Venres 29 Marzo 2024

Isabel Medina, nomeada coordinadora de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas nomeou a Mª Isabel Medina Méndez, profesora de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo), coordinadora da área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, integrada por oito centros, entre eles, o IIM.

O CSIC está constituído por unha rede de centros e institutos, propios e mixtos, que se distribúen por todas as Comunidades Autónomas, con excepción da Escola Española de Historia e Arqueoloxía de Roma (Italia). Articula a súa investigación arredor de oito grandes áreas científico-técnicas, que cobren a maior parte do coñecemento humano, e á fronte da cal está o correspondente coordinador de área.

Publicidade

Isabel Medina.
Isabel Medina.

A investigación na área de Ciencias e Tecnoloxía de Alimentos é tanto de carácter básico como aplicado e parte dos seus resultados están a ser transferidos principalmente a industrias do sector alimentario. “Toda a súa actividade está encamiñada a dar resposta ás demandas do sector e dun consumidor cada vez máis esixente, prestando atención a cuestións que abranguen dende a saúde e benestar en relación ao consumo de alimentos ata a produción e aptitude das materias primas, pasando pola transformación e conservación de alimentos”, explica Isabel Medina.

Dos máis de 120 centros e institutos de investigación do CSIC, oito están adscritos á área: Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (Murcia), Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (Comunidade Valenciana), Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos e Nutrición (Comunidade de Madrid), Instituto de Ciencias da Vide e do Viño (A Rioxa), Instituto de Investigación en Ciencias da Alimentación (Comunidade de Madrid), Instituto de Investigacións Mariñas (Galicia), Instituto da Graxa (Andalucía) e o Instituto de Produtos Lácteos (Asturias).

Mª Isabel Medina Méndez (Vigo, 1966) é profesora de investigación do CSIC e desenvolve o seu labor científico no Grupo de Química de Produtos Mariños do IIM. Licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1989) e doutora en Químicas pola citada Universidade (1994), realizou a súa tese doutoral no IIM no eido da química dos alimentos de orixe mariña. Completou a súa formación con estancias postdoutorais nas universidades de Davis (Estados Unidos), Nápoles (Italia) e Guilford (Reino Unido). Dende 1999 forma parte do persoal investigador do CSIC, onde ascendeu de científica titular a investigadora científica (2007) e a profesora de investigación, categoría que ten dende 2010.

Medina investiga en colaboración co Imperial College e a Universidade de Rutgers 

Medina acredita unha ampla experiencia en química e análise de alimentos, particularmente nos lípidos mariños e ácidos graxos omega-3 e os seus produtos de oxidación e aplicou esta experiencia a diferentes aspectos relacionados coa calidade, seguridade e valor nutricional dos produtos da pesca e a acuicultura. O seu labor de transferencia vén avalada por patentes rexistradas, con máis do 50% delas transferidas á industria. Ten máis de 100 traballos publicados, cun índice de Hirsch de 28.

Hai unha década promoveu o desenvolvemento dunha nova liña de investigación dentro do Grupo de Química de Produtos Mariños, enfocada cara ao estudo do papel saudable dos compoñentes do peixe e produtos da pesca. Na actualidade, en colaboración coa universidade de Rutgers (Estados Unidos) e o Imperial College (Reino Unido) leva a cabo unha investigación sobre a absorción intestinal dos lípidos de orixe mariña e os mecanismos implicados na acción dos ácidos graxos poliinsaturados omega-3 sobre  a inflamación e a tensión oxidativa.

No eido da xestión, foi vicedirectora do IIM (2000-2004), membro da Comisión da área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do CSIC (2004-2008) e  da Comisión da área de Transferencia de Tecnoloxía da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva, sendo responsable da área de Biotecnoloxía (2010-2014).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais