Venres 19 Abril 2024

Fukushima, como Chernóbil: a fauna invade a zona de exclusión

Un estudo constata o aumento de grandes mamíferos na zona vedada aos humanos desde o accidente causado polo maremoto de 2011

O accidente nuclear de Fukushima, ocasionado a partir do devastador terremoto e posterior tsunami que tivo lugar en Xapón o 11 de marzo de 2011, xerou importantes consecuencias nesta zona do arquipélago nipón. Como xa acontecera con outra das catástrofes nucleares das últimas décadas, a de Chernóbil, estableceuse unha área de exclusión de miles de quilómetros cadrados para evitar a exposición da cidadanía á radiactividade. Porén, os animais seguiron circulando por esta zona sen limitacións. E como tamén pasou en Ucraína, diversas especies comezaron a atopar un hábitat moi acaído, lonxe da presión humana, nestes espazos de exclusión.

Esta semana, un estudo realizado por científicos estadounidenses e xaponeses, publicado en Frontiers in Ecology and the Environment, constata que mamíferos de gran tamaño son abundantes nestas zonas ás que non accede o ser humano. Os investigadores compilaron miles de fotos e vídeos nas que aparecen máis de 20 especies, entre as que destacan os xabarís, lebres xaponesas, monos, faisáns, raposos, cans mapache ou serows.

Publicidade

Segundo un dos autores do traballo, o biólogo James Beasley, a investigación achega novas respostas ás cuestións sobre o posible impacto da radioactividade e a ausencia de actividade humana nestes peculiares espazos. “Os nosos resultados representan a primeira evidencia de que moitas especies salvaxes abundan agora en toda a zona de exclusión de Fukushima, a pesar da presenza de contaminación radiolóxica”.

O equipo identificou tres zonas distintas dentro da área de exclusión de Fukushima que estableceran as autoridades xaponesas: as zonas de acceso prohibido, debido aos altos niveis de conteminación, as áreas con niveis intermedios, con acceso restrinxido, e as áreas de acceso permitido, debido aos niveis baixos de radioactividade.

Serow xaponés retratado en 2016 na zona de exclusión de Fukushima. Fonte: Universidade de Georgia.
Serow xaponés retratado en 2016 na zona de exclusión de Fukushima. Fonte: Universidade de Georgia.

Durante un período de 120 días, as cámaras instaladas polos científicos recolleron, por exemplo, máis de 46.000 imaxes de xabarís, sobre todo na zona de acceso prohibido. Ademais, na área con maior nivel de radiactividade apareceron tamén mapaches, martas e monos xaponeses.

A investigación, con todo, non estaba enfocada a coñecer se a radiación influíu dalgún xeito nas condicións de saúde destes animais. “É unha contribución importante porque examina os impactos radiolóxicos nas poboacións, mentres que outros estudos anteriores buscaron efectos en individuos”, explica Hinton. Así, os autores deste último traballo aclaran que, “de existir algún efecto derivado da exposición á radiación nestes mamíferos, acontece a escala individual ou molecular, pero non parecen manifestarse nas respostas a nivel de poboación”.

Visita á fauna de Chernóbil 33 anos despois do accidente nuclear

Entre outros factores, o equipo avaliou tamén variables como a distancia ás estradas, o tempo de actividade detectado polas cámaras, o tipo de vexetación e a altitude de cada lugar. “O terreno varía de montañoso a costeiro, e sabemos que cada hábitat é máis acaído para determinados tipos de especies. Segundo estas análises, os resultados amosan que o nivel de actividade humana, a elevación e o tipo de hábitat foron os factores principais que influíron na abundancia das especies avaliadas, e non tanto os niveis de radiación”.

Entre outros detalles salientables, o estudo detectou que o xabaril está máis activo durante o día na zona na que non está permitido o acceso a humanos, o que suxire que estes mamíferos poden estar modificando o seu comportamento en ausencia de persoas e, por tanto, de ameazas para a súa supervivencia. E por outra banda, os serows apareceron máis en zonas altas habitadas por humanos, o que suxire que poderían estar adaptando tamén o seu comportamento, pero neste caso para evitar os espazos con alta presenza de xabarís.

A elevada presenza destes animais nas zonas nas que se levantou a prohibición de residir para os humanos, unha vez que se reduciron os niveis de contaminación, levaron a organizar cacerías a gran escala nas que se capturaron miles de animais.

Vínculo entre Fukushima e Chernóbil

O ano pasado, co gallo da emisión dunha serie sobre o accidente de Chernóbil, as olladas volvéronse cara a situación actual desta área de Ucraína afectada polo accidente de 1986. Algúns científicos españois, como o asturiano Germán Orizaola, analizaron durante varias campañas de investigación a situación da flora e a fauna nos arredores da central nuclear. Orizaola, nunha entrevista con GCiencia, mesmo cualificou a zona de “paraíso” para a fauna, toda vez que vive sen ningún tipo de presión antrópica.


Referencia: Rewilding of Fukushima’s human evacuation zone (Publicado en Frontiers in Ecology and the Environment).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais