Xoves 18 Abril 2024

O INE rastrexará teléfonos de toda España para un estudo sobre mobilidade

O organismo chega a un acordo coas operadoras para recibir os movementos de cada terminal durante varios días de forma anónima

Vai ser, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), un estudo pioneiro en Europa. Mediante un acordo coas principais operadoras de telefonía móbil de España (Movistar, Vodafone e Orange), o INE desenvolverá nas vindeiras semanas un estudo sobre a mobilidade dos cidadáns a partir do seguimento dos seus dispositivos. Serán datos anónimos, xa que non se facilitará información dos tittulares das liñas, pero si dos seus movementos. Así o conta este martes El País, que explica que a información obtida servirá para expoñer “cales son os desprazamentos habituais da poboación e, por tanto, onde se deben prestar os servizos públicos e reforzar as infraestruturas”, así como saber “onde van os españois de vacacións dentro do territorio nacional”.

A primeira etapa do estudo comezará en tres semanas, durante os días laborables do 18 ao 21 de novembro. Para elaborar esta estatística o INE dividirá o territorio nacional en 3.500 celas cun mínimo de 5.000 persoas en cada unha delas. Desta forma, os tamaños dos recadros varían: as celas vólvense moi grandes en áreas con pouca poboación e vanse facendo moito máis pequenas en lugares con alta densidade de habitantes.

Publicidade

Durante eses días, tomarase a posición dos móbiles entre as doce da noite e as seis da mañá para establecer o lugar de residencia. E entre as nove da mañá e as seis da tarde examinaranse os fluxos de persoas, de que cela a que cela van para traballar ou estudar. Para etiquetalo como destino habitual, o INE considera que o móbil terá que estar presente na mesma localización polo menos catro horas en dous dos catro días.

Ao medir estes datos, o INE poderá saber, por exemplo, cantos cidadáns se moven dun municipio dormitorio a unha cidade; que número de persoas traballa no mesmo barrio onde vive ou nun distinto; de onde vén a xente que traballa nunha zona, ou como varía a poboación nun determinado recadro ao longo do día.

Os datos poderán axudar a concellos e gobernos rexionais á hora de deseñar plans de mobilidade e infraestruturas

O estudo poderá determinar cal é a cantidade de persoas que permanece nun sitio e a poboación flotante ou vinculada a un municipio. É unha estatística esencial para os Concellos e Gobernos rexionais á hora de determinar as liñas de transporte, mellorar as infraestruturas ou reclamar máis fondos para sanidade ou educación. No futuro mesmo podería utilizarse para mellorar o deseño da rede de transportes.

O INE tamén ten en conta os horarios distintos aos da maioría da poboación, como é o caso das persoas que traballan en quendas de noite. Para isto, o organismo fará unha comparación adicional: neses catro días examina se o terminal móvese en seis momentos distintos do día (ás 6.00, 10.00, 14.00, 18.00, 22.00 e 2.00). Así pode saberse se a actividade do móbil é nocturna ou diúrna, así como canto oscila a poboación entre a noite e o día.

Ademais dos días laborables, o estudo analizará os movementos estacionais. O INE tamén rastrexará os móbiles en dous días do verán —20 de xullo e 15 de agosto—, o 25 de decembro e un domingo de novembro, o 24.

Desta maneira, estudaranse os reagrupamentos de Nadal, as viaxes de fin de semana ou cales son os destinos estivais en función dos barrios nas grandes cidades. Saberase, por exemplo, cantos residentes da Coruña ou de Vigo se van ás Rías Baixas ou a outros países nas vacacións.

Tratamento de datos

En canto á legalidade desta práctica, o INE ten contrastado que ao manexarse información anónima non existen problemas de incumprimento da lei de protección de datos, segundo expón El País. En ningún caso se enviará información ou datos persoais dos titulares dos terminais, e segundo explican ao xornal fontes das operadoras, os datos enviaranse agregados, sen posibilidade de detallar por cada usuario.

A iniciativa representa un estudo experimental pioneiro en Europa. Só Holanda fixo algo parecido, pero cun só operador, bastante menos poboación e unha menor cantidade e detalle nos datos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

O CITIC lidera un proxecto do INE para mellorar a función estatística oficial

Un equipo dirixido polo científico Ricardo Cao recibirá 650.000 euros para o desenvolvemento de sete liñas de investigación

Matemáticas para predicir o risco de cardiotoxicidade no cancro de mama

A estatística permitirá á UDC coñecer a probabilidade de padecer esta doenza en mulleres expostas a quimioterapia

Aumentan en Galicia as mortes por tumores e por doenzas respiratorias

As defunficións no país aumentan un 4,7% no primeiros seis meses do ano, mentres caen as relacionadas co sistema circulatorio