Descualifican ao gañador dun concurso de fotografía por empregar un animal disecado

"O asaltante nocturno". Foto: Marcio Cabral.
Imaxe gañadora do concurso (á dereita) e imaxe do oso disecado que fixeron chegar á organización do certame.
Imaxe gañadora do concurso (á dereita) e imaxe do oso disecado que fixeron chegar á organización do certame.

A imaxe do fotógrafo brasileiro Marcio Cabral foi unha das destacadas entre os gañadores de 2017 no concurso Wildlife Photographer of the Year, un certame organizado polo Museo de Historia Natural de Londres, e considerado un dos premios máis destacados na fotografía de natureza. Na foto de Cabral, tomada no Parque Nacional de Emas, no estado de Goiás, un oso formigueiro achégase na procura de alimento a un termiteiro, que á súa vez está cheo de vagalumes. Foi a fotografía gañadora na categoría de Animais no medio natural. Pero a imaxe tiña trampa: o animal era disecado.

Segundo informou este venres o propio museo británico na súa web, a organización recibiu en marzo unha información procedente dunha fonte anónima na que se poñía en dúbida a autenticidade da imaxe. Esta fonte adxuntaba fotografías en alta resolución dun oso formigueiro disecado que está exposto nun centro de visitantes de Portão do Bandeira, unha das entradas do Parque Nacional de Emas.

Iniciouse entón unha investigación, na que cinco científicos (tres expertos en mamíferos, outro experto en osos formigueiros e un experto en taxidermia) concluíron, cada un pola súa parte, que había suficientes evidencias para crer que o animal disecado e o que foi  retratado por Marcio Cabral era o mesmo. Varios elementos, como a postura do animal, a morfoloxía ou a pelaxe parecíanse moito.

Publicidade

Despois disto, a organización púxose en contacto co fotógrafo brasileiro, que colaborou na investigación achegando os arquivos orixinais da fotografía. Cabral negou que fose un exemplar disecado, aínda non puido amosar outras imaxes do oso formigueiro que puideran dar máis pistas. E mesmo achegou a testemuña dunha persoa que afirmou que vira ao animal vivo.

Porén, as probas que achegou Cabral non convenceron ao xurado, que confirmou a súa descualificación. Deste xeito, o nome de Cabral será retirado da lista de gañadores, non poderá volver a presentarse ao festival e a súa imaxe xa non poderá verse nas exposicións itinerantes do Wildlife Photographer of the Year.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.