Venres 19 Abril 2024

Íñigo Caínzos gaña o premio “Contar a Ciencia-la Caixa”

Íñigo Caínzos Achirica, estudante de 3º de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, é o gañador da quinta edición do premio universitario de comunicación científica “Contar a Ciencia-la Caixa“, que convoca a Real Academia Galega de Ciencias. A súa reportaxe, Un reloxo para a independencia, conta o proxecto de tres estudantes da universidade compostelá que deseñaron un dispositivo intelixente que axuda a persoas maiores cun grao de dependencia leve.

O acto de entrega dos galardóns celebrarase o 28 de xuño en Santiago de Compostela

O xurado, encabezado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, e composto por persoeiros do eido da comunicación, a divulgación científica e a ciencia en Galicia, tamén escolleu como finalistas ás reportaxes Os fármacos do futuro contra o cancro e a sida fanse en Santiago, de Paula Martínez Graña, estudante de Xornalismo na USC, e Unha sociedade descorazonada, de Yago Grela, tamén alumno de Xornalismo en Santiago.

Publicidade

O gañador do certame recibirá un premio en metálico de 700 euros e un smartphone IoxPhone P1, cortesía de Primux Tech, empresa colaboradora do concurso. A mesma compañía entregará cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 aos dous finalistas. Do mesmo xeito, todos os estudantes que viron seleccionados os seus traballos para a súa publicación en GCiencia recibirán un diploma acreditativo da súa participación.

Esta quinta edición do concurso foi convocada pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinada por Obra Social la Caixa. Contou tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux Tech e foi organizada polo portal GCiencia. Este ano foron seleccionados para competir polo premio un total de dez traballos de estudantes de comunicación das facultades galegas. As reportaxes abordaron, en formato escrito e audiovisual, diversos proxectos de investigación que se desenvolven en Galicia.

Entrega de premios

Todos os finalistas recibirán o seu galardón nun acto que terá lugar o 28 de xuño no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. Ao acto asistirán representantes do mundo académico, social, empresarial e político de Galicia.

O premio de comunicación científica “Contar a Ciencia-la Caixa” botou a andar en 2014. O certame ten por obxectivo divulgar a investigación que se fai nas universidades de Galicia e, ao tempo, animar aos estudantes de comunicación a achegarse ao mundo da investigación e a divulgación científica para transmitilo á sociedade.

Aquí podes ler a reportaxe gañadora e as finalistas:

Un reloxo para a independencia, de Íñigo Caínzos.

Os fármacos do futuro contra o cancro e a sida fanse en Santiago, de Paula Martínez Graña.

Unha sociedade descorazonada, de Yago Grela.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas