Sábado 20 Abril 2024

Lago dos Nenos, un paraíso para a fauna mariña

Encadrado entre as illas de Faro e Monteagudo, as súas tranquilas augas deron orixe a un acuario natural de excepcional beleza

As illas Cíes son un arquipélago formado por illas montañosas e pequenos illotes que emerxen impoñentes do mar. Supoñen unha barreira natural que protexe a marxe costeira que conforma a ría de Vigo. Os contrastes entre as súas paisaxes xeolóxicas, de evidente beleza, a súa variada fauna e flora e do seu patrimonio cultural, están intimamente ligados á forza e riqueza das augas atlánticas.

En Cíes existe un singular ecosistema marítimo que aparece e desaparece ao ritmo das mareas. O sistema xeolóxico que conforma a lagoa dos Nenos, tamén coñecida como “Lago dos Nenos”, coa barreira areosa que abre a entrada ao mar, está considerado o sistema sedimentario máis singular do Parque Nacional. Presenta características únicas na costa galega, posto que está conectado de maneira permanente coas augas oceánicas e de forma esporádica coas augas das rías, sendo frecuente que ocorra á inversa noutros sistemas similares de Galicia.

Publicidade

Na súa marxe dereita, está delimitado polo cordón dunar da praia de Rodas, e na esquerda por un encoro artificial construído a finais do século XIX, xunto coa instalación dunha fábrica de salgadura (que hoxe é un restaurante) e unha cetárea (que se atopaba no propio lago). A lagoa énchese e baléirase periodicamente de auga salgada ao ritmo das mareas, a través dos diversos condutos que existen baixo o encoro. Ocasionalmente, as duras condicións meteorolóxicas do inverno permiten que a auga mariña consiga atravesar o cordón dunar a través da praia.

Aves e demais fauna acuática

A lagoa, protexida dos fortes ventos e da enerxía das ondas, é refuxio de numerosas aves acuáticas.

Garza cinceta.

Se o visitante ten sorte, é moi probable que poida observar algunhas das especies máis características do parque, como a gaivota de patas amarelas (Larus michahellis); o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), que adoita secarse ao sol ou mesmo a garza cincenta (Ardea cinerea), que semella posar elegante para o visitante.

No que respecta á fauna mariña, a lagoa, de temperatura superior á do mar, de augas calmas e menor profundidade, é lugar de refuxio e cría para multitude de especies mariñas. Se nos fixamos un pouco, podemos chegar a ver douradas, muxos, robalizas, maragotas, chocos, congros, e ata cangrexos ou mesmo polbos.

Desafortunadamente, o agresivo crecemento dunha alga invasora durante a primavera e o verán fai que, ás veces, a visión dende o encoro se reduza a unha cuberta de cor marrón que tapiza toda a superficie. Estas algas, da especie Sargassum muticum, teñen a súa orixe en Asia, mais polas súas capacidades de adaptación conseguiron ter unha vida próspera neste lugar. O seu agresivo crecemento constitúe unha ameaza para a fauna mariña local, o que fai que teña que ser retirada cada ano polo persoal do Parque Nacional.

Sabías que?

A formación desta paisaxe comeza hai 6000 anos, trala última glaciación, debido á posterior subida do mar. As ondas e as correntes conformaron, pouco a pouco, a barreira de area actual. No interior desta barreira acumulouse auga doce, formando unha lagoa. A subida, lenta pero imparable do nivel do mar, rematou por inundar polo oeste este campo dunar hai uns 700 anos, conformándose, desta forma, o lago de auga salgada tralo sistema dunar da praia de Rodas co que hoxe podemos marabillarnos.

As mareas

As mareas poden definirse como un movemento periódico de subida e baixada do nivel do mar debido ás forzas de atracción que o Sol, e especialmente a Lúa, exercen sobre as masas de auga que conforman os océanos. En Galicia, os cambios máximos do nivel do mar teñen unha periodicidade de 6 horas e 15 minutos, o que significa que temos dúas mareas altas (nivel do mar máis alto) e dúas baixas (nivel máis baixo) ao día. A amplitude media das mareas é de aproximadamente 2,5 m cunha variación máxima de 4 m que se acada nos períodos de lúa nova e lúa chea.

Sargo.

Descarga aquí a terceira entrega da guía.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:35

A titánica loita dun polbo por sobrevivir ao ataque dun congro nas Rías Baixas

Un estudo describe as grandes habilidades destes moluscos para escapar e loitar contra os seus depredadores

Así é como unha cría de polbo trata de camuflarse nas profundidades das Cíes

O biólogo mariño Jorge Urcera captura a imaxe dun individuo que levanta dous dos seus tentáculos para facerse pasar por unha alga

Velutinas, porco vietnamita, cangrexo vermello… Así chegan a Galicia as especies invasoras

María José Servia, investigadora da UDC, augura novos exemplares “co foco poco posto nos himenópteros: avespas, formigas e abellas”

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo