Venres 19 Abril 2024

Soben a 613 os hospitalizados covid: “Non damos baixado a ocupación”

O conselleiro de Sanidade asegura que, "afortunadamente", os casos son máis leves, pero insta a manter as medidas de prevención

Sen restricións e sen a obrigatoriedade de usar máscaras —salvo en espazos moi concretos, como os sanitarios—, xa vivimos nun escenario moi semellante á vella normalidade. Mais o coronavirus, como apuntan os expertos, veu para quedar. De feito, os datos constatan que a covid segue a ser unha realidade moi presente. Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, o número de hospitalizados covid ascende xa a 613, con 22 pacientes en UCI. O conselleiro Julio García Comesaña pronunciouse esta mañá ao respecto nun acto en Pontevedra, no que asegurou: “Non damos baixado a ocupación”.

Comesaña instou a manter a prudencia e continuar coas medidas de prevención, incluso no verán, posto que o coronavirus xa demostrou non ser un virus estacional. E malia que confirmou un incremento dos ingresos hospitalarios nos últimos días, tamén asegurou que, “afortunadamente”, os casos son máis leves. Unha análise compartida pola inmunóloga África González que, nunhas declaracións recentes a GCiencia, aseguraba que é “moi difícil” que se volvan dar os altos picos de hospitalización e falecementos que se rexistraron durante as primeiras vagas e que, ademais, derivaron no colapso dos centros sanitarios.

Publicidade

En relación ao número de mortes, rexistráronse 16 nos últimos catro días. Seguindo os datos da Consellería, todos eles eran maiores de 60 anos e a maioría (10) superaban os 85 anos. Así é que dende o inicio da pandemia, o número total de mortes por covid en Galicia ascende a 3.585. Malia a cifra, o perfil actual de doente confirma que os casos máis graves pertencen a persoas maiores ou con outras patoloxías. Así o apuntaba González a GCiencia, que tamén indicaba que “os casos son máis leves ou asintomáticos”. E engadía: “Incluso hai persoas que non se enteran de que están contaxiadas”.

A cuarta dose da vacina

Pese a unha situación epidemiolóxica relativamente estable e controlada, o Ministerio de Sanidad anunciou a mediados de xuño que se administraría unha cuarta dose da vacina covid para a poboación xeral. Cabe preguntarse se cos datos de incidencia, tanto de positivos como de hospitalizados e UCI, é preciso. O sentir xeral da comunidade científica foi de abraio, asegurando que non existen evidencias que respalden esa decisión. “Os estudos que se fixeron ata o momento demostran que a resposta inmunitaria mantense nas persoas sas. Polo tanto, esa memoria funciona e, ademais, as infeccións que está a causar ómicron adoitan ser bastante leves“, dicía González, tamén en declaracións recentes a GCiencia.

En relación a este escenario, a inmunóloga, tamén catedrática na Universidade de Vigo (UVigo), confirmaba hai máis dunha semana que están aumentando os contaxios en maiores de 60 anos. Con todo, a experta consideraba “lóxica” esta situación, posto que xa non hai restricións, nin sequera a obrigatoriedade de empregar máscaras en interiores. Polo tanto, un maior contacto tamén incrementa necesariamente a incidencia. En relación ás hospitalizacións, González aseguraba que rondaban o 5%. E valoraba, en relación a unha cuarta dose xeneralizada: “Se coa nova vacinación se puidese reducir ao 0%… Pero non o sei”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

O pico de gripe en Galicia adiántase á semana de Reis: “Estamos no punto de maior incidencia”

Segundo os últimos datos do Sergas, o número de persoas ingresadas polo virus respiratorio é de 904, dos que 42 están en UCI

A gripe, nunha “elevada pendente”: Galicia achégase ao pico de infeccións respiratorias

O epidemiólogo da USC Juan Gestal sostén que a covid-19 mantén unha tendencia estable. O virus respiratorio sincitial (VRS) anota un aumento contaxios