Xoves 18 Abril 2024

Galegos a 13 billóns de electronvoltios

O Gran Colisionador de Hadróns (LHC, polas súas siglas en inglés) comezou este mércores 3 novamente a proporcionar datos para a física por primeira vez en 27 meses. Tras unha parada técnica de case dous anos e varios meses de posta en marcha, o LHC proporciona agora colisións a todos os seus experimentos a unha enerxía sen precedentes, 13 teraelectronvoltios (TeV), case o dobre da enerxía de colisión do seu primeiro ciclo de funcionamento. A enerxía equivale a 13 billóns de electronvoltios.
O inicio do segundo ciclo de funcionamento do LHC, denominado Run 2, abre o camiño a novos descubrimentos. O LHC funcionará de forma continua durante os próximos tres años. 200 científicos e técnicos de dez centros de investigación españois participan nos experimentos do LHC, entre eles investigadores da Facultade de Física da USC agrupados arredor dos experimentos ALICE e LHCb.

O Gran Colisionador de Hadróns do CERN.
O Gran Colisionador de Hadróns do CERN.

O profesor da área de Física Teórica da USC Carlos Salgado López considera que “duplicar a enerxía do LHC permitirá acceder a estados da materia con temperaturas nunca producidas en laboratorio, como as existentes nos primeiros microsegundos despois do Big Bang”. No marco do proxecto ALICE, o investigador da facultade de Física traballa no proxecto ‘Hot and dense QCD in the LHC era’, para “estudar estados da materia a altísimas temperaturas onde os quarks e os gluóns están libres en distancias macroscópicas do tamaño do núcleo atómico”.
Juan Saborido, da área de Física Atómica, Molecular e Nuclear da facultade compostelá, agarda que as novas cotas de enerxías permitan ao experimento LHCb seguir profundando na comprensión da ruptura de simetría entre materia e antimateria producida no Big Bang, momento no que a materia “ venceu” á antimateria, formando os átomos que compoñen galaxias, estrelas, planetas e todo o que existe, sen que a día de hoxe se saiba exactamente porqué.

O acelerador vai producir ata mil millóns de colisións por segundo

Hoxe ás 10.40 horas, os técnicos que operan o LHC declararon “feixes estables” o sinal para os experimentos do LHC para comezar a tomar datos. Os feixes están formados por cadeas de ‘paquetes’ de protóns que viaxan case á velocidade da luz arredor dos 27 quilómetros do anel do LHC. As cadeas de paquetes circulan en direccións opostas, guiadas por potentes imáns superconductores. O LHC encheuse hoxe con 6 paquetes, cada un con 100.000 millóns de protóns. Este número incrementarase progresivamente ata os 2.808 paquetes por feixe, permitindo ao LHC producir ata mil millóns de colisións cada segundo.

Vista aérea do CERN.
Vista aérea do CERN.

Durante o primeiro ciclo de funcionamento do LHC, os experimentos ATLAS e CMS anunciaron o descubrimento do chamado bosón de Higgs, a última peza do puzzle do Modelo Estándar, a teoría que describe as partículas elementais que compoñen a materia do universo visible e as súas interaccións. “Os primeiros tres anos de funcionamento do LHC, que culminaron cun gran descubrimento en xullo de 2012, foron so o comezo da nosa viaxe. Agora é o momento de nova física”, afirmou o director xeral do CERN, Rolf Heuer.
No Run 2 que comeza este mércores, os equipos de investigación teñen a intención de profundar no Modelo Estándar e incluso encontrar evidencias de novos fenómenos físicos más alá dos seus límites que poderían explicar misterios como a materia escura, que compón un cuarto do universo, ou a aparente predilección da natureza pola materia sobre a antimateria, e sen a cal non existiría. Durante os dous anos de parada técnica, os catro grandes experimentos ALICE, ATLAS, CMS e LHCb sometéronse tamén a un importante programa de mantemento e mellora para prepararse para a nova fronteira de enerxía.

Publicidade

“Accederemos a estados da materia microsegundos despois do Big Bang”

Aproximadamente 200 científicos e técnicos españois participan nos principais experimentos do LHC. En ATLAS participan o Instituto de Física Corpuscular (IFIC, CSIC-Universidade de Valencia); o Instituto de Física de Altas Enerxías (IFAE), consorcio da Generalitat de Catalunya e a Universitat Autònoma de Barcelona; o Instituto de Microelectrónica de Barcelona (CNM‐IMB‐CSIC); e a Universidade Autónoma de Madrid (UAM).
En CMS colaboran o Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT); o Instituto de Física de Cantabria (IFCA, CSIC-Universidade de Cantabria); a Universidade de Oviedo (UO) e a Universidade Autónoma de Madrid (UAM).
En LHCb participan a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Barcelona (UB), a Universidade Ramón Llull (URL) e o Instituto de Física Corpuscular (IFIC, CSIC-UV). Finalmente, n ALICE atópanse implicados a USC e o CIEMAT. A participación científica española conta co apoio do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN), proxecto Consolider-Ingenio 2010.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos