Xoves 25 Abril 2024

A lactación materna protexe fronte á obesidade tamén na idade adulta

Investigadoras galegas vencellan o efecto protector á proteína hepática FGF21 e o seu percorrido cara ao hipotálamo

Son moitos os beneficios probados da lactación materna para a saúde dos bebés e as nais. Agora, grazas a un estudo realizado por un equipo de investigadores galegos do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBEROBN), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CiMUS) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), coñecemos tamén o mecanismo polo que a lactación protexe fronte ao desenvolvemento de obesidade con efectos a longo prazo, ata a idade adulta.

O traballo, liderado por Luisa María Seoane e no que participan investigadores de Francia e Alemania, foi recentemente publicado na revista Nature Metabolism.

Publicidade

A investigación, probada con roedores, ten por diante o reto acreditar se as persoas reproducen a dinámica protectora da lactación

A investigación evidencia que as crías de roedores que se alimentan con lactación materna durante máis tempo teñen menos peso que as desleitadas antes e menos probabilidades de ser obesas cando son adultas, mesmo cunha dieta rica en graxas (dieta obesoxénica).

“O noso traballo describe por vez primeira a existencia dun mecanismo alterado pola lactación materna con efectos permanentes ata a idade adulta e que involucra tanto a órganos periféricos, como o fígado ou tecido adiposo, e ao cerebro”, subliña Luísa María Seoane.

Acender o interruptor da graxa parda

Este fenómeno pode explicarse pola liberación dunha proteína coñecida como factor de crecemento de fibroblastos 21 (FGF21) desde o fígado, que pode chegar ao hipotálamo, a rexión do cerebro que desempeña un papel clave no control do consumo e a utilización de enerxía no organismo. Unha vez no hipotálamo, o FGF21 activa os receptores de dopamina, un neurotransmisor con múltiples funcións biolóxicas. Isto, á súa vez, leva a unha maior actividade da graxa parda, unha graxa que queima calorías, e por tanto, xera un maior gasto enerxético.

Detrás deste fito científico hai doce anos de investigación pero non están nun punto e final. De agora en diante hai novos retos como, por exemplo, estudar se esta dinámica protectora se reproduce nos humanos.

O equipo está liderado por Luisa María Seoane e nel participan tamén científicos de Alemaña e Francia

Unha vez coñecido o mecanismo e as dianas sobre as que traballar, o seguinte paso é estudar unha poboación de nenos, con e sen obesidade, para “re-confirmar os datos”. Un estudo clínico para o que xa están en contacto coa área de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago -CHUS e para o que esperan contar coa colaboración do Banco de Leite Materno de Santiago.

A  investigación abre a porta a unha morea de posibilidades: novas avaliacións clínicas que axudarán a comprender mellor os beneficios metabólicos da lactación materna, a profundar na prevención da obesidade e mesmo a deseñar solucións terapéuticas para combatela.

Traballo de colaboración

O traballo, cuxas primeiras autoras son Verónica Pena, Cintia Folgueira e Silvia Barja, foi liderado por Luísa Seoane (CHUS-SERGAS), directora do grupo de investigación Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS e o profesor Rubén Nogueiras (CiMUS- USC) (grupo Metabolismo Molecular), ambos pertencentes ao CIBEROBN.

O estudo forma parte dunha liña de investigación do grupo iniciada no ano 2010 a través dun proxecto de investigación financiado polo Servizo Galego de Saúde (Xunta de Galicia) e realizouse en colaboración con distintos grupos de investigación do Hospital Universitario Clínico de Santiago, o CiMUS da USC, o Centro Nacional de Investigación Cardiovascular (CNIC) e grupos internacionais de Lille e Marsella (Francia) e Lubeck (Alemaña). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade