Xoves 28 Marzo 2024

Verán fecal en #Galifornia

Lugoslavia, Santa Cumbia, Santiago de Compistola, Puerto del Sonido, Sangenjo. A toponimia galega ofrece moitas deturpacións humorísticas ideadas por mentes enxeñosas. Mais ningunha delas tan viral como Galifornia, a palabra de moda no universo de Instagram e Mr Wonderful. Galifornia pretende, ou iso parece, equiparar as nosas costas coa idílica California do surf, a música dos Beach Boys e as praias onde David Hasselhoff facía de salvavidas sanote antes de que o tiveran que rescatar a el do lado escuro da fama.

Recorrer ás virtudes alleas para intentar reforzar as propias, como acontece co concepto Galifornia, non parece o mellor camiño. Dá a impresión de que non temos nada mellor que ofrecer. Mais non somos os únicos: repártense certificados de “Venecias de...” a cidades que en moitos casos non teñen nada que envexar a Venecia. Salvando as distancias, e buscando un exemplo máis próximo, algo semellante fixo Sinaí Giménez cando se proclamou oObama galego“, e xa vemos como lle están indo as cousas a Sinaí. Deixando a un lado a brincadeira, hai que afondar no asunto:

Publicidade

California non é só o tópico das súas praias. California é Silicon Valley, onde están as sedes de Google, Apple ou Facebook e bule a vangarda tecnolóxica; pero tamén é Oakland, unha cidade pouco maior ca Vigo que adoita aparecer entre as 10 cidades máis perigosas dos EUA. Só en 2014 houbo en Oakland 86 homicidios cunha triste e enorme porcentaxe de afroamericanos e latinos entre as vítimas.

California é tamén unha das zonas con máis contrastes dos Estados Unidos, e conta con varios lugares nos que resultaría complicado aguantar en biquini ou bermudas. Menos de 200 quilómetros separan o monte Whitney (o máis elevado dos EUA continentais, con 4.421 metros de altitude) e o Val da Morte, un dos lugares máis abrasadores do mundo, onde se achegan aos 60ºC. Alí, na bacía Badwater, está o punto máis baixo do continente, nunha depresión de 68 metros baixo o nivel do mar. Para fritir un ovo no chan.

Galicia ten importantes carencias no tratamento e depuración das augas residuais

Galifornia tampouco é só as súas fermosas praias. Ten unha estimable riqueza natural e cultural, malia todo, con paraxes verdes e antigas que non casan ben coa estética de anuncio de cervexa, pero que ben valen unha camiñada. Galifornia é tamén a aniquilación de vilas mariñeiras, devoradas polo canibalismo urbanístico, e o clientelismo de quen non tivo reparo en autorizar a demolición dunha parte do seu patrimonio. Esa Galifornia, para ben ou para mal, non aparece en tantas etiquetas das redes sociais.

Agora que chega o verán, é acaído lembrar que Galifornia posúe a honra de ter 40 praias e zonas de baño nas que é recomendable non bañarse debido á contaminación por bacterias fecais, tal e como contamos hai unhas semanas en GCiencia. Os valentes que se arrisquen aínda así a mergullarse poden saír da auga cunha boa diarrea ou outro problema máis serio. Algunhas destas praias xa son casos perdidos, con prohibición permanente de baño. Nestes puntos xa nin sequera se recollen mostras ata que as autoridades se comprometan a solucionar o problema e freen os vertidos de augas fecais ao mar.

Abonda ver o mapa para concluír que estas cifras non se explican só coa lonxitude da nosa costa, chea de cobregueos co mar. Hai algo máis. En Galifornia son frecuentes as advertencias sobre o deficiente saneamento das augas, a principal causa destes vertidos. Aínda que se avanzou moito desde finais do século XX, seguen incumpríndose directivas europeas, e lugares como a ría do Burgo fican improdutivos e abandonados debido a toneladas de lodos contaminantes.

Con este noxento panorama, e facendo o mesmo razoamento que fixo quen inventou Galifornia, podemos rebautizar o país como Guarricia, por exemplo. Sería tamén acaído. Por sorte, aínda non se lle deu a ninguén por popularizar este termo. Crucemos os dedos.

Parece, por tanto, que sería mellor quedarse co lugar que nos foi dado, nin tanto aló, nin tanto acó, e loitar por facelo mellor. Coidemos todos de Galicia, que é suficiente orgullo e hai moito traballo por facer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli