Martes 16 Abril 2024

Granxas de visóns e coronavirus: que se sabe ata agora?

Galicia ten o maior número de granxas de España, con 500.000 visóns en 25 explotacións activas, polo que preocupa a propagación do SARS-CoV-2 nestes animais

A comezos de novembro, unha información que chegaba desde Dinamarca puxo en alerta ao Centro Europeo de Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) e á OMS: unha variante do SARS-CoV-2, denominada Conglomerado 5, ou Clúster 5, comezou a propagarse de forma “explosiva” polas granxas de visóns, cuxa pel se utiliza na industria peleteira, na península de Jutlandia, en Dinamarca. O que tiña de especial esta variante do coronavirus era, segundo a OMS, que “presentaba unha combinación de cambios non observados previamente”, polo que se descoñecían as repercusións dos cambios detectados no código xenético do virus. As posteriores declaracións da primeira ministra do país, Mette Frederiksen, e as decisións do goberno danés foron impactantes: acordouse sacrificar a 17 millóns de visóns, e Frederiksen advertiu de que esta variante podería comprometer a eficacia das vacinas en desenvolvemento (aínda que por agora non se confirmou este extremo).

A preocupación estendeuse a Galicia, onde se sitúan 31 (das que 25 están activas) das 37 explotacións de visón americano (Neovison vison) en España, cunha estimación de 500.000 individuos. O clima atlántico, acaído para a súa cría, fixo medrar a aposta empresarial por estes animais nas últimas décadas. Coa pandemia aumentou tamén o debate sobre estas granxas, derivado do risco de propagación da especie, considerada invasora, para a biodiversidade, ademais das críticas por partes de colectivos ecoloxistas polo modelo produtivo que representan.

Publicidade

O asunto chegou este xoves ao Parlamento de Galicia, onde o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña respondeu a unha pregunta do grupo parlamentario do PSdeG sobre as medidas que se están a tomar para controlar os posibles brotes nestas explotacións.

Os brotes nas granxas de visóns

Ata esta semana, detectouse a presenza do SARS-CoV-2 en granxas de visóns de preto dunha decena de países, como Dinamarca, Países Baixos, Suecia, España, Italia, Canadá ou os Estados Unidos, algúns deles, entre os principais produtores mundiais de pel deste animal. No caso español, un brote en Teruel deu conta da rápida propagación do virus nestes mustélidos, xa que as probas realizadas constataron a presenza do SARS-CoV-2 nun 87% dos animais e levaron ao sacrificio de máis de 90.000 animais.

Aínda que por agora en España só se ten constancia do brote de Teruel, o problema acada unha maior magnitude nos Países Baixos, cun 43% das explotacións do país afectadas.

Como se transmite o virus nestes animais?

Ata o de agora constatáronse infeccións por SARS-CoV-2 en cans, gatos, leóns, tigres e tamén visóns. Nos casos analizados, debéronse a contacto directo con seres humanos infectados, que lles transmitiron a infección. Pero nos visóns observouse o potencial de transmisión entre eles, o que conleva a un risco de novos contaxios a humanos. É neste caso onde se rexistrou a variante Clúster 5 que sementou a preocupación en Dinamarca, xa que o traspaso dunha especie a outra pode causar maiores modificacións no código xenético.

Entre os síntomas, tal e como destacaba a viróloga veterinaria Elisa Pérez en The Conversation, xorden tamén transtornos dixestivos, ademais dos respiratorios. Porén, a maioría dos visóns cursan a infección como asintomáticos.

E como afecta isto á pandemia?

Segundo o ECDC, que publicou un informe no que analizaba o caso a comezos de novembro, a variante Clúster 5 amosaba cambios na proteína S (spike) do SARS-CoV-2, clave para a entrada do virus nas células e, por tanto, unha diana esencial no desenvolvemento de vacinas.

Por agora, como expón o mesmo informe, non parece haber diferenzas na severidade da Covid-19 no caso das persoas infectadas pola variante que afecta a visóns. O que máis preocupan son os cambios no código do SARS-CoV-2 e, ademais, a facilidade coa que se está transmitindo dos mustélidos aos humanos. Un dos principais temores é que se convirtan en reservorios do virus, o que xa aconteceu coa rabia (mapaches) ou a tuberculose (teixugos) no pasado.

Medidas

Co gallo da pandemia e a magnitude dos brotes nas explotacións, os Países Baixos avanzaron unha medida que tiñan previsto cumprir no ano 2024: o peche de todas as granxas de visóns do país. En Galicia e España, entidades ecoloxistas solicitaron tamén que se secundara esta decisión. Así o fixo Adega, que tamén lembrou o risco de propagación do SARS-CoV-2 en Galicia pola densidade de granxas existentes, alén da ameaza cara á biodiversidade que supón a especie, que segundo o Goberno español é unha especie invasora no territorio galego e atópase en “pleno proceso de expansión”.

Ademais, e ante o risco de brotes, tanto a OMS e o ECDC como as autoridades rexionais e estatais desenvolven un plan especial de vixilancia nas explotacións, con estudos epidemiolóxicos e maiores medidas de prevención e hixiene nelas. Mais as entidades ecoloxistas, parte da comunidade científica e outros colectivos advirten que este seguimento debe ser máis estrito.

Áreas con expansións de visóns no territorio español. Fonte: Miteco.
Áreas con expansións de visóns no territorio español. Fonte: Miteco.

Risco e vixilancia en Galicia

No pleno do Parlamento de Galicia deste xoves, o conselleiro de Sanidade sostivo que as explotacións están “sometidas a vixilancia activa”. Os servizos de Sanidade Animal da Xunta están a traballar cos responsables das explotacións para evitar posibles brotes facendo análises periódicas no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal. Nos últimos meses realizáronse análises detalladas en catro das 25 granxas activas polas sospeitas de brotes, aínda que as probas resultaron negativas. E para evitar as transmisións desde humanos, realizáronse probas PCR ao persoal das granxas, tal e como recomendou o ECDC en novembro.

Unha soa saúde

As autoridades sanitarias e demais institucións insisten en que o problema coas granxas de visóns volve poñer de relevo a importancia do enfoque “One Health” (Unha soa saúde) no contexto da actual pandemia e mirando tamén cara ao futuro do planeta. Neste sentido, expertos de diversas disciplinas, como a veterinaria, advirten de que a alteración de hábitats naturais, a explotación intensiva de especies e a maior mobilidade humana e animal poden incrementar o risco de que patóxenos que permanecían ‘confinados’ en determinados espazos dean o salto ao resto do mundo, provocando doenzas a maior escala non só na especie humana, senón tamén en moitos outros seres vivos moi importantes para o planeta.

Un mundo, unha soa saúde

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos