Venres 29 Marzo 2024

O James Webb afronta os últimos atrancos antes de revolucionar a observación espacial

Un problema de comunicación entre o telescopio e o sistema do vehículo de lanzamento obriga a pospoñer o lanzamento, que non será antes do 24 de decembro

A ciencia xa comezou a súa particular conta atrás para ser testemuña envexable do lanzamento do Telescopio Espacial James Webb (JWST), o máis grande, caro e potente construído nunca. Está armado cunha tecnoloxía que permitirá coñecer os detalles máis recónditos do universo, converténdose, así, en digno sucesor do Hubble. De feito, xa está todo preparado no porto espacial de Kourou, na Guayana Francesa, o lugar no que o James Webb, a bordo dun cohete Ariane 5, comezará a súa viaxe ao cosmos. Malia todo isto, a data do lanzamento vólvese retrasar unha vez máis. Non será antes do 24 de decembro, posto que están tratando de arranxar un problema de comunicación entre o obervatorio e o sistema do vehículo de lanzamento.

A súa principal misión: ser o mellor observatorio científico do espazo. E para conseguilo, tres grandes institucións uniron as súas forzas: a NASA, a Axencia Espacial Europea (ESA) e a Axencia Espacial Canadense (CSA). Mais o seu proceso de construción, que se dilatou ao longo dos últimos dezasete anos, non foi sinxelo. A súa data de lanzamento pospúxose en varias ocasións. E se non hai cambios nin sorpresas de última hora, decembro de 2021 pasará á historia da ciencia como o mes no que o James Webb decidiu conquistar o espazo.

Publicidade

Un complexo instrumento

Segundo explican dende a ESA, este telescopio será “un dos instrumentos máis complexos e sofisticados” que se fixeron nunca. E no que respecta á súa fisionomía, constará dun espello primario de seis metros e medio de ancho, que se desplegará no espazo, conformado á súa vez por 18 segmentos hexagonais. Haberá outro máis pequeno e secundario, así como un parasol xigante con varias capas. As súas dimensións son, por tanto, considerables. Na propia web do telescopio detallan que abarcaría unha superficie comparable a unha pista de tenis.

Máis alá das súas dimensións están os seus obxectivos. O principal: revelar cales son as bases da nosa existencia. É dicir, coñecer as orixes do universo e retratar con precisión as diferentes partes do cosmos. Tal e como explica a astrofísica galega Begoña Vila, implicada na misión do James Webb, retroceremos “14 billóns de anos para ver as primeiras galaxias que se formaron antes do Big Bang”. Así o declara no vídeo 29 Days on the Edge, que vén de publicar a NASA.

Para conseguir todo iso é preciso un telescopio infravermello como o James Webb, que permitirá viaxar e mirar cara a eses estados temperáns das galaxias observando a súa luz. Polo tanto, mellora as condicións do Hubble, en órbita durante máis de 30 anos. Segundo explica a científica da ESA Macarena García Marín á Agencia SINC, o James Webb, ao ser un telescopio infravermello, permite ver máis alá do po. Algo que non acontecía no Hubble e supoñía unha limitación á hora de capturar imaxes. E malia que este último xa teña un substituto, grazas Hubble conseguiuse revelar a acelerada expansión do universo, o nacemento das estrelas ou as tormentas de Saturno e Xúpiter. É dicir, tamén transformou a nosa visión do cosmos.

Coñecer a física dos obxectos

“É moi importante [o infravermello] porque nos permitirá analizar a luz dos obxectos astronómicos que observaremos”, apunta o científico da ESA Giovanna Giardino nun dos vídeos promocionais da misión. Segundo continúa explicando, esta información pode ser moi útil para os expertos porque grazas a iso poderán entender a física dos obxectos que está observando o James Webb, cal é a súa temperatura, cales son os seus elementos e, incluso, as súas condicións físicas.

Polo tanto, pertenzan á institución á que pertenzan, todos os científicos implicados no proxecto están seguros de que o James Webb cambiará a nosa visión do espazo. Porque máis alá de que nos permita saber de que están formadas as galaxias, tamén coñeceremos se as atmosferas dos planetas extrasolares poden albergar vida. A fin de contas, este novo telecopio non deixa de reflictir a ambición dun proxecto que leva máis de 30 anos xestándose, posto que, aínda que se empezou a construír en 2004, as tarefas de planificación e deseño levaban anos levándose a cabo.

Un millón e medio de kilómetros

Máis alá das posibles complicacións que poidan xurdir no transcurso da misión, é preciso poñer o foco nunha delas. Este telescopio estará a un millón e medio de kilómetros da Terra o que implicará que, polo menos de momento, non se poidan facer reparacións ou cambiar e mellorar pezas. A esta distancia, segundo explica Macarena García Marín, non poden viaxar os astronautas. E, polo tanto, esta é unha das grandes diferenzas que se establecen co Hubble, que si se foi mellorando ao longo dos anos.

O lanzamento do James Webb está a xerar unha enorme expectación no mundo da ciencia, á espera de que a misión sexa un éxito. O esforzo investido neste proxecto é case imposible de cuantificar, pero hai algúns datos que revelan a magnitude desta iniciativa. Como, por exemplo, os 40 millóns de horas que dedicaron os científicos a construír o telescopio. Ou a orixe dos mesmos, procedentes de 14 países diferentes, do sector tanto público como privado. Centos de científicos, enxeñeiros e tecnólogos implicados en mirar ao universo. Pero non de calquera maneira, senón como non se fixo nunca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

O James Webb detecta a galaxia ‘morta’ máis antiga coñecida

Un equipo internacional de astrónomos, con participación española, observou que a formación estelar non formaba novas estrelas 700 millóns de anos despois do Big Bang

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...

Unha paisaxe invernal en Marte? Esta imaxe demostra que non todo é o que parece

A misión espacial Mars Express ofrece unha espectacular fotografía do cráter Korolev para conmemorar os quince anos en órbita no planeta vermello