Venres 29 Marzo 2024

O tabaco e os antecedentes familiares aumentan o risco de infeccións bacterianas en nenos

Un equipo internacional de científicos, no que participan varios investigadores galegos, abordou nun artigo publicado na revista The Lancet Child & Adolescent Health o problema das infeccións bacterianas graves en nenos menores de cinco anos. O traballo, un dos máis ambiciosos publicados ata agora neste eido, recolleu información en 98 hospitais de seis países europeos con datos clínicos de 2.844 nenos con doenzas severas de orixe bacteriana.

O estudo avaliou durante tres anos e medio a 2.844 nenos afectados por infeccións bacterianas

Desde Santiago, Federico Martinón, pediatra do hospital compostelán e investigador do IDIS, liderou un equipo no que tamén tomaron parte os galegos Antonio Salas, Irene Rivero, Miriam Cebey e Jacobo Pardo. Durante tres anos e medio, o estudo avaliou os axentes microbiolóxicos e a súa evolución e o prognóstico. Os cativos estudados padeceron, sobre todo, pneumonía (18%), infeccións do sistema nervioso central (16,5%) e infeccións da pel e tecidos brandos (8,7%). Ata no 50% dos casos, o microorganismo causal permaneceu descoñecido, pero naqueles nos que foi posible a súa detección, os axentes causais principais foron o meningococo (9,1%) e o neumococo (7,7%).

Publicidade

O estudo sinala que a exposición ao fume do tabaco aumenta o risco de infeccións bacterianas.
Equipo do grupo Genvip de Santiago. Fonte: IDIS.

Para o doutor Martinón trátase dun “achado moi relevante, tendo en conta o descenso das taxas de prevalenza global de enfermidade meningocócica en Europa, que o 93% da cohorte estaba correctamente vacinada de acordo co calendario de inmunización local vixente no momento do estudo e que, hoxe en día, o 90% dos serotipos causais estarían cubertos con vacinas actualmente dispoñibles”.

As infeccións, o tabaco e a familia

Outro dos achados expón que unha historia familiar de infección bacteriana severa e de exposición ao fume do tabaco supoñen unha maior probabilidade de infección meningocócica. Este dato é, segundo sinalan desde o Sergas “un dato con implicacións importantes para saúde pública, incluíndo a necesidade de actualizar os calendarios de vacinación e unha maior concienciación sobre os potenciais riscos de exposición ao fume de tabaco en nenos”.

Pola súa banda, o xenetista Antonio Salas, outro dos asinantes do traballo, comenta que “este estudo ratifica a necesidade de priorizar a investigación para comprender mellor a predisposición xenética a infeccións invasivas como a producida por N. Meningitidis”. Engade Salas que “en estudos previos do noso grupo de investigación puidemos detectar elementos de susceptibilidade a determinadas infeccións, os cales proporcionan vías interesantes de investigación no desenvolvemento de novos medicamentos e vacinas. Sen máis, a vacina recentemente desenvolvida contra o meningococo B, o máis importante no noso país, incorpora un elemento que reportamos hai uns anos nos nosos estudos xenómicos”.

92% de evolución favorable

Con todo, aínda co elevado número de casos, houbo unha evolución favorable no 92% dos pacientes. Non en tanto, un terzo deles tivo que ser ingresado nunha Unidade de Coidados Intensivos Pediátricos (UCIP). E destes, o 5% faleceu. Son, por tanto, unhas taxas de mortalidade baixas. Segundo Martinón, o reducido número de mortes “é a consecuencia do elevado nivel da pediatría dos centros participantes, que coincide precisamente cos centros que máis investigación clínica fan, pero non se pode extrapolar sen mais a todos os países nin a todos os centros, nin debe proporcionarnos unha falsa sensación de tranquilidade”.

Deste xeito, segundo sinala o pediatra galego, “calquera morte por unha enfermidade previble mediante vacinación nun contexto como o de Europa debe ser considerado un fallo do sistema, un esforzo insuficiente, ou unha priorización inadecuada dos recursos dispoñibles”. E avoga, deste xeito, por unha maior cobertura da vacinación contra o meningoco. “Debemos traballar conxuntamente en que as vacinas cheguen ao maior número posible de nenos”.

O traballo publicado agora enmárcase no consorcio Euclids, que en España lideran desde o IDIS Salas e Martinón a través do grupo de investigación de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría (GENVIP).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Achado un novo mecanismo de control do ciclo vital dos fagos

Científicos do CSIC describen un sistema que permite aos virus das bacterias alternar entre multiplicarse ou a latencia

Son microbióloga e isto é o que nunca como e os sitios onde nunca comería

Despois de ler este artigo, nunca volverás a mirar a leituga en bolsa da mesma maneira

Un estudo galego revela que as persoas con demencia teñen máis sensibilidade á música

O proxecto Sensoxenona evidencia que a música “afina” a expresión dos xenes alterados en pacientes con enfermidades neurodexenerativas