Xoves 28 Marzo 2024

Estalmat avaliou o talento matemático de 362 estudantes

362 estudantes de doce e trece anos presentáronse este sábado pasado ás probas de selección da 12ª promoción do Estalmat-Galicia, nada no 2007. Estalmat é un proxecto de dimensión estatal que ten por obxectivo a detención de talento nos estudantes adolescentes. Os seleccionados participarán durante os dous vindeiros cursos académicos nas actividades que se desenvolverán na Facultade de Matemáticas. Posteriormente, poderán continuar un curso máis en Estalmat Pi. Os estudantes seleccionados desfrutarán das ensinanzas de 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

Os aspirantes de Estalmat-Galicia

Entre os 362 aspirantes, segue sendo maior o número de mozos. Mais este ano, son 148 rapazas, un 6,8 % máis respecto do pasado curso. Os aspirantes proceden de todos os centros, tanto públicos como privados. Veñen de todas provincias galegas, sendo A Coruña a máis habitual. Xa son máis de 3.500 aspirantes en total dende que o proxecto Estalmat-Galicia comezou hai doce anos.

Publicidade

A Estalmat-Galicia pretende prestar atención a mozos e mozas con talento

A Estalmat-Galicia pretende prestar atención a mozos e mozas con talento que poden pasar desapercibidos na ensinanza e na familia. Asemade, tamén ten como finalidade desenvolver aspectos que axuden a pensar en matemáticas, resolver problemas e gozar da ciencia ao tempo que se detecta o talento na xuventude.

O proxecto forma parte do programa estatal implantado xa en outras comunidades autónomas. Tamén conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e co apoio económico da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e das Deputacións da Coruña e de Lugo. O programa está conectado tamén coas actividades da Olimpiada Matemática  e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (Agapema).

A proba de selección

A proba contou coa colaboración dos profesores Marina Germiñás, Victor Pollán, Ángel Rodríguez Arós, Gonzalo Temperán, Enrique de la Torre, Pablo González e das profesoras Sandra Díaz, Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Aneiros, Teresa Otero, Trinidad Pérez, Miriam Mosquera e coa axuda do equipo administrativo do proxecto Ana Paz e Manuel Porto. Namentres se desenvolvía a primeira parte da proba, as familias dos estudantes asistiron a unha sesión informativa sobre o proxecto na Facultade de Bioloxía. Esta charla foi organizada polo presidente do proxecto, o reitor en funcións Juan Viaño, e pola coordinadora xeral, Elena Vázquez Cendón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas