Xoves 18 Abril 2024

Así tumbou o Goberno a declaración do eucalipto como especie invasora

A decisión do Goberno español de negar a inclusión do eucalipto como especie exótica invasora, refutando ao seu Comité Científico, provocou unha cadea de reaccións que transcenden o eido da ciencia. As implicacións sociais, económicas e políticas que xiran arredor desta árbore enchen de ruído un debate que non pode ser só científico.

Así o amosan os documentos nos que se baseou o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, a través da Subdirección General de Medio Natural, e aos que tivo acceso GCiencia. Alén das argumentacións científicas, nas que se responde ao ditame encargado polo propio Ministerio ao Comité, os documentos dedican varias páxinas a reseñar a importancia económica do eucalipto para o sector forestal.

Publicidade

O Goberno rexeita declarar o eucalipto como invasor en contra do seu comité científico

Con data do 5 de decembro de 2017, a Subdirección General de Medio Natural, dependente do Goberno, argumenta nun documento de 22 páxinas “a inoportunidade da solicitude realizada polo Concello de Teo en relación a incluír no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras diversas especies de eucalipto”. O texto refuta punto por punto os artigos que achegou o municipio galego como proba do carácter invasor da árbore. Noutros apartados, reseña tamén a importancia social e económica do eucalipto, con especial atención a Galicia, e outras consideracións medioambientais que, a xuízo do Ministerio, “fan pensar que hai que lograr un equilibrio entre conservación e produción”.

Con todo, é reseñable que o informe pon en dúbida o método científico comité de expertos que asesoran ao propio Goberno. Na análise do ditame dise que a recomendación do Comité de declarar especie exótica invasora a todo o xénero Eucalyptus “deixa ver, sen entrar a valorar o contido do ditame, unha actitude tendenciosa por parte do Comité Científico, en orde a emitir un xuízo de valor premeditado en canto ao carácter invasor destas especies, presuntamente baseado en criterios non científicos e en opinións persoais e políticas”.

Máis adiante, no apartado “Comentarios en relación ao ditame propiamente dito”, o Ministerio volve a cuestionar o papel do comité. Di:

.

Como complemento, a Subdirección General de Medio Natural achega un informe realizado por Luis Gil, catedrático de Xenética e Fisioloxía Vexetal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Montes, Forestal e do Medio Natural da universidade Politécnica de Madrid. O texto leva por título “Análise da ecoloxía de Eucalyptus nitens e do estado actual desta especie alóctona en España“.

O traballo rexeita que os estudos empregados polo Comité Científico do Goberno poidan servir para catalogar ao eucalipto como invasor, e así o argumenta cunha longa revisión científica sobre a suposta capacidade do eucalipto para transformar o territorio. E, por outra banda, tamén dedica un dos seus puntos á importancia da economía xerada polas plantacións de eucalipto en Galicia.

O catedrático Luis Gil fala dunha “situación perversa na que se denosta ao eucalipto” e un “prexuízo estético e ideolóxico”

Nas súas conclusións, Gil reflexiona: “Estraña ao razoamento científico que unha sociedade desenvolvida xere unha situación perversa na que se denosta ao eucalipto e decreta en contra do seu cultivo, cando non lexisla contra a agricultura baseada en plantas exóticas, xa sexan anuais ou perennes (laranxeiro, melocotoeiro, etc.), cultivos que demandan uns elevados custos e insumos importantes de enerxías fósiles, herbicidas, fertilizantes, pesticidas e abonos foliares, polo que son cultivos con efectos medioambientais negativos“. Engade o catedrático que “estes cultivos están subvencionados e xeran beneficios a unha porción mínima da sociedade”.

Mais alén das argumentacións científicas e económicas, Luis Gil tamén analiza o eucalipto no contexto da opinión pública en Galicia. Di que “a opinión da sociedade non é resultado dunha análise científica, é un prexuízo estético e ideolóxico ao asumir a posesión da verdade: que o eucaliptal causa prexuízos medioambientais ao uniformar a paisaxe rural cunha árbore non nativa. Descoñecen, nin lles interesa, se beneficia ou non á sociedade rural que os planta”.

Críticas a Carmela Silva e Lidia Senra

E como mostra, Gil critica as afirmacións realizadas por dúas representantes políticas galegas, Carmela Silva e Lidia Senra. Analiza as afirmacións da presidenta da Deputación de Pontevedra a raíz do anuncio da corta de 333 exemplares de eucaliptos no recinto do castelo de Soutomaior. Silva afirmou, segundo lembra Gil, que “os eucaliptos non están protexidos, esquilman o solo e compiten moito pola luz, a auga e os nutrientes, en detrimento das especies autóctonas, que esas si que están protexidas”. Sobre isto, di o catedrático que “a opinión dos representantes institucionais, afastados dos ámbitos científicos, asóciase á dos naturalistas aos que outorgan a razón con afirmacións de maior interese mediático, sen cuestionar as consecuencias económicas para os seus cidadáns”.  A mesma crítica emprega Gil para referirse á eurodeputada Lidia Senra, que no Parlamento Europeo pediu a declaración do eucalipto como especie exótica invasora, argumentando que xeraba “graves problemas socioambientais”, “favorecen os incendios” e “traen consigo pragas e enfermidades”.

Conclúe Gil que “se non existen xuízos previos contra o eucalipto, considerar a estas especies como invasoras e bloqueadoras dos ecosistemas é unha proba máis da inmaturaridade e desinformación da sociedade actual”.

Máis información (PDF):

Informe da Subdirección General de Política Forestal

Informe do catedrático Luis Gil

1 comentario

  1. Grazas a GCiencia por informar de xeito transparente do proceso e o procedemento, facilitando o acceso aos informes . Moitos parabéns

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

Un proxecto da UVigo estuda como obter bioetanol a partir de eucalipto e mimosa

O obxectivo é investigar novas rutas de aproveitamento de biomasa forestal, concretamente de especies moi abundantes e invasoras en Galicia