Xoves 28 Marzo 2024

O fútbol denuncia á galega Blusens polo seu aparello WebTV

Aínda que a causa está baixo secreto, vanse coñecendo máis detalles da denuncia e a investigación que a pasada semana provocou a detención de varias persoas ligadas á antiga Blusens, entre elas o seu presidente, José Ramón García, e a retirada do mercado do dispositivo WebTv, que permitía visualizar nas televisións múltiples canais e contidos.

A denuncia foi presentada ante a Policía Nacional por Egeda (Entidad de Gestión de Dereitos para os Produtores Audiovisuais ), presidida polo produtor Enrique Cerezo, á súa vez presidente do Atlético de Madrid. A Liga de Fútbol Profesional e Mediapro, empresa propietaria dos dereitos de retransmisión do fútbol en España, xa se personaron tamén en calidade de prexudicados polos servizos que ofrecía o aparello de Blusens.

Publicidade

A querela presentouse hai varios meses, e desde entón comezaron as investigacións. Egeda realizou varias comprobacións do funcionamento do WebTv para ver a que contidos daba acceso. Ante as evidencias de que se puidera estar incurrindo nun delito contra a propiedade intelectual, o xuíz de Santiago Andrés Lago Louro ordenou a detención de catro persoas: tres en Galicia e unha en Andalucía. Outra persoa vinculada ao caso foi localizada en Barcelona e está sendo tamén investigada, aínda que non foi detida.

Denuncia de usuarios

Horas antes de que se fixese pública a investigación, os aparellos WebTv deixaron de funcionar ao ordenar o xuíz a desconexión dos servidores que lle daban acceso a Internet e, por tanto, a posibilidade de visualizar os contidos nas televisións. O aparello, que chegou a ser un dos máis vendidos no apartado de Streaming de Amazon, foi retirado da comercialización nas tendas físicas e en liña.

A través da súa páxina de Facebook, a empresa actualizou o pasado martes un comunicado que fora publicado por primeira vez o venres 2, que dicía o seguinte:

Porén, centos de usuarios reclamaron tanto a través das redes como nos puntos de venda a devolución do importe do aparello, cuxo prezo oscilaba entre os 90 e os 130 euros. E pola súa banda, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) publicou unha nota na que se sostiña que, “non cabendo a reparación ou substitución do produto, esta asociación considera que as persoas afectadas poden reclamar a devolución do diñeiro pagado polo dispositivo no seu momento”.

A entidade engadía que “existe unha falta de conformidade do produto de acordo ó establecido na normativa que regula as garantías de bens de consumo”. Do mesmo xeito, UCGAL sinalaba que as persoas afectadas “poden acudir ás autoridades de consumo para resolver as súas dúbidas sobre este tema e presentar a correspondente reclamación“. E ademais, a asociación anunciou que solicitará a intervención da fiscalía “considerando que o caso afecta ós intereses económicos dunha pluralidade indeterminada de persoas consumidoras”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así funciona WebTv, o aparello que provocou a detención do fundador de Blusens

O dispositivo, que chegou a estar entre os máis vendidos de Amazon, conectaba a televisión a internet para visualizar todo tipo de contidos