Venres 19 Abril 2024

O IGN determina que a ría de Ribadeo tamén pode chamarse ría do Eo

O goberno do Principado de Asturias dá a coñecer a decisión e o Concello de Ribadeo anuncia que presentará un recurso

A ría de Ribadeo tamén poderá denominarse nos documentos oficiais como ría do Eo. Así o determinou o Instituto Geográfico Nacional (IGN) que, segundo informou o Principado de Asturias este xoves, recoñeceu o topónimo ría do Eo como nome alternativo e co mesmo nivel de oficialidade e uso que o de ría de Ribadeo, co que se identificaba ata o de agora o esteiro no que desemboca o río que separa Galicia e Asturias. O recoñecemento é unha resposta a unha petición cursada pola Conseyería de Cultura, Política Llingüística y Turismu do Goberno asturiano para oficializar este topónimo.

O goberno do Principado solicitara a oficialización do topónimo ría do Eo, cuxo uso, segundo argumentan, aparece rexistrado xa en documentos oficiais desde 1871, “o que testemuña un considerable grao de utilización no século XIX”, expón a institución nun comunicado. E engaden que “a presenza deste topónimo tamén aparece reflectida na cartografía do propio Instituto Geográfico Nacional desde 1991 e noutras documentacións, como a acta de deslinde e caderno asociado na liña límite Vegadeo-Ribadeo, desde 1960″​​​​​.

Publicidade

Segundo a resolución ditada o pasado 29 de outubro, esta decisión “supoñerá a inclusión de ambos os topónimos en todas as bases de datos xeográficas producidas polas administracións públicas integradas no Sistema Cartográfico Nacional e, en todo caso, nas da Administración Xeral do Estado”. Cúmprese así co procedemento que oficializará a nova denominación diante das administracións interesadas: o Goberno de Asturias, a Xunta de Galicia e os concellos de Castropol, Ribadeo e Vegadeo.

Ademais, recomendarase a rotulación conxunta ría de Ribadeo e ría do Eo cando a escala o permita, ou ben o uso indistinto de calquera de ambas as formas se o considera a Administración produtora da cartografía.

Esta decisión prodúcese 13 anos despois de que en 2008 a Comisión Geográfica Nacional do Consejo Superior Geográfico, dependente do Ministerio de Fomento, determinara que o nome de ría de Ribadeo debía ser o oficial. Con todo, o Principado impulsou en 2019 unha nova solicitude para incluír nos documentos oficiais a ría do Eo.

Recurso do Concello de Ribadeo

Con todo, o debate toponímico non está preto de resolverse. Este mesmo xoves, o Concello de Ribadeo, a través do seu alcalde, Fernando Suárez, anunciou que presentará un recurso á decisión. “Sorprende que na resolución do Instituto Geográfico Nacional non se analizan as nosas alegacións (entre outras varias que temos constancia de que se presentaron, como as da Deputación de Lugo). Nestas alegacións mostramos irrefutables argumentos na defensa do topónimo de Ría de Ribadeo como único oficial posible, mais con esta resolución dá a sensación de que non foron sequera tidos en conta”, lamenta Suárez nun comunicado difundido polo concello mariñao.

O rexedor engade que “estas alegacións acreditan, entre outros aspectos, o uso histórico do topónimo de Ría de Ribadeo e a realidade de que o topónimo de Ría do Eo é recente e propio de rexistros que non lle poden outorgar oficialidade. Por outra banda podemos afirmar que a nomenclatura das restantes rías galegas e asturianas vai en contra desta resolución, do mesmo xeito que tampouco se respectan as recomendacións da ONU de utilizar un único nome para os accidentes xeográficos e de evitar cambios innecesarios de nomes. Ademais, nestas alegacións tamén analizamos o informe do Principado de Asturias (que reabriu este debate e deu inicio ao expediente) no que, ao noso xuízo, non queda acreditado un uso histórico do termo de Ría do Eo nin un uso máis recente que poida oficializar o seu uso, atopando ademais serias inconsistencias nos argumentos presentados. Por todo isto, en canto teñamos a comunicación oficial da proposta de resolución, iniciaremos os trámites dos recursos que procedan, por entender que dita resolución non está motivada nin se axusta á razón, nin á historia, nin aos criterios de denominación das rías galegas e asturianas en particular, e do Cantábrico en xeral”, conclúe o mandatario.

O alcalde Fernando Suárez agarda que “a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia vaiamos da man para manter o criterio científico, histórico e xurídico avalado por todas as institucións a nivel galego e estatal, que de xeito contundente e con argumentos absolutamente obxectivos defenderon a oficialidade do nome da Ría de Ribadeo”. Entre outras análises, o concello ribadense esgrime un informe do Consello da Cultura Galega publicado en maio deste mesmo ano, e que avala o uso único de ría de Ribadeo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204