María Tomás: “É moi perigoso subestimar a infección por Covid-19”

A investigadora do Sergas no hospital da Coruña é portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica

Os servizos de Microbioloxía nos hospitais son un dos puntos crave durante a pandemia da Covid-19. Ademais do traballo diario, que vai máis aló do novo coronavirus, neles procésanse e analizan as mostras que, a través de diversas técnicas, serven para detectar a presenza do SARS- CoV-2 no organismo. A doutora María del Mar Tomás Carmona (Granada, 1976), traballa no departamento de Microbiología do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e é ademais portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbiología Clínica (SEIMC).

Despois dun verán relativamente tranquilo, cun descenso notable de casos, o rápido aumento da transmisión do coronavirus nas últimas semanas, así como as medidas tomadas para conter esta segunda onda, incrementou a presión nos servizos sanitarios. María Tomás advirte que a capacidade de infección deste virus obriga a unha responsabilidade colectiva para frear un agravamento da crise: “Ou cumprimos todos, ou isto non se para”.

Publicidade

– Preocúpalle o que está por vir?

– Desde logo. Porque se se desbordan os hospitais, xa vimos o que pasou en marzo e abril. En Galicia, afortunadamente, nunca se chegou ao colapso sanitario, e nesta ocasión volvemos ter unha situación menos mala, pero non podemos despistarnos. As medidas aquí tomáronse a tempo, e a sociedade, na súa gran maioría, respondeu moi ben, pero temos que manter a garda.

É normal que despois de tantos meses xurda o cansazo, e mesmo crecen as ideas negacionistas, porque algunha xente fártase. Entendo que a xente estea cansa da situación, e de que as propias recomendacións vaian cambiando, pero é que a ciencia é así! Estamos a traballar a tempo real, e descubrindo cousas novas cada día, e se atopamos algo que nos suxire que debemos tomar outras medidas, hai que facelo. E debemos concienciarnos: trátase dunha enfermidade moi grave, unha pandemia mundial e ou cumprimos todos, ou isto non se para. Hai unha responsabilidade por parte das autoridades sanitarias, para tomar medidas adecuadas e proporcionadas a cada situación, pero tamén a cidadanía debe cumprilas en todo momento.

– Que está a pasar nestas últimas semanas, segundo o que observan no traballo asistencial?

– No verán, despois da primeira onda, vimos que a medida relativa da carga viral, nun contexto clínico-epidemiolóxico, estaba a baixar. Tratábase en gran parte de persoas mozas, con poucos síntomas ou asintomáticos, e un número menor de casos. Pero xa levamos semanas vendo un incremento claro, con detalles que nos revelaban un aumento da transmisión: a medida relativa da carga viral, tamén nun contexto clínico-epidemiolóxico, é maior e hai máis persoas contaxiando o virus.

A diferenza coa primeira onda, ata o momento, é que as residencias de maiores están máis controladas, polos cribados mediante RT-PCR que se están facendo e as medidas de prevención, pero observamos un incremento notable da transmisión sobre todo nas persoas de entre 20 e 50 anos. E isto provoca que dous ou tres semanas despois destes aumentos, se empecen a incrementar as hospitalizacións, porque empeza a verse afectada algunha poboación vulnerable. Ademais, ao facer algúns cribados pódese detectar unha certa transmisión silenciosa que é necesario ter vixiada. As causas son múltiples, e non podemos falar dun único factor, pero está claro que o aumento da mobilidade en xeral incrementou a circulación do virus. E parece tamén que hai un certo compoñente estacional.

“Parece que hai un certo compoñente estacional no virus”, di María Tomás

– Cabe esperar entón unha maior transmisión no outono e inverno?

– Xa hai bastantes estudos que apuntan a que si. E insisto, son moitos os factores que inflúen na transmisión, pero parece que o SARS-CoV-2 ten un enorme potencial para manterse viable mediante aerosois en zonas interiores. E estes aerosois ven afectados por unha maior cantidade de raios do Sol e unha maior temperatura e humidade. No verán houbo casos, pero como comentaba, a cantidade de partículas virais que entraba no organismo e infectaba ás persoas era menor, en xeral.

Con todo, e máis co que estamos a ver nas últimas semanas, parece claro que hai un compoñente estacional que contribúe á propagación. Que se detecten nunha fin de semana 50.000 casos en España lévanos a pensar que é así. Por iso é tan importante cumprir de maneira aínda máis estrita, se cabe, as medidas de prevención. Hai estudos que apuntan a que a temperaturas de 4º C o virus pode sobrevivir no ambiente dous ou tres semanas.

– Que ten este virus para que precisamente el causase unha pandemia global?

– O seu código xenético é moi similar ao do anterior SARS (SARS- CoV-1), que apareceu en 2002. Causa unha mortalidade bastante menor pero, ao mesmo tempo, ten unha capacidade de transmisión moito maior, tamén en persoas con poucos ou ningún síntoma. E isto faino máis perigoso, xa que é máis probable que chegue a unha poboación vulnerable. Non deixa de tratarse dunha enfermidade nova, da que aínda sabemos pouco a pesar de todo o que se estudou, porque xurdiu hai menos dun ano.

E non é unha infección leve, por moito que se fale de que ten unha baixa taxa de mortalidade. Hai motivos dabondo para preocuparse por ela e tomar as medidas necesarias. A resposta inmunolóxica é moi heteroxénea en función de cada persoa. Por outra banda, e por fortuna, parece que muta pouco, pero é posible que estea a gañar una certa capacidade de transmisión.

– Hai moita confusión coa inmunidade, os anticorpos, sobre que significa dar positivo ou non…

– Si, é certo. Están a mandarse algunhas mensaxes confusas sobre o que significar pasar a enfermidade ou sobre dar positivo ou negativo nunha proba. Non podemos saber sobre canto tempo dura esa suposta inmunidade, porque non pasou nin sequera un ano desde os primeiros casos. E é moi perigoso, por exemplo, subestimar a infección á Covid-19 por dar positivo e despois curarse, ou porque se trata dunha persoa nova que o pai pasar como algo leve. Non digo que teñamos que vivir obsesionados con iso, pero tampouco pensar que isto non vai connosco. Hai que cumprir as medidas básicas e as recomendacións sanitarias, nin máis, nin menos.

No momento no que estamos, calquera proba diagnóstica require dun contexto clínico. Por exemplo, os pacientes máis novos poden ser asintomáticos porque resulta que o seu sistema inmune pode eliminar o virus cunha resposta innata temperá, a través dos linfocitos T e o interferón.

Pero tamén pode pasar que, se esta primeira barreira do sistema inmune non actúa, poden aparecer as complicacións. Neste caso a resposta actívase mediante os linfocitos B, que producen anticorpos. Isto pode ir ben, pero hai unha porcentaxe destes casos nos que poden desencadearse certos danos autoinmunes, que poden deixar secuelas.

– Pasa algo parecido na confusión coas probas diagnósticas?

– Ata que non dispoñamos dunha técnica totalmente fiable, temos que combinar a utilidade de cada proba nunha situación concreta co contexto clínico, que é esencial. Dispoñemos de tres técnicas principais, a RT-PCR, que detecta o propio virus, a de anticorpos, que detecta a resposta do organismo fronte a el, e a de antíxeno, que detecta as proteínas que o virus usa para entrar nas células e replicarse. E mesmo dentro de cada unha delas hai matices; non é o mesmo, por exemplo, unha proba rápida de anticorpos cunha picada nun dedo, que pode ser útil en determinados contextos en relación a estudos de prevalencia, que unha proba de anticorpos ELISA, que se fai no laboratorio, é cuantitativa e dinos máis cousas. Cada unha das técnicas pódenos dar determinada información, pero o que realmente para o virus, xunto a unha detección eficaz e precoz, é o cumprimento das medidas.

– Mentres non chegue a vacina, que se observa nos tratamentos que se están facendo?

– Eu teño esperanzas cos anticorpos monoclonais (inmunoterapia). Nos meses anteriores falouse de tratamentos co plasma de convalecentes; é un enfoque interesante, pero parece que podería ser un camiño a través do cal, por exemplo, purificar os anticorpos e afinar o tratamento. Actuar nas primeiras etapas da infección é moi importante, porque estamos a ver que se a enfermidade avanza, e chégase á intubación, é moito máis difícil que os pacientes se recuperen.

– Xa se está falando de posibles reinfeccións.

– Por agora parecen máis ben casos anecdóticos, que habería que estudar detalladamente e abordar con precaución. Como dicía, non paga a pena comezar a obsesionarse coas reinfeccións; abonda con seguir as medidas de prevención: uso de máscara, hixiene, actividade en exteriores na medida do posible, e evitar en todo momento as aglomeracións en espazos pechados. Nin máis, nin menos. Necesitamos, en xeral, tranquilidade e precaución. Se están prohibidas as reunións de máis de cinco persoas, pois están prohibidas, e punto, non tentemos burlar as medidas porque non nos están vixiando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento