Venres 29 Marzo 2024

Que especies de animais e plantas hai no teu concello? Compróbao neste aplicación

Natusfera é unha plataforma gratuíta de ciencia cidadá para rexistrar, organizar e compartir observacións da natureza

Que tipo de bolboreta rolda o teu xardín? Cal é a matogueira que medra nas lindes da túa eira? Estas dúas preguntas teñen fácil solución grazas á tecnoloxía e á ciencia cidadá. A plataforma Natusfera, impulsada polo Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF), permite identificar a fauna e a flora dun punto concreto no mapa a través das imaxes que soben os seus usuarios. Cunha interface moi sinxela, esta aplicación gratuíta busca rexistrar, organizar e compartir as observacións da natureza, ofrecendo un espazo aberto para aprender sobre biodiversidade. Grazas ao material subido por milleiros de usuarios sabemos cantas especies hai identificadas por concello. En Arzúa, por exemplo, hai 989 e, en contraste, na Mezquita hai tan só 7.

Para comprobar cantas especies de fauna e flora hai na zona na que vives, tan só tes que ir ao apartado “Explora”, situado na marxe superior esquerda da aplicación. Podes buscar o animal ou a planta que desexes introducindo o seu nome científico, pero tamén podes escribir a cidade, aldea ou concello no que vives para saber cantas especies hai rexistradas nesa zona. Unha vez realizada a busca, podes analizar os resultados de tres modos: como un mapa, como unha cuadrícula ou como unha lista. Estas opcións, situadas xusto debaixo do motor de busca da páxina, podes seleccionalas con tan só clicar enriba delas.

Publicidade

Por exemplo, se introducimos “Marín” no buscador aparecerá que hai 68 observacións de 46 especies. Entre elas, a araña das flores (Misumena vatia), o tritón ibérico (Lissotriton boscai) e o fiúncho do mar (Crithmum maritimum). Se clicas nunha das especies abrirase outra ventá con imaxes e información detallada do animal ou da planta en cuestión, como a súa distribución nos arredores —neste caso de Marín—. Ademais, hai un apartado de avaliación dos datos, onde se especifica que tanto Natusfera como a súa comunidade usuaria comprobaron que a localicación, a data e a identificación da especie son correctas.

Un exemplar de araña das flores (Misumena vatia) fotografado en Marín. Foto: Natusfera

Ademais do CREAF, detrás de Natusfera está o Nodo Nacional de Información en Biodiversidade, que patrocina o Ministerio de Ciencia e Innovación e xestiona o CSIC. A plataforma pertence á rede global iNaturalist dende 2020 co obxectivo de fomentar o coñecemento do mundo natural en todas as partes do globo. Ao estar baseada na ciencia cidadá, calquera persoa pode subir as observacións da súas especies, que poden ser imaxes ou sons que non precisan estar identificados. De ser así, serán os usuarios de Natusfera os que axudarán a determinar a especie. Máis alá da comunidade, as observacións dos participantes tamén pasan filtros de calidade, segundo indican na páxina, co obxectivo de que se poidan utilizar con fins científicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Redes colaborativas e ciencia cidadá

Son fenómenos que fomentan un progreso científico descentralizado que doutro xeito se vería retardado pola falta de financiamento e a excesiva burocracia institucional

Unha rede mundial de voluntarios para estudar as poboacións de cabaliños do demo

O investigador da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo Adolfo Cordero participa na rede internacional de entomólogos que impulsa este proxecto

Descobren un novo tipo de aurora boreal con forma de duna

Unha colaboración entre físicos e astrofotógrafos afeccionados consegue identificar un patrón nestes fenómenos que non se atopara anteriormente

Ciencia cidadá para medir a calidade do aire a través das especies de liques

Estudantes de Pontevedra participan nun proxecto dirixido polo CSIC para identificar especies indicadoras dos niveis de contaminación