Explicación: a primeira pista de en que se converterá o noso Sol foi descuberta inadvertidamente en 1764. Nesa data, Charles Messier estaba a recompilar unha lista de obxectos difusos para non confundilos con cometas. O obxecto 27º da listaxe de Messier, coñecido agora coma M27 ou a nebulosa Dumbbell, é unha nebulosa planetaria, a clase de nebulosa que producirá o noso Sol cando se deteña a fusión nuclear do seu núcleo. M27 é unha das nebulosas planetarias máis brillantes do ceo e pode ollarse cara a constelación da Raposa (Vulpecula) con prismáticos. Á luz cóstalle uns 1000 anos chegar a nós desde M27, que se amosa enriba en cores emitidas polo hidróxeno e o osíxeno. A comprensión da física mailo significado de M27 estaba fóra do alcance da ciencia do século XVIII. Aínda hoxe, moitas cousas seguen a ser un misterio sobre as nebulosas planetarias bipolares coma M27, incluíndo o mecanismo físico que expulsa a envoltura gasosa máis externa dunha estrela de masa baixa, deixando unha anana branca quente en raios X.