Martes 23 Abril 2024

A fauna do Nautilus, nunha nova charla do ciclo ‘Un mar de Verne a Vigo’

Chega unha nova charla científica ao ciclo ‘Un mar de Verne a Vigo‘. A fauna do Nautilus será o título deste novo evento, no que nos mergullaremos nos fondos mariños para descubrir aos animais que poboan a ría de Vigo ou coñecer os ‘monstros’ que sorprenderon ao capitán Nemo.

A cita será este mércores 4 de abril, no pub La Pecera ( c/ Pizarro, 35) ás 20.00 horas, en formato Pint of Science. Dous zóologos van achegarnos á fauna submarina que Jules Verne describe en ‘20.000 leguas baixo dos mares’.

Publicidade

O investigador "ad honorem" do CSIC Ángel Guerra (con bata verde), dirixiu os traballos. Foto: IIM-CSIC.
O investigador “ad honorem” do CSIC Ángel Guerra (con bata verde), disecionando un kraken

Jesús Troncoso, da Universidade de Vigo, achegaranos aos peixes que coñeceu o capitán Nemo, mentres que Ángel Guerra, do CSIC, falaranos do mítico ‘Kraken’, a lura xigante que atacou ao submarino Nautilus nunha pasaxe da novela.

A charla de divulgación completarase con imaxes dos exemplares de lura xigante estudados por Ángel Guerra nos últimos anos. E ambos os científicos tentarán satisfacer a curiosidade dos presentes.

Levar a ciencia ao pub é un fenómeno en todo o mundo, con iniciativas como Pint of Science, que naceu no Imperial College de Londres e hoxe é un éxito en Oxford, Yale, Cambridge, Princeton ou La Sorbona.

Así que, para celebrar o 150 aniversario do Nautilus en Vigo, e o 140 da primeira visita de Verne á cidade, a Sociedade Hispánica Jules Verne, a Sociedade Verniana de Vigo e o Campus do Mar, co apoio de GCiencia, organizan o ciclo de charlas científicas ‘Un mar de Verne a Vigo’, coa colaboración da Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC).

O formato destas charlas científicas no pub permiten un ambiente distendido que facilita o diálogo, as preguntas e o debate cos asistentes. Ademais, todas as charlas van acompañadas de proxeccións audiovisuais, nas que poderemos descubrir desde os fondos da ría de Vigo ata os tesouros das illas Cíes.

As próximas charlas científicas sobre Verne dentro do ciclo ‘Un mar de Verne a Vigo’ están programadas para os días:

Mércores, 18 de abril. Así era a ría de Vigo hai 150 anos. Unha viaxe no tempo para coñecer como era a ría de Vigo e a súa contorna cara a 1968, o ano en que o Nautilus visitouna na novela ‘20.000 leguas de viaxe submarina’. A través de cartografía antiga e de imaxes de diversas épocas, coñeceremos como cambiou a ría viguesa no último século e medio. O responsable de transportarnos no tempo será Gonzalo Méndez, profesor da Universidade de Vigo.

Mércores, 9 de maio. Un mar de cores para o Nautilus. Nesta charla científica, coñeceremos dúas especies de microalgas que aparecen en ‘20.000 leguas de viaxe submarina’. Trátase de Noctiluca e Trichodesmium, que contan coa particularidade de poder tinguir o mar de cor ou de darlle luz. Francisco Rodríguez, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) levaranos de paseo polos fondos mariños, xunto aos mergulladores do capitán Nemo, para coñecer estas dúas especies fascinantes.

Jesús Troncoso e outros investigadores galegos na súa zodiac en Illa Decepción.
Jesús Troncoso e outros investigadores galegos na súa zodiac en Illa Decepción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte