Xoves 25 Abril 2024

A UVigo implantará o vindeiro ano un grao de Enxeñaría Biomédica

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este luns a implantación dun novo grao e sete másters de cara ao curso 2018-2019. A principal novidade é a aceptación da proposta da Escola de Enxeñaría Industrial para comezar a impartir o grao en Enxeñaría Biomédica.

A vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, definiu como “unha proposta interesante” a nova titulación, que terá por obxectivo formar profesionais da enxeñaría biomédica e aplicar os principios e coñecementos da enxeñaría industrial, da de telecomunicación e informática ao campo médico e de tecnoloxía de produtos sanitarios. Impartirase na Escola de Enxeñaría Industrial, mais coa colaboración de Telecomunicación e as facultades de Bioloxía e Química.

Publicidade

Haberá novos mestrados en Bioloxía, Aeronáutica, Educación, Comunicación e Economía

No caso dos mestrados, as declaracións de interese corresponden a dúas propostas da Facultade de Bioloxía para impartir senllos másters interuniversitarios en Biodiversidade Terrestre e Xestión do Medio Natural e en Metodoloxías Xenómicas e Xenéticas, ás que se engaden as declaracións de interese, tamén aprobadas, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que presentou o Máster en Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados; a da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que solicitaba o Máster Interuniversitario en Especialización, Investigación e Innovación en Educación Infantil e Primaria; a da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sobre a implantación do Máster en Social Media Management e Creación de Contidos Dixitais e a da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais sobre un Máster en Economía.

Todo apunta a que no curso 2019-2020 tamén entren en funcionamento novas titulacións, como o Grao de Deseño e Creación na Facultade de Belas Artes e dous novos mestrados na Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo: o Máster en Ciencia e Tecnoloxía do Espazo e outro en Enxeñaría Aeronáutica.

Outro dos acordos adoptados hoxe polo Consello de Goberno permitirá a entrada en vigor para o vindeiro curso 2017-2018 do programa conxunto de estudos oficiais do Grao en Turismo e o Grao en Xeografía e Historia no campus de Ourense. Así mesmo, o vindeiro curso tamén comezará a impartirse no campus de Pontevedra o Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que substituirá curso ao titulo propio Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda, cuxo calendario de extinción tamén foi aprobado na sesión deste luns.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos