Venres 19 Abril 2024

Os manuscritos ocultos dos irmáns Arias Teixeiro, os últimos alquimistas de Galicia

O farmacéutico Miguel Álvarez Soaje rescatou do esquecemento a Anselmo e Antonio, dous intelectuais do século XVIII

Primeira metade do século XVIII, O Carballiño. O fidalgo Anselmo Arias Teixeiro pasea polo pazo de Fondo de Vila mentres cavila. Pregúntase se se poderá crear un medicamento capaz de darlle forza aos corazóns febles ou, incluso, elaborar un fármaco que cure todas as doenzas. Tamén matina sobre a posibilidade de converter as pedras e terras raras da parroquia de Cabanelas, onde vive, en ouro. A alquimia é un soño que Anselmo comparte co seu irmán Antonio e ambos teorizaron ao longo da súa vida sobre unha serie de crenzas perseguidas activamente pola Inquisición pero imprescindibles para o nacemento da química. Os dous intelectuais deixaron escritos arredor de 1.000 manuscritos sobre alquimia, filosofía, ciencias naturais e unha innumerable lista de disciplinas en pleno século da Ilustración. Uns documentos que permaneceron ocultos ata hai 20 anos, cando o farmacéutico Miguel Álvarez Soaje rescatou do esquecemento as figuras dos últimos alquimistas de Galicia.

Os escritos dos Arias Teixeiro descansan actualmente na biblioteca da Fundación Penzol. O camiño que fixeron ata chegar aos seus estantes aínda é un misterio. Álvarez Soaje, despois dunha intensa investigación que culminou na publicación dunha tese en 2012, cre que aterraron en Vigo por azar. É probable que no século XVIII estivesen no concello ourensán de Esgos, onde foi párroco Antonio; que acabasen no Pazo de Pías, en Nigrán, en mans dos descendentes dos Arias Teixeiro; e que finalmente fosen adquiridos por Fermín Penzol no século XX. É dicir, 200 anos de andaina intermitente. Dos manuscritos que se conservan, o investigador fixo un estudo caligráfico ata concluír que os de alquimia, ciencia e metarluxia foron escritos por Anselmo; mentres que os de matemáticas, filosofía e xeometría están atribuídos a Antonio.

Publicidade

A construción dun forno alquimista

Imaxe dun forno alquimista no libro ‘Alquimia, o segredo entre a ciencia e a filosofía’. Foto: Wikimedia Commons

Amais da caligrafía, o farmacéutico galego fixo un detallado estudo biográfico de ambos irmáns, o que achegou pistas para discernir a quen pertencía cada manuscrito. Nos que aparecen localizacións da contorna de Cabanelas atribúense a Anselmo, posto que era onde vivía o vinculeiro dos Arias Teixeiro e o único de sete irmáns que non se adicou á vida relixiosa. O maior, e tamén o herdeiro, consagrouse ás cuestións máis prácticas e segundo aparece reflectido nos documentos decidiu construír un forno alquimista. É dicir, unha especie de cheminea que serviría para transformar calquera metal en ouro. “Encargoulle a un pedreiro a construción dun forno cunhas medidas concretas que servise para destilar e buscar o metal precioso. Incluso nalgúns escritos falan da pedra filosofal”, apunta Álvarez Soaje.

A parte máis práctica de Anselmo, como impulsor da construción do forno do que non se ten máis constancia que a escrita, aparece complementada na documentación por Antonio. Na Fundación Penzol consérvase un debuxo dun pequeno forno alquimista que o investigador atribúe ao irmán pequeno. “É un esquema que puido copiar dunha obra do século XVII”, apunta. Ambas dimensións demostran que tanto Anselmo como Antonio estaban vinculados dunha forma ou doutra á alquimia. O seu biógrafo cre que o interese por esta práctica protocientífica vén precisamente da contorna na que se criaron os dous irmáns: “En Cabanelas hai varias minas de ouro, igual que na zona de San Amaro, onde hai restos romanos”.

  • Manuscrito sen atribuír con referencias a Llul e Boyle sobre as propiedades da pedra filosofal. Foto: Arquivo da Fundación Penzol
  • Escrito de Antonio Arias Teixeiro sobre o preparatorio para a súa oposición ou para impartir as súas clases de matemáticas na universidade. Foto: Arquivo da Fundación Penzol
  • Manuscrito de Anselmo Arias Teixeiro sobre as características do forno ou vaso de fermentación. Foto: Arquivo da Fundación Penzol
  • Manuscito de Antonio Arias Teixeiro sobre a relación de obras que quere adquirir en Mallorca e a posibilidade de viaxar a Maguncia. Foto: Arquivo da Fundación Penzol
  • Escrito de Anselmo Arias Teixeiro sobre a separación dos elementos por medio do lume, tal e como refire Ramon Llul na súa obra 'Apertorio Magno'. Foto: Arquivo da Fundación Penzol
  • Manuscrito de Anselmo Arias Teixeiro sobre a disolución de metais por medio do mercurio, con referencias ao Sol (ouro) e á Lúa (prata), así como sobre a formación da pedra filosofal. Tamén recomenda ver o primeiro tomo da obra 'Theatro Chymico'. Foto: Arquivo da Fundación Penzol

“Hoxe en día pode parecer sorprendente ou anacrónico que os Arias Teixeiro estiveran interesados na alquimia pero hai que entender a época na que vivían. Para a ciencia dos séculos XVII e XVIII todo vale”, sostén, ao tempo que engade que durante a Ilustración se produciu unha repunta da alquimia en España e Alemaña. Con todo, houbo contemporáneos que criticaron sagazmente esta práctica, como é o caso do Padre Feijoo. O científico ourensán, nacido a finais do século XVII e gran figura da Ilustración galega, adoptou unha postura “totalmente contraria” á alquimia. “Di claramente que os que a practican son uns mentirosos que teñen serraduras na cabeza”, expón Álvarez Soaje.

As críticas incisivas do Padre Feijoo non só quedaron documentadas, senón que adquiren máis sentido co paso dos séculos e o avance da ciencia. O investigador dos Arias Teixeiro recoñece que non fixeron grandes contribucións científicas, pero si son un exemplo dos intereses da fidalguía galega do século XVIII. E o certo é que máis alá dos seus intereses na alquimia, e de pasar á historia como os primeiros e últimos practicantes desta “ciencia oculta”, ambos irmáns deixaron unha pegada indeleble no pasado de Galicia. Antonio, por exemplo, foi o primeiro catedrático de Matemáticas, malia que no século XVIII era unha disciplina máis ligada coa astroloxía que coa ciencia. Así o explica Álvarez Soaje, quen tamén destaca que Anselmo legou o primeiro escrito no que se describen as técnicas enolóxicas da comarca do Ribeiro; unha zona de indiscutible importancia vitícola na actualidade.

Unha longa compilación de obras

No caso de Anselmo, ademais de ser un pioneiro da enoloxía galega e un afamado alquimista, nos seus manuscritos abordou unha extensa serie de temáticas. Deixou en herdanza un receitario médico con 40 prescricións, entre as que destacan colirios, xaropes e zumes para curar distintas doenzas. Tamén legou documentos sobre a formación das montañas, o movemento, os imáns, o lume, as tinturas e, incluso, os humores e os temperamentos. Entre todos eles salienta a definición dunha aurora boreal, “das poucas que se referencian en España no século XVIII”. O 16 de decembro de 1737 o fidalgo de Cabanelas deixou por escrito a observación dun fenómeno que coincide coa definición dunha aurora boreal vermella, menos coñecida e frecuente que as verdes e amarelas ás que se asocia o concepto.

Máis alá da súa relación coa alquimia, unha práctica sen valor científico dende os ollos de hoxe, os Arias Teixeiro foron dous intelectuais que contribuíron á historia da ciencia galega cos seus comentarios e achegas persoais a obras de importancia e referencia na época, como eran as do filósofo Ramon Llul. Os seus manuscritos, esquecidos durante case dous séculos, pasaron de mans en mans sen que trascendese o seu valor histórico; foron testemuño indiscutible dunha fidalguía interesada polo que conviñan en chamar ciencia. Grazas ás inquedanzas de Miguel Álvarez Soaje e da súa detallada investigación nos arquivos da Fundación Penzol, os documentos dos irmáns Arias Teixeiro saíron da escuridade á que os condeou a historia. Agora repousan nos estantes da biblioteca, co olor característico do paso dos séculos, agardando que os seus autores, Anselmo e Antonio, non se volvan agochar nas fauces do esquecemento.

Unha vida de tropezos e paixón

A vida de Antonio Arias Teixeiro está marcada pola paixón irrefrenable do coñecemento. Un intelectual en pleno século da Ilustración que abandonou a súa Cabanelas natal para emprender unha viaxe cara á filosofía de Ramón Llul, que tratou de interpretar e entender ao longo de toda a súa vida sen realmente chegar a conseguilo. Segundo conta o investigador, este curioso personaxe ergueuse un día coa determinación de abandonar a comarca do Ribeiro en dirección a Salamanca, onde se comezou a relacionar cos círculos lulistas. Abandonou o pazo de Fondo de Vila no medio da noite, ao lombo dunha mula roubada e sen avisar previamente a Anselmo, encargado da súa manutención. A viaxe causou no irmán maior unha gran ira e desánimo, pero ambos mantiveron unha relación epistolar ata o regreso de Antonio dous anos despois.

Un meses máis tarde de chegar a Salamanca, partiu cara a Mallorca, de onde era nativo Ramón Llul. Alí estivo dous anos estudando detalladamente a súa obra ata que Anselmo decide non mantelo máis tempo. Antonio regresa a pé a Cabanelas, vai estudar á Universidade de Santiago e acaba converténdose no primeiro catedrático de Matemáticas da institución académica. Álvarez Soaje explica que no século XVIII eran considerados “estudos de segunda”, polo que tras un breve período de tempo como profesor universitario, decide facerse cura. Pasou o resto da súa vida no concello de Esgos, na parroquia de Vilar de Ordelles, onde os seus manuscritos e os do seu irmán Anselmo caeron no esquecemento familiar.


Referencia: Antonio e Anselmo Arias Teixeiro, dous lulistas galegos no século da Ilustración (Publicado en Minerva, o repositorio institucional da USC)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

    • P.L.Gasalla Regueiro e Pegerto Saavedra: “As reformas de Fernando VI. O Real proxecto de Diego Juan de Ulloa” en Xosé Ramón Barreiro (coord.), Historia da Universidade de Santiago de Compostela: das orixes ó século XIX, (1998), pags. 295 – 339.

      Aparte, así lo afirma el propio Antonio Arias Teixeiro en carta manuscrita. Vea, en el trabajo citado en el artículo, el Apéndice documental n° 16 (pags. 386 y 387).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Anselmo Arias Teixeiro, un alquimista do Carballiño no século XVIII

Este fidalgo publicou máis de trescentas follas en latín falando da produción do viño, a natureza da luz ou a obtención de ouro e de prata coa alquimia

Catro proxectos sobre augas residuais do Biogroup de Santiago reciben 800.000 euros

O Ministerio de Ciencia financiará estudos sobre a eliminación de antibióticos, oxidación mediante nanopartículas ou degradación de microplásticos

Unha aurora boreal vermella na Galicia de 1737

Un investigador vigués atopou un documento no que un fidalgo describe no Carballiño un fenómeno moi semellante á aurora boreal