Venres 29 Marzo 2024

O estramonio, o alucinóxeno que abunda nos campos galegos

Nove vacas dunha explotación gandeira de Rois morren despois de inxerir as follas dunha planta "moi tóxica" e abundante en Galicia

Herba do demo, figueira do inferno, corno do cervo. Tan só son tres dos múltiples nomes cos que popularmente se coñece o estramonio (Datura stramonium), unha planta coa que é preciso ser coidadosos pola súa elevada toxicidade. Un dos seus compoñentes é a escopolamina, que se emprega na industria farmacéutica, pero que tamén é coñecida por ser o alcaloide do que se extrae a burundanga, unha droga que induce á submisión química. Agora, os riscos do estramonio volven estar de actualidade: nove vacas dunha granxa de Rois morreron despois de inxerir as follas desta planta. O gandeiro segara herba na finca para darlla aos animais, sen saber que no medio ía o estramonio.

“O gando non come as súas follas porque desprende un olor que repele. Neste caso puido acontecer que debido aos labores de roce, os ulidos se mesturasen e as vacas non percibisen o estramonio”, explica o catedrático de Fisioloxía Vexetal da Universidade da Coruña (UDC) Federico Pomar. Segundo traslada o experto, a figueira do inferno é moi habitual en toda Galicia e adoita ser fácil de identificar: as súas follas teñen unhas puntas moi claras, a flor ten forma de campá e o froito está cheo de sementes. “Igual que ti non as comerías, un animal tampouco, aínda que aparezan nun prado. O perigo, aquí, debeuse derivar do roce”, continúa analizando o catedrático da UDC.

Publicidade

As ‘herbas das bruxas’

O estramonio forma parte dunha tríada coñecida popularme como as herbas das bruxas. Nesta clasificación está a beladona (Atropa belladonna) e a mandrágora (Mandragora officinarum), “todas elas moi tóxicas”. Estas plantas, ademais de conter a escopolamina, teñen outros alcaloides como a atropina, que tamén afecta o sistema nervioso. En relación a este último composto: “Adoita usarse en oftalmoloxía porque dilata as pupilas. É dicir, algúns colirios conteñen atropina”. Pomar engade que o uso da beladona con este obxectivo xa era habitual no Renacemento, cando as mulleres a usaban para dilatar as pupilas porque, en teoría, as facía máis atractivas.

As mulleres do Renacemento xa empregaban a beladona para dilatar as pupilas

Polo tanto, os compoñentes que se extraen destas plantas teñen usos farmacolóxicos pero sempre con “doses moi controladas”. “Algúns úsanse para os espasmos ou incluso para tratar o párkinson porque serven para conter as respostas musculares incontroladas”, continúa indicando o investigador da Coruña. Pero unha cousa é como se trate no ámbito farmacéutico e outra ben distinta a súa inxesta. “Se comes unhas cantas follas, pódente matar, que foi o que lle debeu acontecer ás vacas”, apontoa Pomar, ademais de salientar as alteracións que induce no sistema nervioso e os seus efectos alucinóxenos. E engade que hai que ter moito coidado coas plantas silvestres se non se ten un bo coñecemento delas. “As plantas non queren que as comas. Hai que ter coidado cos novos movementos da medicina natural”, advirte o experto.

Casos por intoxicación en humanos

De feito, nos últimos anos trascenderon algúns casos de intoxicación en humanos por inxesta de estramonio. O máis coñecido produciuse en 2011 en Xetafe (Madrid), onde dous rapaces de 18 anos morreron despois de consumir estramonio e outras substancias nunha festa ilegal. A planta produce alucinacións e é moi tóxica pola alteración que produce no sistema nervioso. Tradicionalmente está vinculada ás bruxas e aos feiticeiros. “Algúns pobos indíxenas incluso as empregaban para provocar abortos“, indica Pomar. En casos como o de Xetafe produciuse á retirada de plantas de estramonio para evitar novos casos pero segundo a opinión de Pomar, “pouco poden facer as autoridades”. “Está por todas partes. O que non se pode é comer nada que non sexa un alimento”, insiste.

En Galicia tamén se produciron algúns casos por consumo accidental de estramonio. Así o recolle un boletín epidemiolóxico emitido polo Sergas en 2012. Rexistráronse dous gromos en dúas familias da provincia de Coruña nos anos 2001 e 2007. Ao parecer, no primeiro caso consumíronse as follas do estramonio ao ser confundidas con espinacas e, no outro, con nabizas. “No primeiro caso identificouse nas follas sobrantes da potaxe e, no segundo, na horta onde se apañaran”, recollen no informe. Insisten, de todas formas, que o consumo accidental —como aconteceu nas vacas de Rois— é raro en Galicia. Ás veces, máis alá do sentido común, tamén hai que recorrer á cultura popular. Dunha planta coñecida como herba das bruxas ou figueira tola talvez conveña sospeitar.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. A nós, os galegos gústanos que se nos respete a toponimia dos nosos lugares, coido que tamén debemos de ser respetuosos coa toponimia allea logo. Xetafe non é, senon Getafe. Aquí en Catalunya, moita xente cabreáse, con razón, de que se diga Gerona, Lérida, Tarrasa, no canto de Girona, LLeida, Terrassa, o que non entendo tampouco nas estradas de Catalunya haxa letreiros indicativos a por ex. Saragosa, Terol… no canto de Zaragoza, Teruel. Polo demais agradecido polo artigo, non só este, senon todos so que fan, sempre con moito interese e ben esplicados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Retiran do mercado unhas coñecidas galletas sen glute por conter burundanga

A distribución produciuse en todo o territorio nacional e as autoridades recomendan a aquelas persoas que as mercasen que eviten consumilas

O abandono gradual da gandería reduciría drasticamente a emisión de gases contaminantes

A eliminación progresiva da agricultura animal durante os próximos 15 anos tería o mesmo efecto que a redución do 68% das emisións de CO2 ata o ano 2100

Que entendemos realmente por “plantas medicinais”?

Os principios activos das especies vexetais poden ser interesantes para a farmacoloxía pero hai que ter coidado cando se quere facer un consumo directo da planta

Ensinar ás vacas a ir ao baño para reducir as emisións contaminantes de amoníaco

Científicos alemáns e neozelandeses desenvolven un método para adestrar ao gando e que evacúe en lugares determinados