Xoves 28 Marzo 2024

Por que o teu gato sempre te esperta de madrugada?

A fame, a falta dunha rutina ou a necesidade de queimar enerxía son os motivos máis comúns polos que o felino non te deixa descansar

Son as tres da mañá. Ao día seguinte érgueste cedo para ir ao traballo e precisas durmir ben. Pero hai un impedimento: o teu gato. Escóitalo correr de madrugada detrás do seu rato de xoguete ata que, canso do entretemento, vai ao teu cuarto e decide espertarte a ti. Ben cun toque lixeiro da súa pata no teu brazo, ben directamente subido á cama. E así todas as noites. Dúas investigadoras da Universidade de Adelaida, en Australia, Susan Hazel e Julia Henning, tratan de explicar a situación. Segundo elas, os gatos evolucionaron para a actividade nocturna, mais o seu período de máxima actividade debería ser ao anoitecer ou pola mañá cedo. É dicir, non de madrugada.

É máis, tanto Hazel como Henning aseguran que coa domesticación, os gatos fóronse adaptando ao estilo de vida humano e, polo tanto, tratan de que os seus ciclos de actividade sexan o máis parecidos posible aos dos seus donos. É dicir: ás tres da mañá, se ti estás a durmir, o teu gato tamén debería facelo. Por que o teu non o fai? Os motivos polos que a túa mascota te esperta a miúdo ou máis cedo da hora que che corresponde son moitos. E ollo, teñen solución.

Publicidade

Teñen fame

O motivo máis común é case evidente: o teu gato ten fame e non atopa outra forma de saciala que pedíndoche comida. Ás veces o que ocorre é que se ti respondes á súa demanda, a túa mascota felina acabe por entender que a comida é unha recompensa por espertarte. É dicir, seguirate espertando reiteradamente no futuro. Para abordar o problema, a mellor opción é asegurarte de que lle proporcionas suficiente alimento durante o día ou en determinadas franxas da xornada. Por exemplo, antes de ir para a cama. Ademais, Hazel e Henning aconsellan que o gato non asocie a túa hora de espertar co almorzo, porque acontecerá o mesmo: sempre te espertará á mesma hora, incluso os días que non traballes. Ou ben esperas arredor de media hora dende que ti te ergues ou tratas de asociar o almorzo felino con certas palabras, como: Imos comer!

Non teñen unha rutina

Se algo hai que caracterice os gatos é que lles encanta ter unha rutina e, polo tanto, ser capaces de predicir que é o que vai pasar. Se teñen un horario ben organizado terán uns niveis de estrés moi reducidos. E isto non só é aplicable á comida, tamén á hora de xogo ou ao tempo de aseo. É máis, Hazel e Henning aconsellan que baleires a súa area en intervalos regulares e predicibles e que, por suposto, a manteñas sempre limpa. Que estea sucia é outro dos posibles motivos polos que o teu gato te esperta tan cedo. De igual maneira, non movas as súas cousas de sitio, como os rascadores. Se algo cambia na súa contorna, é probable que tamén cambie o seu comportamento. E, polo tanto, que te esperte cedo.

Non gastan suficiente enerxía ao longo do día

Pensarás que isto non é aplicable ao teu gato porque pasa a meirande parte do día durmindo, pero non é certo. Tamén precisan un espazo de tempo no que se dediquen a xogar para gastar enerxía. Se non a queiman, espertarante cedo para entreterse. A mellor opción? Que teñan acceso a unha gran variedade de xoguetes e recursos, sobre todo se pasas moito tempo fóra da casa. Tamén é aconsellable que teñan rascadores para trepar e estirarse, pelotas, xoguetes brandos… Outra das claves é que cando esteas na casa te involucres no seu xogo. Os gatos caen facilmente no aburrimento, e que ti participes pode ser unha maneira de mantelos atentos. Iso si, non xogues unha hora antes de deitarte. Estarán moi activos cando ti vaias para a cama.

 

Se fixeches todos estes cambios e, aínda así, o teu gato segue a espertarte no medio da madrugada, tranquilo. Hai que darlle tempo para que se adapte. De feito, as investigadoras aseguran que o seu comportamento, cando comezamos a aplicar os consellos, poden incluso empeorar nos primeiros días e semanas. Pero mellorará. O mellor: non te levantes cando te esperten e trata de non interactuar con el, senón máis ben ignoralo. E se aínda así non ves resultados a longo prazo, a solución non é outra que ir ao veterinario. É probable que teñan que facerlle probas para descartar problemas de saúde.


*Unha versión deste artigo foi publicada orixinalmente en The Conversation. Aquí podes acceder ao artigo orixinal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis do 30% dos gatos teñen obesidade: “Son unha bomba andante”

O hospital Rof Codina asiste cada ano unha media de 600 felinos, na súa maioría mascotas que presentan “patoloxías de tipo renal” relacionadas co exceso de peso

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo

Tres consellos para que a volta á rutina laboral non sexa tan dura

A aterraxe no traballo tras unhas longas vacacións adoita ser accidentada e desmotivadora, pero hai varias estratexias para suavizala

Os gatos recoñecen a voz dos seus amos, pero a maioría das veces ignórana

Este experimento é o primeiro en explorar como os gatos responden á fala dirixida a gatos fronte á fala dirixida a humanos