Venres 29 Marzo 2024

Nace a primeira xiloteca de Galicia

Unha torada de madeira da colección da Escola de Forestais de Pontevedra.
Unha torada de madeira da colección da Escola de Forestais de Pontevedra.

Enriquecer a gama de mostras de madeira coas que conta actualmente a Escola de Enxeñaría Forestal para o seu labor formativo e dar forma ao mesmo tempo a un espazo educativo aberto á cidadanía, que sirva para poñer en valor o sector forestal e un material sostible como a madeira, son os obxectivos que o centro do campus trata de reunir na súa futura xiloteca. Os traballos previos á posta en marcha desta colección de madeiras do mundo son coordinados polo PAS Luis Torres, que, grazas á colaboración de diferentes empresas, logrou reunir xa preto de 170 pezas de madeira de máis de medio cento de especies diferentes.

“Estamos aínda nos inicios, pero, se seguimos a este ritmo, penso que para o vindeiro curso a xiloteca xa podería estar lista”, apunta Torres, que ao longo das últimas semanas vén solicitando a colaboración co proxecto de serradoiros ou fábricas de mobles, coa idea de que poidan achegar á escola “excedentes e recortes que non van a ser utilizados comercialmente pero que poden resultar extraordinariamente útiles para a formación da colección”. Segundo informa Eduardo Muñiz no DUVI, o seu corpo central estará constituído unhas pequenas táboas de 15 centímetros de longo cunha etiqueta identificadora da especie, procedencia, persoa ou entidade que a doou e características da árbore. Ata o de agora, a axuda prestada á iniciativa por varias fábricas de mobles da zona da Estrada permitiu dotar á colección de mostras de carballo, castiñeiro ou piñeiro, pero tamén de madeiras tropicais como wengué, sapelly ou terigota.

Publicidade

O director de Forestais considera a iniciativa do PAS ‘unha idea brillante’

Como “unha idea brillante, posto que non existe ningunha outra iniciativa como esta en Galicia”, definiu Enrique Valero, director da EE Forestal, un proxecto que “non só servirá para ter unha base documental para o alumnado, senón que estará aberto a calquera interesado na madeira”. Por ese motivo, Valero convida a “fabricantes, serradoiros ou coleccionistas a que se sumen a esta idea” e axuden a ampliar a colección da EE Forestal. Neste senso, o obxectivo final desta iniciativa é habilitar na escola un espazo aberto ás visitas, que sirva como un medio para a difusión da riqueza forestal de Galicia e, ao mesmo tempo, como “un espazo de formación para os centros educativos que desexen visitarnos”, explica Luis Torres.

Non en van, como relata o responsable de poñer en marcha esta xiloteca, a idea deste proxecto xurdiu “do plan de promoción da escola que estamos levando a cabo no centro e que inclúe, entre outras cousas, as visitas do alumnado de institutos ou centros de FP”. Como relata Torres, o centro xa contaba cunha colección de madeiras, pero limitada ao uso docente, polo que non podía usarse nas diferentes visitas que recibe a escola. De feito, este arquivo de madeiras serviu para obter as primeiras pezas dunha colección que axiña comezou a medrar, grazas a que “responderon moitas das empresas ás que lle pedimos colaboración”, como salienta Torres, que incide en que ademais de con doazóns, está previsto que esta colección de madeiras poida completarse “a través de intercambios con outras xilotecas, naqueles casos nos que non é posible ter acceso ás madeiras pola vía comercial”.

A idea é que a colección axude á investigación e que se abra ás visitas do público

“A idea é que a colección creza todo o que poida e cando teña un pouco máis de entidade, habilitar un espazo para facela pública”, explica Torres, que relata así mesmo que a compilación de mostras de múltiples madeiras, clasificadas segundo se trate de árbores coníferas ou frondosas, non será o único contido do futuro espazo. Á compilación destas táboas está previsto engadirlle outra serie de pezas de madeira, como toradas –corte transversal do tronco dunha árbores–, así como o deseño de unidades didácticas pensadas especialmente para os estudantes que visiten a escola. “O obxectivo é que non sexa só un almacén de pezas, senón algo vivo”, conclúe Torres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo

O Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra, o mellor de España contra a hepatite C

Esta unidade é pioneira na utilización de técnicas de intelixencia artificial e big data para a detección de pacientes ou implementando o diagnósticos dos mesmos nun só paso

A Coruña é a provincia con máis xeodestinos de Galicia

A actualización do mapa desta áreas turísticas destacadas suma 12 novos destinos e xa está integrado por un total de 26