Xoves 25 Abril 2024

Estaca de Bares, paraíso ornitolóxico

O seu faro, a 101 metros sobre o nivel do mar, está en funcionamento desde 1850, é historia viva da navegación e hoxe é unha estación DGPS

Latitude 43º 47′ 23.6″ N, lonxitude 7º 41′ 17.9″ W. Son as coordenadas que nos indican que estamos na punta máis setentrional da Península Ibérica: en Estaca de Bares, un cabo que tamén nos marca a divisoria xeográfica entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico.

Estas coordenadas están en todas as súas cartas de presentación, como os están os seus espectaculares e batidos cantís que separan as rías de Ortigueira e O Barqueiro; o faro situado no extremo norte do cabo, en funcionamento desde 1850; o vello posto de alerta Semáforo de Bares reconvertido nun coqueto hotel de natureza; a súa estación ornitolóxica na que é posible pernoitar (ata catro persoas) e as ruínas da que fose base de seguimento aeronáutico de Estados Unidos.

Publicidade

Xeografía e natureza alíanse para facer deste enclave o mellor punto de observación de paxaros de Europa, un paraíso para os numerosos especialistas e afeccionados que se achegan a este lugar -sobre todo entre setembro e decembro- para ver o paso de miles e miles de aves do Atlántico, o Mediterráneo e o Ártico na súa travesía cara a lugares máis cálidos. Foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional en plena Segunda República, no ano 1933.

Estación ornitolóxica. Foto: Concello de Mañón.
Estación ornitolóxica. Foto: Concello de Mañón.

Británicos, finlandeses, holandeses, franceses, alemáns, belgas… sen esquecernos dos peninsulares constitúen cíclicamente pequenos babeles cun interese común: observar e estudar o comportamento da infinidade de aves que pasan diante dos seus ollos, entre elas o alcatraz atlántico, pardelas (cincenta, balear, pichoneta…), corvos mariños (grandes, moñudos) ou carráns (común, ártico, patinegro). Seguen a senda aberta en 1954 polos británicos Owen, Snow e Moreau, que entre o 6 e o 9 de outubro, tiveron ocasión de observar desde esta atalaia un abundante paso de alcatraz atlántico e negrón común, tal como recolle a primeira referencia constatada de presenza de ornitólogos en Bares (Owen et al., 1995)

Así mesmo son moita as persoas que se achegan ata o cabo de Estaca de Bares, no municipio de Mañón (A Coruña) para gozar da fereza coa que o mar arremete contra os seus cantís graníticos e das súas espléndidas vistas e admirar o Faro, levantado a 101 metros de altura sobre o nivel do mar no montículo Ventureiro e que está en funcionamento desde o 1 de setembro de 1850. Nas súas dependencias funcionan na actualidade entre outros servizos, unha estación meteorolóxica e unha estación DGPS para a navegación marítima, última tecnoloxía mundial de axuda á navegación.

Na contorna atopamos tamén as ruínas dunha antiga base militar americana, xestionada polos Gardacostas dos Estados Unidos que estivo en funcionamento desde principios dos anos 60 do pasado século como unha base LORAN (Long Range Navigation) ata 1978. Desde entón estivo en mans da Forza Aérea dos Estados Unidos ata 1991, cando foron abandonadas. Hoxe en día son historia.

Ademais do seu contrastado interese ornitolóxico, o cabo de Estaca de Bares é, sen dúbida, un lugar de gran valor natural, paisaxístico e por que non sentimental, non en balde foi o último tramo de terra galega visto durante décadas polos miles de emigrantes que navegaban rumbo a América, en busca dun futuro mellor. Se espectaculares son as vistas desde o Faro, non menos impresionante é o camiño que descende desde a Estación Ornitolóxica cara ao mar cunha fileira encadeada de muíños de auga, todo un exemplo de arquitectura popular galega que merece a pena coñecer.


– Onde durmir:

Estación Ornitolóxica de Estaca de Bares

Semáforo de Bares

Alojamientos en Estaca de Bares

– Onde comer:

Restaurantes en la zona

– Que ver:

Cerca de Estaca de Bares

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

Coincidindo co seu 25 aniversario, o museo coruñés aproveita para remodelar a área de curación destes animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844