Nas pasadas semanas, os avións do proxecto IceBridge da NASA que voaban sobre a Antártida para estudar a evolución das grandes masas de xeo retrataron un grupo de icebergs cunha curiosa forma. Aínda que é un fenómeno habitual nos desprendementos que adoitan sucederse nas grandes plataformas dos polos, a fotografía publicada pola NASA chamou a atención en internet.
Segundo indicou a propia axencia a través de Twitter, é frecuente que aparezan grandes bloques de xeo con formas xeométricas incriblemente harmónicas. Neste caso, algunhas das tomas amosaban unha superficie totalmente chá e uns cortes nos seus extremos moi rectos e ‘limpos’.
É difícil obter imaxes destes icebergs, porque a súa forma muda rápidamente debido á erosión
A NASA sinalou que se trata dun dos chamados icebergs tabulares, que estaba aboiando entre moitos outros bloques de xeo de diversos tamaños, e que acababa de desprenderse da gran plataforma de Larsen C. “A forma dos ángulos do iceberg e a superficie chá indican que probablemente se desprendera pouco antes da plataforma”, sinalou a axencia.
Calcúlase que o iceberg fotografado nas pasadas semanas ten máis de quilómetro e medio de longo. Porén, hai que subliñar que sobre a superficie está só o 10%. Ademais, o efecto da auga, o vento, a calor do sol e o choque con outros grandes bloques modifican continuamente a súa forma; por iso é complicado obter fotografías deles.
Unha unlla que se rompe
Segundo explicou no portal Live Science a científica Kelly Brunt, investigadora da universidade de Maryland que traballa coa NASA, estes fenómenos prodúcense a semellanza dunha unlla que medra moito e ao final rómpese. En contadas ocasións, estes anacos de xeo medran dentro de grandes plataformas ata que, nun momento dado, rompen de súpeto debido á presión acumulada.
Pero, porqué son rectangulares?